Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza 7 de Novembro de 2013 Ríos

A estraña nostalxia da “diplomacia das queimadas”

Cuba vive momentos de cambio. Para uns, insuficientes e lentos; para outros, prudentes e acertados. O caso é que no primeiro semestre de 2013 contábase medio millón de contrapropistas. O crecemento do sector privado foi do 8,8 por cento. En 2010 non pasaban de 150.000. Entre 2011 e 2015, o Plan contempla a redución de 1,5 millóns de empregos públicos que deberá absorber o puxante sector privado.

Noutra orde, as autoridades cubanas promoven iniciativas de captación de investimento estranxeiro, orientadas especialmente á zona especial de desenvolvemento de Mariel, a primeira da illa, con vantaxes de diverso tipo que entrarán en vigor en novembro próximo. Mariel, a 50 km da Habana, debe converterse no centro rexional de loxística de mercadorías. Dos 900 millóns de dólares investidos nesta operación, 640 foron achegados por Brasil, país que xunto con China poderán activar a súa presenza na illa con clara vocación hemisférica en atención ás oportunidades económicas pero tamén a resultas da sintonía política que profesan. Nun país destas dimensións, xeográficas e demográficas, o impacto pode ser relevante só no espazo dun lustro.

Boa parte desas expectativas quedan reflectidas na feira comercial que se celebra na Habana esta semana, a maior do Caribe e unha das principais de toda América Latina, que desta vez baterá amplamente anteriores marcas de participación.

Os citados non deberan ser datos menores para un país como o noso, que conta na illa con outros activos importantes, tanto afectivos como humanos que ben aproveitados  cunha estratexia, poderían situarnos en boas condicións na rampa de lanzamento do desenvolvemento cubano.

O Presidente Feijóo visitará Cuba en decembro próximo con motivo da reordenación das 38 sociedades comarcais galegas presentes na illa que deixou encamiñada en setembro último Rodríguez Miranda, o secretario de emigración. Non se trata de reproducir agora a “diplomacia das queimadas” do ex presidente Fraga, por outra banda a anos luz da miopía popular actual por mais que se vista de excelencia, pero si de pulsar ao máximo nivel os ecos dos liñamentos aprobados en abril de 2011 polo PCC e identificar oportunidades para o noso sector produtivo reciprocamente beneficiosas.

Velaí neste caso cubano a crúa obsolescencia e inutilidade dunha acción exterior timorata que pretenda centrarse na economía ou na cultura (?), pasando de largo da política. Pola contra, é a política, a fin de contas a expresión concentrada da economía, a chave que tantas veces pode abrirnos as outras portas. Acompañar o cambio cubano, ben informados, nun momento en que precisa dar un impulso a sectores da economía nos que Galicia está ben posicionada, desde o agroalimentario aos servizos, poñamos por caso, e tirando proveito dos apoios internacionais con que conta este proceso e dos nosos recursos internos en Cuba, incluíndo o capital relacional, sería unha mostra, simplemente, de sensatez.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais