A Europa fallada

Dicía o recentemente falecido George Steiner que a de Europa é unha historia de longas marchas. E non lle faltaba razón, naturalmente. E de pesadas guerras, que en realidade serían guerras civís, tamén dicía. E de grandes decepcións, habería que engadir, que se repiten unha vez e outra.  E con elas, renacen os peores presaxios da política continental.

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Europa
Palabras chave China UE coronavirus Steiner
Idiomas Galego

Dicía o recentemente falecido George Steiner que a de Europa é unha historia de longas marchas. E non lle faltaba razón, naturalmente. E de pesadas guerras, que en realidade serían guerras civís, tamén dicía. E de grandes decepcións, habería que engadir, que se repiten unha vez e outra.  E con elas, renacen os peores presaxios da política continental.

Criticábase o proxecto europeo pola submisión do modelo, a cada paso mais pronunciada, aos intereses das grandes corporacións e os mercados, pero ao tempo, vindo dunha ditadura e cun Estado cunha cultura democrática escasamente consolidada, víase na Europa, pese a todo, un raio de esperanza para facer valer certos ideais mais avanzados, a pesar dun balance a miúdo contraditorio.   

Nos últimos anos, especialmente dende a crise de 2008 pero xa incluso antes, dende os noventa, co esfarelamento do socialismo real, o asalto dos ditados neoliberais foi erosionando e diluíndo paso a paso aquelas bondades do proxecto europeo asociadas á promoción da cohesión, o benestar, unha política exterior otaniana pero matizable nalgún contado caso... Pedíase “Máis Europa”  cando a súa praxe informaba dun baleiramento persistente dos conceptos que un día a fixeran atractiva e poderosa para moitos.

Hoxe, en plena crise do coronavirus, constatando a evidente falta de coordinación e de política realmente europea, a ambiciosa e prospectiva a que se nos tiña habituado, tanto se fale da política interior como da exterior, Europa vai camiño de ser apenas unha sombra do que foi ou puido ser.

A idealización europeísta vivida dende os anos oitenta vaise desfacendo ante as evidencias dun pragmatismo insolidario que dinamita calquera aspiración converxente. A descomposición política de Europa, acusada en virtude da sacralización dos imperativos económicos ultraliberais, converte en periféricos, retóricos e residuais os seus ideais de orixe.

Nesa China que estas semanas arrebola Europa como gran potencia salvadora fendendo de paso aínda mais as súas costuras polo sur e o leste, unha das últimas campañas internas do Partido Comunista leva por título: “permanecer fieis ao mandato fundacional”. Trátase de non perder de vista de onde un ven, reafirmando o compromiso cos obxectivos fundadores. Ten todo o sentido cando van celebrar o seu primeiro centenario (2021).

Se Europa, a de Maastricht de 1993 ou a que parte da CECA de 1952, espera a emular unha introspección cronolóxica e imaxinaria similar, moito me temo que non chega.