A “enerxía” de Alxeria

A recente visita a Alxer do ministro español de Exteriores, José Manuel García-Margallo, relanza as opcións do país magrebí de consolidarse como un socio enerxético chave para Europa, en particular pola intensificación das crises de Ucraína e Crimea, que condicionan a dependencia enerxética europea de Rusia.

Apartados xeográficos Europa
Palabras chave Alxeria Europa Enerxía
Idiomas Galego

A recente visita a Alxer do ministro español de Exteriores, José Manuel García-Margallo, relanza as opcións do país magrebí de consolidarse como un socio enerxético chave para Europa, en particular pola intensificación das crises de Ucraína e Crimea, que condicionan a dependencia enerxética europea de Rusia.

O obxectivo concreto desta visita non puido ter maior repercusión neste sentido, unha vez García-Margallo instou ao seu homólogo alxerino, Ramtan Lamamra, de aumentar a oferta de gas alxerino a Europa, a fin de reducir a dependencia europea do gas ruso. Neste sentido, o ministro de Exteriores español sinalou que España compra a Alxeria o 50% do seu consumo de gas natural, toda vez Europa depende nun 25% do gas ruso. “Hai unha convicción de que hai que ir reducindo esa dependencia e, para reducir esa dependencia, hai que aumentar a oferta de provisión de gas dende o norte de África”(1), especificou García-Margallo.

Alxeria celebrará eleccións presidenciais o próximo 17 de abril, nas que o septuaxenario presidente Abdelaziz Buteflika volve a presentarse como candidato da gobernante Fronte de Liberación Nacional (FLN). Para Europa, así como as elites magrebís, a necesidade de preservación do status quo no Norte de África cobre unha importancia radical nestes comicios presidenciais alxerinos, en particular para evitar reproducir as tensións motivadas polas revoltas árabes actualmente en fase de “hibernación”, principalmente en Exipto, Tunisia e Libia.

Unha “estabilidade” que Buteflika garante en Alxeria, a pesar dos seus consabidos problemas de saúde. No sentido do cambio político, Alxeria veuse inmune da riada de cambios suscitada polas rebelións árabes, toda vez o risco de intensificación do integrismo islamita fan deste país un obxecto de constante preocupación para Europa e o Magreb.

Sen unha oposición unificada e forte, o pulso político alxerino concéntrase principalmente dentro do estamento de poder, en particular o FLN e o sector militar, en particular ante a candidatura do xeneral Tufik Mediene, xefe dos servizos de intelixencia DRS, así como das tentativas de Buteflika (co presumible apoio do Alto Mando castrense), de limitar os poderes destes servizos, en clara alusión a debilitar politicamente a Mediene.

As crises de Ucraína e Crimea e a crecente tensión entre Rusia e Occidente son factores que obviamente preocupan a Europa, en particular pola proliferación de oleodutos e gasodutos que transitan dende o Mar Caspio pasando por Ucraína e Crimea. O mais importante é o Nord Stream, un gasoduto subterráneo da estatal rusa Gazprom no Mar Báltico, cuxo proxecto conta con capital alemán. Isto lle permite a Moscova manter un notable lobby enerxético no centro do poder europeo(2).

Estas realidades amplían claramente os intereses europeos sobre o que acontece en Alxeria e no Magreb, escenarios que cobran maior preponderancia de cara aos comicios presidenciais alxerinos e a necesidade de preservar o status quo. Expectativa da que non escapa Libia, sumida nas turbulencias previstas pola violenta caída do réxime de Gadafi e polas tensións sectarias e políticas entre os actores involucrados (principalmente polo ascenso de grupos islamitas yihadistas) dentro dunha transición determinada polas incertezas e polos intereses enerxéticos europeos.

Alén do factor conxuntural que supón a dependencia enerxética de Rusia e a necesidade de consolidar a novos socios como Alxeria, no futuro albíscanse cambios xeopolíticos significativos no sector enerxético toda vez EUA acelera para os próximos anos os seus proxectos de extracción de gas de esquisto (shale gas) e de petróleo non convencional (tight oil).

Este boom do shale gas, a pretendida autosuficiencia enerxética estadounidense e a eventualidade de que EUA convértase a mediano e longo prazo nun principal produtor e exportador neto de petróleo, implicará cambios e riscos considerables para Europa, así como para China, tomando en conta a súa excesiva dependencia enerxética. Neste sentido, Washington pode estar considerando a súa “arma enerxética” na concreción de proxectos xeopolíticos como a Asociación Transatlántica e a Asociación Transpacífica, respectivamente deseñadas para someter a Europa e conter a China.

Todo isto sen menoscabar en qué medida esta realidade intensificarán as tensións con produtores mundiais de cru e gas natural como Rusia, Arabia Saudita ou Venezuela, así como a posibilidade (aínda incerta) de que a potencialidade enerxética estadounidense termine degradando a hexemonía estratéxica e enerxética de rexións como o Golfo Pérsico.

Estas e outras variables explican porqué Europa incrementa o seu interese na “enerxía” alxerina, traducida no mantemento do status quo do réxime de Buteflika, baseado en piares inalterables: a burocracia política do FLN, a estrutura de poder da estatal petroleira SONATRACH e o tácito apoio do poderoso estamento militar alxerino.

           

 

           

 



(1) “Margallo comienza en Argel una visita de marcado carácter económico”, La Información (España), 11 de abril de 2014. Ver en: http://noticias.lainformacion.com/economia-negocios-y-finanzas/petroleo-y-gases-primarios/margallo-comienza-en-argel-una-visita-de-marcado-caracter-economico_dvdzlhXAFTO5U0nGaPo3F2/

(2) “La ‘quinta columna’ putinista”, Informe Semanal de Política Exterior (España), Nº 886, 14 de abril de 2014, p. 2.