Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
20 de Xuño de 2021 Davila Fernández

A Covid-19 e a diplomacia dixital

_

A Covid-19, sen dúbida, transformou o xeito de relacionarnos e comunicarnos. Todo o que sabiamos foi acelerado, reinventado e os impactos na diplomacia dixital non foron menores. Como xa falamos en artigos anteriores, ao longo das últimas décadas distintos acontecementos desenvolveron a diplomacia dixital, como parte da diplomacia pública e as relacións internacionais, fortemente impactadas polo desenvolvemento das TIC. O último grande fito desta liña histórica foi a pandemia.

É un lugar común identificar o confinamento global de marzo e abril de 2020, como un acelerador total dos procesos ou patróns que sabiamos modelarían o futuro do planeta, obrigando a innovar e a transformar a vida humana no horizonte do S.XXI. Co peche das fronteiras terrestres, os límites marítimos e aéreos entre practicamente todos os estados, obrigounos a un novidoso "distanciamento estatal". Este novo contexto acabou de normalizar a diplomacia dixital en todos os niveis de goberno da sociedade internacional.

Así as cousas, durante estes últimos meses, as relacións internacionais desenvolvéronse aínda máis no espazo dixital. Por exemplo, as Nacións Unidas, a organización principal da comunidade internacional, desenvolveu un bot adicado á combinación da información a través dun número de WhatsApp habilitado en catro idiomas, a través do cal calquera cidadán do mundo podía interactuar, incluídos os ministerios de estranxeiros e os seus representantes.

Tamén as representacións diplomáticas estatais transformaron a súa forma de operar e comunicarse, centrando os seus esforzos en tres puntos clave:

- Proporcionar asistencia consular aos cidadáns encallados no estranxeiro e loitar contra as desinformacións varias, procurando proxectar unha imaxe favorable para os seus gobernos como resposta a unha pandemia global.

- Proporcionar mecanismos de procura e adquisición de equipos de material sanitario, incluíndo máquinas de ventilación e equipos de protección para médicos (acción que moitos chamaron "diplomacia médica").

-Fomentar a colaboracións internacional a través das canles científicas na procura dunha vacina contra o novo Coronavirus, que finalmente chegou en tempo record.

Ademais a pandemia multiplicou a capacidade da diplomacia dixital como mecanismo de participación e comunicación nos procesos políticos e diplomáticos da cidadanía e a sociedade civil. Multiplicou a posibilidade daquelo que o presidente B.Obama expresara anos atrás  "Internet ofrece ao presidente un contacto directo cos cidadáns dun país, o que fai que Internet sexa moi poderoso". A obriga do confinamento desenvolveu exponencialmente esta posibilidade e as interaccións entre políticos e cidadanía.

En resumo, a pandemia promoveu un valor engadido á diplomacia dixital, xogando un papel fundamental na continuidade das relacións entre estados e organizacións internacionais e, sobre todo, facilitou que a comunidade internacional afrontase esta pandemia, achegando facilidades para que a mesma poda acabar.

Nos seguintes artigos poremos o foco en historias concretas da diplomacia dixital, achegando exemplos relevantes de uso concreto destes novos mecanismos de intervención nas relacións internacionais do S.XXI.
 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais