A Externalización das Fronteiras Europeas

Estas reflexións son a segunda achega dunha serie de artigos para Praza Pública sobre o fenómeno global das migracións, froito dunha investigación sobre persoas refuxiadas en Galicia financiada polo programa de bolsas de investigación da Deputación da Coruña 2017-2018.

Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego

Estas reflexións son a segunda achega dunha serie de artigos para Praza Pública sobre o fenómeno global das migracións, froito dunha investigación sobre persoas refuxiadas en Galicia financiada polo programa de bolsas de investigación da Deputación da Coruña 2017-2018.

As políticas europeas cara as persoas en busca de refuxio oriéntanse basicamente desde dous eixos: dunha banda a perspectiva da securitización das fronteiras; e desde a outra, a externalización das fronteiras europeas. Ámbolos dous eixos son complementarios dunha mesma estratexia, dotando de contidos ás accións europeas contra a inmigración, combinando a seguridade das súas fronteiras có control da inmigración.

A externalización das fronteiras pretende desanimar a chegada de novos habitantes ao territorio europeo e conter a mobilidade humana fóra dos seus límites fronteirizos. Seguindo a Gabrielli, o primeiro que destacamos sobre esta estratexia é que non é unha novidade consecuencia da chamada crise de refuxiados de 2015. Os Estados mediterráneos xa puxeran en marcha, xa implementaran esta externalización das fronteiras a través de acordos bilaterais cos países veciños do Norte de África. Sen embargo é co acordo entre a Unión Europea e Turquía en 2016 (legalmente o acordo é entre Grecia e Turquía) que o obxectivo da contención en terceiros países para frear a chegada de potenciais novos habitantes ao territorio europeo faise explícito. Este acordo utilizouse de forma emblemática para demostrar a falta de compromiso europeo co dereito internacional de asilo e refuxio e coa responsabilidade de protexer ás persoas desprazadas polas guerras.

Neste proceso de avance cara a externalización das fronteiras europeas, publicouse con anterioridade ao Consello Europeo do 28 e 29 de xuño de 2018, unha proposta para implementar "plataformas de desembarco". Estas plataformas deberan ser instaladas nos países que xa contan con migrantes de camiño a Europa, para dende alí xestionar o envío de persoas con estatuto de refuxiado á UE, e cando fose necesario, devolver aos países de orixe a aquelas persoas que non cumpran dito perfil internacional de refuxiado. Ao non tomarse en conta esta proposta, políticos como Geert Wilders (Holanda) identificado coa ala europea abertamente anti-inmigrante, cualificou aos acordos daquel Consello Europeo como un "fracaso", chamando de "gañadores" aos "buscadores de refuxio” mentres que “Europa continúa sendo invadida masivamente "(Wilders, #Nexit, 28 de xuño de 2018). As palabras de Wilders permítennos exemplificar unha visión estendida por toda Europa. O partido español VOX exemplifícao con claridade  cando nun acto político en Ceuta, no verán de 2018, afirma que "aqueles que saltan as fronteiras" son persoas con "formación militar" e non "algúns emigrantes pobres", se non a “avanzadilla dunha invasión ".

Con todo, diante desta suposta "invasión" de persoas non desexadas, o número de refuxiados en Europa e no mundo amosan unha situación moi distinta á que defenden as forzas políticas conservadoras europeas. Segundo Betts e Collier, o 90% das persoas, con status de refuxiado no mundo viven nos chamados "países en desenvolvemento". Deste conxunto de países, será en doce deles (Paquistán, Irán, Etiopía, Kenia, Uganda, Tanzania, Tailandia, Turquía, Xordania, Líbano, República Democrática do Congo, e Chad) nos que se concentren o 60% destas persoas. Como xa dixemos, as estratexias de externalización das fronteiras non son algo novo, pero a súa implementación actual mostra segundo Gabrielli dúas novidades que hai que ter presentes no exercicio de repensar e trascender á Europa conservadora e a súa relación co mundo actual: dunha banda, a centralidade que se deu a estas prácticas para xestionar a inmigración e, doutra banda a incorporación da externalización das fronteiriza nas negociacións bilaterais e multilaterais entre países e entre rexións, especialmente cos países de tránsito.