A década xeorxiana (2003-2013)

Este ano que remata representou para Xeorxia o fin dunha década de cambios significativos, cambios que explican o porqué do seu rápido crecemento económico e que culminan co inicio das negociacións de cara a unha futura sinatura do Acordo de Asociación coa Unión Europea durante o Cumio da Asociación Oriental en Vilnius, o pasado 29 de Novembro.  

Apartados xeográficos Europa
Idiomas Galego

Este ano que remata representou para Xeorxia o fin dunha década de cambios significativos, cambios que explican o porqué do seu rápido crecemento económico e que culminan co inicio das negociacións de cara a unha futura sinatura do Acordo de Asociación coa Unión Europea durante o Cumio da Asociación Oriental en Vilnius, o pasado 29 de Novembro.  

Esta década de cambio en Xeorxia ten un nome propio, Mikhail Saakashvili. A persoa que ao longo de dez anos rematou coas mafias cidadáns, que aumentou a seguridade do país e que o colocou no mapa europeo afastándoo de Moscova. Aínda así, Saakashvili tamén será recordado polo seu enfrontamento con Rusia na Guerra de Osetia do Sur en 2008, onde unha decisión precipitada e pouco calculada levou ao país durante unha semana de Agosto ao borde do colapso trala invasión das tropas do Kremlin en defensa dos seus aliados caucásicos.

A Revolución da Rosa de Novembro de 2003 inaugurou a década dos cambios en Xeorxia coa chegada de Mikhail Saakashvili á presidencia do país. A entrada de Saakashvili no Parlamento cunha rosa vermella na man simbolizou o espírito pacífico da propia revolución e ao mesmo tempo deulle o nome. Este suceso rematou con 18 anos de presidencia de Eduard Shevardnadze, o que fora antigo Ministro de asuntos exteriores da Unión Soviética e que mantiña a Xeorxia aliada a Moscova no canto de mirar cara Bruxelas. Os primeiros anos de presidencia de Saakashvili caracterizáronse polo crecemento e expansión económica. Xeorxia pasou de crecer ao 4,9% no período 1998-2003 ao 9,4% en 2006 (NATO-AP, 2007) para logo comezar a decrecer ao 7% en 2010 onde comezou o estancamento económico debido entre outras cousas aos altos índices de inflación e as consecuencias da guerra (IMF, 2013).

Na loita contra as mafias, Saakashvili reforzou os corpos de policía converténdoos nun corpo de seguridade mais estrito e eficaz. Este feito levou o país a unha situación de guerra durante a primeira parte do seu mandato do que saíu finalmente vitorioso, elevando aínda máis a súa popularidade e concentrando de vez un maior número de poderes na súa persoa.

A partir de 2006 e aproveitando o notábel crecemento da economía xeorxiana así como a mellora nos índices de seguridade do país, Saakashvili decidiu tornarse contra as dúas rexións que dende principios dos anos noventa o goberno de Tbilisi non controlaba. As primeiras tensións ocasionáronse tralo intento de control da fronteira con Abxasia en mans rebeldes desde o 1994 pero sen recoñecemento expreso desde Moscova. En Osetia do Sur, nese mesmo ano convocouse un referendo a prol da independencia e a súa posterior anexión a Rusia. Esta escalada de tensión levou á intervención militar xeorxiana no territorio de Osetia do Sur para evitar perder o control sobre o territorio ao igual que acontecera en 1994 logo do alto o fogo con Abxasia (IGADI, 2013).

No caso osetio, a escalada de violencia trala intervención xeorxiana rematou coa intervención de tropas rusas en defensa dos seus aliados osetios en Agosto de 2008. Durante a guerra, o exército ruso invadiu e dividiu Xeorxia en dous, evitando así calquera represalia futura contra os seus aliados estratéxicos na rexión do Cáucaso. Após a mediación internacional liderada polo ex Presidente da República de Francia, Nicolás Sarkozy, e o rexeitamento de potencias e organizacións occidentais, nomeadamente a Unión Europea, Estados Unidos, Nacións Unidas e a OSCE (Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa), Rusia decidiu repregar as súas forzas fóra do territorio controlado por Tbilisi antes do enfrontamento militar pero mantendo tropas estacionadas nas repúblicas autónomas de Abxasia e Osetia do Sur que foron recoñecidas polo Kremlin como estados independentes logo do alto ao fogo.

Durante a 25ª sesión da Conferencia de Xenebra celebrada os pasados 5-6 de Novembro, o goberno xeorxiano acusou novamente o goberno ruso de ter violado en diversas ocasións os acordos firmados en 2008. Desde Tbilisi consideran que as tropas rusas están a perseguir á poboación xeorxiana que aínda reside en territorio osetio, ademais acúsanos de ter violado os acordos de fronteira acadados durante as negociacións para o alto o fogo nese mesmo ano.  (EUBussines, 2013).

Unha das consecuencias máis nefastas ao final do conflito armado foi o desprazamento de milleiros de persoas, neste caso principalmente xeorxianos, desde os seus territorios de orixe en Osetia do Sur cara os territorios baixo control do goberno de Tbilisi. Así, e segundo relata a Axencia para os Refuxiados das Nacións Unidas (UNHCR), preto de 282.130 xeorxianos atópanse na actualidade desprazados logo da guerra de Osetia do Sur en diversos asentamentos no centro do país ao longo da autoestrada que une as cidades de Tbilisi e Gori. (UNHCR, 2013).

Con todo, é importante salientar a dobre moral que se lle pode aplicar ao conflito xeorxiano. Se logo de 2008 foron os xeorxianos os que fuxiron de Osetia do Sur logo da intervención militar rusa, as tropas xeorxianas durante os anos 90 tiñan por misión o control do territorio sen importar os métodos, naquelas partes onde Tbilisi non era quen de controlar após do colapso da Unión Soviética. No caso de Abxasia, a situación logo da guerra en 1992 dista moito de ser estábel, xa que non é posíbel o libre movemento de persoas entre ambos os dous territorios e entre outras cousas a lingua e moeda xeorxiana atópanse prohibidas a día de hoxe, sen contar as mutuas acusacións de xenocidio por parte das autoridades abxasianas e xeorxianas trala guerra de Abxasia.

A partir do ano 2009 o carisma de Saakashvili, reforzado logo da derrota contra Rusia na guerra de Osetia do Sur, comezou a decaer.En parte, este fenómeno enténdese pola filtración de violacións dos dereitos humanos nos cárceres xeorxianos de presos das mafias e en parte pola excesiva concentración de poderes que tiña na súa persoa. En Novembro de 2013 e logo de case dez anos no poder, Mikhail Saakashvili caía derrotado nas eleccións presidencias e daba paso a un cuarto presidente de Xeorxia, Giorgi Margvelashvili, ex ministro de educación e ciencia. Margvelashvili, cun perfil político moito máis reservado co seu predecesor, foi o encargado de asistir ao Cumio de Vilnius onde recalcou o seu desexo de que en Setembro de 2014 o seu país asine finalmente o Acordo de Asociación logo do éxito que supuxo a firma do inicio das negociacións (EEAS, 2013). Salientou ademais, que aínda que as reformas sexan duras, o futuro político de Xeorxia pasa por Bruxelas e non por Moscova, aínda que afirmou que ambos os dous países teñen que volver a entenderse de cara ao futuro.

Esta década foi chave para o salto definitivo de Xeorxia ao escenario internacional e supuxo en grande medida o enfrontamento coas pantasmas do seu pasado. Por unha banda, as tensións territoriais e étnicas xurdidas após do colapso da Unión Soviética son chave para entender este decenio e por outra, a sempre omnipresencia de Rusia, que segue a tratar aos seus antigos territorios como seus, sen permitirlles labrar as súas propias relacións internacionais con terceiros actores como está a acontecer con Ucraína.

 

Listaxe de referencias

·European External Action Service (EEAS) (2013). Initialling of the EU-Georgia Association Agreement. Dispoñible en: http://eeas.europa.eu/top_stories/2013/291113_eu-georgia_association_agreement_en.htm

·EUBussines, (2013).  Georgia slams Russian violations after Geneva talks. Dispoñible en: http://www.eubusiness.com/news-eu/georgia-russia-un.rbm

·IGADI, (2013). Informe Mundial de Estados de Feito 2013. Dispoñible en:                       http://www.igadi.org/web/publicacions/imef/informe-mundial-de-estados-de-feito-2013

·IMF, (2013). Georgia: 2013 Article IV Discussions Concluding Statement of the IMF Mission. Dispoñible en: http://www.imf.org/external/np/ms/2013/061013.htm

·NATO-AP, (2007).  Economic and political transition in Georgia. Dispoñible en: http://www.nato-pa.int/default.asp?SHORTCUT=1171

·UNHCR, (2013). 2013 UNHCR regional operations profile - Eastern Europe. Georgia. Dispoñible en: http://www.unhcr.org/cgi-bin/texis/vtx/page?page=49e48d2e6