Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 30 de Outubro de 2019 Mansilla Blanco

A era do descontento global

Protestas en Chile. Foto: Axencia Xinhua

A atención nas protestas que vense levando a cabo en América Latina non debe descoidar outros escenarios onde se presentan igualmente fortes manifestacións de malestar cidadá, tal e como se está observando actualmente coas protestas en Líbano e Iraq. O primeiro ministro libanés Saad al Hariri renunciou ao seu cargo tras días de protestas nas rúas. E na veciña Iraq, milleiros de manifestantes protestan pola corrupción e a precariedade económica. Ámbolos dous casos, o libanés e o iraquí, reflicten sistemas políticos fráxiles determinados por múltiples equilibrios políticos, en gran medida supeditados a identidades de carácter confesional, toda vez a persistencia do conflito sirio e o pulso hexemónico rexional entre potencias rivais (Irán, Israel, Arabia Saudita) contribúen a fragmentar aínda mais o panorama. En perspectiva, estamos observando a codificación dunha era do malestar global, presente nas rúas dende Quito e Santiago de Chile ata Hong Kong, de París a Beirut e Bagdad.

Coas súas dinámicas internas, non sempre coincidentes, débense interpretar as causas deste malestar global basicamente ante o descontento cidadá co seu establishment e representación política, incapaz de ofrecer solucións efectivas tendentes a fomentar un modelo de estabilidade social, toda vez a corrupción adopta un cariz cada vez mais institucionalizado. Simultaneamente, a crise económica é un catalizador importante deste descontento, en gran media ante a adopción de medidas económicas restritivas, como foron os casos de Ecuador, Chile e Líbano.

A represión por parte das forzas de seguridade contribúe igualmente a intensificar os síntomas deste malestar social, toda vez o recente contexto electoral latinoamericano da conta deses cambios de equilibrios políticos, ao carón das recentes protestas.

Con todo, os efectos das protestas tiveron, nalgúns casos, inmediatos custes políticos para este establishment. En Hong Kong, e tras violentas protestas, a gobernadora Carrie Lam debeu dar marcha atrás a un decreto de extradición a China. O presidente ecuatoriano Lenín Moreno e o seu homólogo chileno Sebastián Piñera víronse na obriga de suspender os seus decretos de alza en impostos ao gasóleo, nas tarifas de transporte e na diminución de subsidios públicos. Coa súa renuncia, o primeiro ministro libanés Hariri converteuse na “vítima” política mais visible ante os efectos das protestas en Beirut.

Xa en abril pasado, e ante as fortes manifestacións nas rúas alxerinas, o lonxevo presidente alxerino Abdelaziz Bouteflika anunciou, tras dúas décadas no poder, o retiro da súa candidatura presidencial para unha nova reelección. Toda vez, nese mesmo mes de abril, a rebelión en Sudán deu paso á caída do autoritario réxime de Omar al Bashir, vixente tras tres décadas no poder. En Bolivia, a crise política e institucional está agora manifestada polas protestas nas rúas tras un polémico contexto post-electoral derivado das pretensións dunha cuarta reelección de Evo Morales. Parcialmente aplacado nos últimos meses, a crise venezolana segue estando presente, con evidentes repercusións rexionais e un interminable pulso de lexitimidades políticas e institucionais. Haití é outro escenario de violentas protestas e crise humanitaria.

Non obstante o espallamento da protesta global, a xeopolítica segue o seu curso. Un caso ilustrativo é precisamente Oriente Próximo. O recente pacto ruso-turco para amortecer a ofensiva militar turca no norte de Siria implica un aggiornamento estratéxico con implicacións rexionais.

A pax rusa de Putin en Siria refórzao como o actor de maior poder con capacidade de establecer un equilibrio no sempre conflitivo Medio Oriente. A retirada (e desfeita) estadounidense na rexión, expresada actualmente coa irritante posición da administración de Donald Trump, permite a Rusia converterse no actor con maior capacidade de establecer un equilibrio rexional.

A diferencia de Washington, a diplomacia rusa en Oriente Próximo permite a Putin ter incidencia nas decisións que tomen actores enfrontados como Israel, Arabia Saudita, Irán, Turquía, un caso dificilmente experimentado con anterioridade por actor externo algún na rexión. Toda vez, a atribulada Siria de Bashar al Asad logra manterse en pe grazas ao apoio da intervención militar rusa desde 2015. Non obstante, estas variables de incidencia rusa aparentemente non teñen capacidade algunha de influencia nos contextos de crise en Líbano e Iraq.

Os constantes roces de Washington en Oriente Próximo son significativos, reforzando así as expectativas de Putin de converterse no único árbitro rexional. A permanente irritación na relación de Trump cun socio estratéxico membro da OTAN como Turquía define eses cambios xeopolíticos, manifestados no achegamento turco a Rusia e Irán (Pacto de Sochi, 2017) e a recente ofensiva militar turca en Siria contra as milicias kurdas.

Con sancións económicas contra Ankara por mor desta ofensiva militar en Siria, Washington deu un paso mais: a Cámara de Representantes do Congreso estadounidense recoñeceu oficialmente o xenocidio armenio, tema tabú para Turquía. Toda vez, as protestas en Iraq interpretan ese malestar cidadá polo sistema político instaurado por Washington e os seus aliados na transición post-Saddam, trala unilateral e ilexítima intervención estadounidense de 2003.

No caso iraniano, Teherán, aliado de Putin, é permanente membro do controvertido “eixe do mal” de Washington. Finalmente, e ante a incapacidade para formar goberno tralas eleccións de setembro pasado, é un feito a caída dun íntimo aliado de Trump como é o primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu. A falta de definir estes escenarios, Putin segue afianzando a súa diplomacia rexional: tralo pacto con Turquía en Siria, visitou Arabia Saudita, toda vez mantén unha canle permanente de relación con Teherán.

Este descontento global define igualmente un contexto de dilemas, principalmente en Occidente, sobre o futuro da democracia liberal representativa como modelo político. Noutros casos onde persisten réximes mais autoritarios, o malestar aparece ante a falta de canais democráticos. Os cambios socioeconómicos motivados pola globalización e a persistencia dun explosivo cóctel de crise económica e corrupción no establishment e nas elites de poder catalizan as expectativas de impulsar cambios no modelo político, ou ben a súa substitución por un sistema mais representativo e participativo. En todo caso, e a piques de afrontar unha nova década (2020) deste século XXI, estamos presenciando a era do malestar global.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais