Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
26 de Maio de 2020 Schreinmoser

A detención de Félicien Kabuga: Unha vitoria tardía da xustiza que formula preguntas

Coa detención de Félicien Kabuga, de 84 anos, o pasado 16 de maio por parte das autoridades francesas, chega á súa fin -após máis de 25 anos- a procura dun dos considerados principais autores do xenocidio de Ruanda.

O xenocidio de Ruanda é, sen dúbida, unha das grandes atrocidades ocorridas dende a fin da Segunda Guerra Mundial. Só entre abril e xullo de 1994 entre 800.000 e 1.000.000 de membros da minoría tutsi e hutus moderados foron asasinados. Os crimes foron perpetrados por grupos radicais pertencentes á maioría hutu ante os ollos da comunidade internacional. O xenocidio non puido evitarse a pesar de que se atopaban destinados en Ruanda soldados dos cascos azuis das Nacións Unidas, formando parte da misión UNAMIR (establecida despois do acordo de paz de Arusha, 1993). Malia ás advertencias do comandante da misión, o xeneral canadense Roméo Dallaire, sobre un inminente “exterminio” dos tutsis, a ONU e a comunidade internacional permaneceron inactivas. Un día despois de que empezaran os ataques aos tutsis, o 7 de abril de 1994, dez cascos azuis belgas foron asasinados mentres protexían á Primeira Ministra de Ruanda. En resposta, as Nacións Unidas ordenaron a redución drástica do continxente, quedando limitado en tan só dúas semanas a apenas 270 soldados. Finalmente, o 17 de maio, o Consello de Seguridade da ONU decidiría aumentalo a 5.500 efectivos. Porén, debido á nefasta experiencia da intervención humanitaria en Somalia tan só un ano antes, ningún país se amosaba disposto a enviar as súas propias tropas para deter as matanzas. Así pois, continuaron até xuño de 1994, cando a Fronte Patriótica Ruandesa (FPR), unha milicia hutu baixo a dirección do actual Presidente de Ruanda, Paul Kagame, logrou facer retroceder ós génocidaires. A finais de xullo, a FPR conseguiría ter todo o país baixo o seu control, poñendo fin ó xenocidio. Pola súa banda, ó mesmo tempo, no marco da Operación Turquesa, Francia enviaría un continxente de 2.500 soldados para establecer zonas de protección no suroeste de Ruanda, tamén para protexer ós refuxiados hutus dos ataques da FPR. Esta operación baseábase no Capítulo VII da Carta das Nacións Unidas, implantando así a decisión do Consello de Seguridade do 17 de maio. Non obstante, debido á boa relación que mantiña Francia co goberno hutu, existía a sospeita de que o verdadeiro obxectivo da misión non era outro que apoiar a este último.

O xenocidio tivo un impacto significativo e duradeiro no país e na rexión. Arredor do 75% da minoría tutsi ruandesa foi vítima das masacres. Máis de dous millóns de persoas víronse obrigadas a fuxir do país e refuxiarse nos estados veciños, en particular no por aquel entón Zaire (actualmente a República Democrática do Congo). Entre os refuxiados tamén había moitos membros das milicias hutu, que puideron reorganizarse no exilio. Coa fin de facer fronte ó xenocidio, o Consello de Seguridade aprobou o 8 de novembro de 1994 a resolución 955, pola que se estableceu un tribunal internacional “co único propósito de axuizar ós responsables do xenocidio e outras violacións graves do dereito internacional humanitario cometidas no territorio de Ruanda e ós cidadáns ruandeses responsables do xenocidio e outras violacións de esa índole cometidas no territorio de estados veciños, entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 1994”. Dende que comezou o seu labor en novembro de 1995, o Tribunal Penal Internacional para Ruanda (TPIR), con sede en Arusha, acusou a 93 persoas, todas presuntas génocidaires de alto rango, das cales 62 foron condenadas. Malia as dificultades que atopou, o TPIR, xunto co Tribunal Penal Internacional para a exIugoslavia, desempeñou un papel pioneiro no establecemento dun sistema de xustiza penal internacional. O 31 de decembro de 2015, o TPIR cesou o seu labor, e o axuizamento das persoas que seguen prófugas pasou a mans do Mecanismo Residual Internacional dos Tribunais Penais (MRITP).

Entre estes fuxitivos estaba Félicien Kabuga até o pasado 16 de maio. Sospéitase que Kabuga, a través das súas empresas, facilitou a importación masiva de machetes e outros artigos utilizados nas masacres, sendo así un dos principais financeiros do xenocidio. Ademais, foi o responsable da creación da emisora de radio Radio-Télévision Libre des Mille Collines (RTLM), ferramenta fundamental para a difusión da propaganda de odio contra os tutsis. Varios responsables da emisora foron condenados polo TPIR no chamado “proceso mediático” por incitar á poboación a participar no xenocidio. Kabuga, acusado de xenocidio e incitación ó xenocidio, eludiu as súas responsabilidades penais fuxindo ao estranxeiro. O seu arresto en Asnieres-Sur-Seine, ó norte de París, abre de novo a posibilidade de reabrir o caso. O fiscal xefe do MRITP, Serge Brammertz, describiu a detención como “un recordatorio de que os responsables do xenocidio poden ser levados ante a xustiza, incluso vinte e seis anos despois dos seus delitos”. Segundo Brammertz, “este arresto demostra os impresionantes resultados que se poden lograr mediante a aplicación do dereito internacional e a cooperación xudicial.” En efecto, a detención de Kabuga é un grande éxito para o dereito penal internacional e un excelente sinal de que a comunidade internacional toma en serio o axuizamento dos responsables de xenocidios, crimes de guerra e crimes de lesa humanidade. Por outra banda, que un dos principais arquitectos do xenocidio deba agora facer fronte á súa responsabilidade tamén é un éxito significativo para as vítimas, os seus familiares e os superviventes das masacres.

Porén, algunhas preguntas seguen sen resposta; en particular, parece difícil comprender como é posible que unha das persoas máis buscadas do mundo puidese vivir tanto tempo en Europa con absoluta impunidade. Corresponde agora ao país galo dilucidar esta cuestión, especialmente tendo en conta o seu dubidoso papel nos acontecementos, ofrecendo respostas á comunidade internacional, pero sobre todo ás vítimas, ás súas familias e ós superviventes do xenocidio.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais