A “doutrina Obama”

Son cada vez mais perceptibles algunhas variables que, hipoteticamente, poderían definir a viabilidade dunha “doutrina Obama”. Entre elas destacan acontecementos recentes, como a apertura con Cuba simbolizada no recente Cumio das Américas, os pasos de distensión con Irán tralo acordo nuclear de Lausana (Suíza), os plans militares de expansión operativa da OTAN en Europa do Leste, con claras perspectivas de propiciar unha nova “guerra fría” con Rusia, e o tácito apoio de Washington á ofensiva saudita en Iemen como baluarte dunha reconfiguración xeopolítica rexional. Outros aspectos, mais de carácter hipotético, son os efectos globais da súbita recuperación económica estadounidense, a revalorización do dólar e principalmente a caída dos prezos petroleiros, que afecta a países produtores incómodos para Washington (Rusia, Venezuela) e outros aos que aspira neutralizar (Irán) Con candidaturas presidenciais 2016 xa oficialmente en curso (Hillary Clinton, Marco Rubio), Obama ansía conservar a iniciativa política mentres acicala as bases que propicien a consecución dun legado histórico non menos controvertido.

Apartados xeográficos Estados Unidos
Idiomas Galego

Son cada vez mais perceptibles algunhas variables que, hipoteticamente, poderían definir a viabilidade dunha “doutrina Obama”. Entre elas destacan acontecementos recentes, como a apertura con Cuba simbolizada no recente Cumio das Américas, os pasos de distensión con Irán tralo acordo nuclear de Lausana (Suíza), os plans militares de expansión operativa da OTAN en Europa do Leste, con claras perspectivas de propiciar unha nova “guerra fría” con Rusia, e o tácito apoio de Washington á ofensiva saudita en Iemen como baluarte dunha reconfiguración xeopolítica rexional. Outros aspectos, mais de carácter hipotético, son os efectos globais da súbita recuperación económica estadounidense, a revalorización do dólar e principalmente a caída dos prezos petroleiros, que afecta a países produtores incómodos para Washington (Rusia, Venezuela) e outros aos que aspira neutralizar (Irán) Con candidaturas presidenciais 2016 xa oficialmente en curso (Hillary Clinton, Marco Rubio), Obama ansía conservar a iniciativa política mentres acicala as bases que propicien a consecución dun legado histórico non menos controvertido.

Apostando pola realpolitik en contextos determinados pola diversidade de visións e intereses, Obama traspasa a tradicional (e cada vez mais anquilosada) perspectiva de polarización constante existente entre as forzas “realistas” e “moralistas” que modelan a política exterior e de seguridade estadounidense. A súa semella unha doutrina baseada en tentar asegurar temporalmente unha iniciativa hexemónica cada vez mais contestada no escenario internacional, reducindo así espazos de actuación cara actores emerxentes (principalmente China).

Deixando atrás as promesas establecidas no comezo da súa primeira presidencia en 2009, a “doutrina Obama” cae no realismo dos intereses inalterables da seguridade estadounidense. Non hai unha decisión firme para, por exemplo, pechar a base militar de Guantánamo (Cuba), acabar coas escoitas e a espionaxe a gran nivel, ou a polémica polos voos ilegais da CIA. Estes aspectos, provistos dun carácter moralista, vense desprazados pola prosecución de intereses estratéxicos mais relevantes, e cuxa actuación require dunha visión mais condescendente cos sectores da “liña dura” na Casa Branca e no Pentágono.

A obsesión por China

Con todo, o seu obxectivo estratéxico está mais focalizado: China e o seu hinterland en Asia-Pacífico. Pero o mesmo, así como outras realidades, aducen de contrariedades que pulsan a viabilidade e eficacia desta “doutrina Obama”.

Neste escenario, a iniciativa da Asociación TransPacífico (TPP polas súas siglas en inglés), impulsada por Obama desde 2011, confróntase coas realidades subxacentes das iniciativas chinesas (Ruta da Seda, Banco Asiático de Inversións en Infraestruturas, Casa Común Asiática) existentes no marco de actuación asiático, e que condensan a perspectiva de bipolaridade entre Pequín e Washington trazada para as próximas décadas.

Observando unha perspectiva estratéxica focalizada na conxunción de marcos de integración entre Asia-Pacífico e o hemisferio occidental, determinada na pretensión de Obama de marcar unha continuidade do TPP a través da Alianza do Pacífico, conformada por México, Chile, Perú e Colombia, esta realidade obriga igualmente a Pequín a xogar no propio hinterland estadounidense, a tenor das cada vez maiores relacións chinesas cos países que forman parte da Alianza do Pacífico, así como da creación do Foro China-CELAC en xaneiro pasado en Pequín.

Claroscuros con Cuba e Venezuela

Colateralmente, esta visión impulsaría igualmente as variables de apertura de Obama cara Cuba. A prosecución de asociacións estratéxicas chinesas en América Latina, a través de Venezuela, Brasil, Cuba ou Arxentina, persuaden a Obama a trazar unha iniciativa mais viable, onde o carácter enerxético xoga un papel predominante.

Mentres a atención da opinión pública mundial concentrouse no recente Cumio das Américas de Panamá no histórico encontro entre Obama e o presidente cubano Raúl Castro, poucos decatáronse dunha iniciativa anterior, fixada previo a este cumio, nun encontro en Xamaica entre o mandatario estadounidense e membros da CARICOM. Alí, e posteriormente no cumio en Panamá, Obama trazou as bases dunha Iniciativa de Seguridade Enerxética no Caribe claramente orientada a debilitar a presenza na rexión de proxectos xa establecidos con anterioridade, como é o caso de PETROCARIBE impulsado a través da ALBA.

Non se debe esquecer que os factores que mobilizarían a apertura de Obama a Cuba estarían mais ben establecidos na presión dos lobbies empresariais estadounidenses por abrir o mercado cubano, na necesidade de gañarse a credibilidade dos gobernos hemisféricos propiciando a reinserción cubana no sistema americano de integración, e colateralmente na pretensión por incidir nas preferencias electorais dunha nova xeración dentro do exilio cubano, politicamente menos intransixente no relativo ás relacións con Cuba. Pero esta ecuación estaría incompleta se Washington non establece unha estratexia mais viable e persuasiva, recolocando a importancia do factor enerxético e económico, coa pretensión de distanciar á rexión da presenza de actores externos como China, Europa ou Rusia.

A estratexia de colocar a Cuba nesta nova realpolitik enerxética para o Caribe e América Central, a través de acordos migratorios e de investimentos no marco do Sistema de Integración Centroamericano (SICA) consolidados no encontro de Xamaica e no cumio panameño, significaría o establecemento dun marco de contención e de paulatina desarticulación dun PETROCARIBE impulsado por Venezuela, en momentos sumamente complexos para Caracas, particularmente pola caída dos prezos do cru que evidenciaron un recorte substancial da súa benevolente asistencia enerxética a Cuba e outras illas caribeñas.

Con todo, Obama non saíu completamente airoso do Cumio das Américas. Un total de 33 dos 35 países participantes (con excepción de EUA e Canadá) lle esixiron derrogar o seu controvertido e polémico decreto de considerar a Venezuela unha “ameaza para a seguridade estadounidense”. A tenor da asociación estratéxica cubano-venezolana deseñada desde 2000, así como da percepción dunha notable solidariedade hemisférica cara A Habana e Caracas, Obama debe medir que a súa apertura con Cuba exerce efectos directos e ineludibles de cara a crise política venezolana, un factor de risco que pode tirar polo chan a credibilidade de Washington.

As ambigüidades con Irán

Hipoteticamente, o acordo nuclear alcanzado a comezos de abril en Lausana (Suíza) entre Irán e o G5+1, pode gravitar colateralmente nesta iniciativa de seguridade enerxética de Obama, en principio deseñada para o Caribe e Centroamérica pero que pode alcanzar unha dimensión hemisférica. Acabando coas sancións vixentes desde 2003 contra Teherán por mor do seu programa nuclear, e controlando este a través da AIEA por un período de dúas décadas, reducindo a produción de uranio e a capacidade nuclear iraniana, Washington parecera querer igualmente implicar a Teherán nun contexto enerxético en América Latina, a través dun subministro dos seus excedentes petroleiros toda vez o final das sancións internacionais contra o país persa lle permita a Teherán regresar aos mercados mundiais con certas garantías.

Pero o embude iraniano non deixa de asomar contrariedades e posibles ambigüidades. Obama desexa cortar a relación establecida por Teherán en tempos da presidencia de Mahmud Ahmadíneyad (2005-2013) con países hemisféricos (Venezuela, Brasil, Arxentina e Bolivia, entre outros), nos que destacan importantes produtores enerxéticos como Venezuela e Bolivia.

A nivel hemisférico, para Obama supón un obxectivo primordial reverter esta relación estratéxica acicalada con anterioridade por Teherán con actores incómodos para Washington, como é o caso da Venezuela chavista, así como establecer un marco de disuasión cara o país persa pola súa presunta implicación no misterioso “caso Nisman” que sacode o ambiente político arxentino desde comezos de ano.

Estas variables ben puideron supoñer sutís “moedas de cambio” establecidas por Washington a través do recente pacto nuclear entre Irán e o G5+1, baixo o compromiso de acabar coas sancións internacionais contra Teherán, de propiciar o seu retorno aos mecanismos económicos globais; e de medir os marcos de eventual apertura diplomática co país persa.

Convencido na contención da expansión global de China, reducindo o seu impacto a través de iniciativas de integración mais definidas (TPP, Alianza do Pacífico) e apostando polas perspectivas trazadas na potencial desaceleración dos espectaculares niveis de crecemento económico chinés, a ecuación de Obama con Cuba semella mais perceptible e moderadamente viable. Con todo, esta perspectiva aborda retos mais difíciles de entrever no que respecta a Irán, en particular polas variables xeopolíticas en xogo.

Alianza Atlántica contra Rusia

A pesar do pacto nuclear co G5+1, visiblemente favorable aos intereses occidentais, Teherán non pensa renunciar á autonomía das súas relacións exteriores. Recentemente, o ministro de Defensa iraniano Hossein Dehghan anunciou que Irán cooperará con Rusia, India e China para opoñerse á pretendida expansión da OTAN en Europa do Leste, potenciada polo conflito en Ucraína durante o 2014 e o actual marco de distanciamento e de polarización nas relacións ruso-occidentais.

A mediados de abril, a axencia de noticias chinesa Xinhua(1) informou que a OTAN acelera desde xaneiro pasado un protocolo de expansión dun Sistema de Control e de Comando Aéreo (ACCS) con Bulgaria, Albania, Croacia, Estonia, Lituania, Letonia, Romanía, Bulgaria, Eslovaquia e Eslovenia. Trala materialización da partición de feito de Ucraína, consolidada no Protocolo de Minsk de setembro pasado, en ante as presións e acusacións por parte dos sectores da “liña dura” en Washington de manter unha presunta política de “pasividade” de cara á crise ucraína, Obama veuse persuadido a dar luz verde ao rearme a Kiev, incluso outeando a súa eventualidade de ingreso na OTAN. Ésta, pola súa banda, acelerou os exercicios e plans militares dentro do seu paraugas de seguridade europeo, revitalizando así a Alianza Atlántica con claras pretensións por expandila na periferia ex soviética, cercando así a Rusia.

Como reacción, Moscova igualmente ven potenciando o seu poder militar. Desde marzo pasado, o Kremlin ven desprazando mísiles Iskander ao seu enclave europeo en Kaliningrado, entre Polonia e Lituania, así como bombardeiros estratéxicos TU-22M3 a Crimea, coincidindo co primeiro aniversario do referendo de reinserción desta península a Rusia. Próximos ás fronteiras da OTAN na periferia ex soviética, Rusia acelerou nas derradeiras semana exercicios militares preventivos, mobilizando 45.000 soldados, 40 barcos de guerra, 15 submarinos, 3.000 blindados e 110 avións de combate, así como rexeitou ampliar o tratado START (2010) de redución do arsenal nuclear(2)

Noutro ámbito, e se ben persuadido pola ameaza de expansión de movementos radicais islamitas en Asia Central, con epicentro en Afganistán e Paquistán, Rusia igualmente acelera exercicios militares a través das súas bases Kirguizistán e Tadxikistán, así como a implicación de Kazajstán a través da Organización do Tratado de Seguridade Colectiva (OTSC) impulsado por Moscova. A mesma pode estar establecida dentro da perspectiva de maior cooperación e unidade política a través da Unión Euroasiática, coa perspectiva colateral de frear calquera implicación da Alianza Atlántica na periferia centroasiática, toda vez Moscova traza as liñas de asociación estratéxica con China.

Este contexto acontece dentro do recente apoio iraniano á conformación dun marco de cooperación con Rusia, India e China para evitar calquera expansión da OTAN, en principio focalizada en Europa. Con todo, a incerta apertura de Obama con Irán, se ben semella avanzar con certa firmeza, atópase contrariada por diversos efectos colaterais de carácter xeopolítico.

Washington precisa do apoio de Teherán contra a consolidación do Estado Islámico entre Siria e Iraq, co cal coloca a EUA nunha irónica concreción de intereses mutuos non só con Teherán senón a favor de manter en pe a un dos seus principais rivais en Oriente Medio, o atribulado réxime de Bashar al Asad en Siria.

As tentativas de apertura iraniano-estadounidense confronta igualmente a Obama cos seus aliados xeopolíticos na rexión, en particular Israel, Arabia Saudita e Exipto, contrariados polas expectativas de reforzamento da posición xeopolítica iraniana en Oriente Medio e o Golfo Pérsico. Velaí o tácito apoio de Washington, así como de Israel, á recente ofensiva aérea militar saudita en Iemen trala rebelión das milicias houthíes, aparentemente apoiadas por Teherán, e que contou co apoio de países musulmáns, como Exipto, Marrocos, Paquistán e Turquía.

É este un legado histórico?

Por tanto, a política de Obama cara Irán asume varias varas de medir, aspectos que acrecentan a súa contradición: contención do seu programa nuclear a través dun pacto que acabe coas sancións internacionais; necesidade do apoio de Teherán na loita contra o Estado Islámico; e tácita e colateral disposición estadounidense a conter calquera eventual expansión xeopolítica iraniana a través do seu hinterland no Golfo Pérsico e no Golfo de Adén.

Así, non resulta perceptible para Obama en qué medida se observan estes cambios e a viabilidade da súa pretendida doutrina no contexto político interno iraniano, onde Obama conta co respaldo do presidente Hasan Rouhaní sen coñecer con exactitude as percepcións doutros factores de poder, como o aiatolá Alí Jamenei ou a Garda Revolucionaria Islámica, detentora do poder militar iraniano.

Tampouco se sabe cómo serán analizados estes cambios dentro do contexto político estadounidense, tomando en conta o control republicano da Cámara de Representantes e do Senado tralos comicios de outubro pasado. Igual perspectiva abórdase ante as recentes candidaturas presidenciais 2016 anunciadas polo senador republicano de orixe cubanose Marco Rubio e da demócrata Hillary Clinton, cuxas posicións en materia de política exterior e de seguridade nacional e, particularmente, no relativo ao tratamento nas relacións con Cuba, Irán, China e Rusia, albíscanse mais intransixentes e radicais que as que Obama pretende establecer cunha doutrina cuxo legado histórico asúmese incerto e contraditorio.

 

 



(1) “Bulgaria to participate in expansion of NATO Air Command, Control System”, Xinhua News, 15 de abril de 2015. Ver en: rhttp://news.xinhuanet.com/english/2015-04/15/c_134154377.htm

(2) “Crimea, un año después”, Informe Semanal de Política Exterior, Nº 932, 30 de marzo de 2015, páxina 1.