(Unha análise de Alexandre Rey Parrado, estudante da USC en prácticas no IGADI)

A Fronteira Sur: a primeira pedra do “Muro de Trump”

Como consecuencia das políticas de contención e da inxerencia estadounidense, as rexións limítrofes entre México e Guatemala revalorizáronse como a primeira liña de contención establecida para frear a migración irregular centroamericana, calculada ao  redor duns 400.000 migrantes anuais, o 90% deles pertencentes a países do Triángulo Norte. Delimitada na súa meirande parte polos ríos Suchiale e Usomacita e cunha prominente área selvática, esta zona de tradicional  asentamento indíxena vai definir unha fronteira de carácter extremadamente poroso.

Liñas de investigación Observatorio das Diásporas
Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego

Como consecuencia das políticas de contención e da inxerencia estadounidense, as rexións limítrofes entre México e Guatemala revalorizáronse como a primeira liña de contención establecida para frear a migración irregular centroamericana, calculada ao  redor duns 400.000 migrantes anuais, o 90% deles pertencentes a países do Triángulo Norte. Delimitada na súa meirande parte polos ríos Suchiale e Usomacita e cunha prominente área selvática, esta zona de tradicional  asentamento indíxena vai definir unha fronteira de carácter extremadamente poroso.

Os fluxos a través destas zonas teñen un claro carácter histórico e cotiá, de ámbito laboral ou comercial (abastecemento de asentamentos como Tecún Umán) e de tránsito diario sen impedimentos, polo que nunca foi visto polos seus residentes, nin as autoridades locais, como unha fronteira real. Estas características axudaron a conformar o corredoiro migratorio de preferencia para os migrantes centroamericanos, establecéndose xa dende os conflitos civís que asolaron a zona nas décadas de 1970-1980.

Posteriormente, coa nova espiral de violencia promovida por organizacións como as “Maras” así como das mafias existentes no Triángulo Norte Centroamericano (TNC) e a paulatina presenza de migrantes procedentes do ámbito internacional, o tránsito aumentou de forma considerable.

Un antecedente chave: o TLCAN

Os primeiros antecedentes de medidas de carácter máis proactivo e incluso coercitivo atopámolos trala firma do Tratado de Libre Comercio de América do Norte (TLCAN) así como co auxe do movemento Zapatista no estado de Chiapas (México), producíndose unha certa militarización da zona e aumentando a vixilancia fronteiriza, igualmente visible tralo 11-S de 2001(1). Mais será no 2014 cando se dea un salto cualitativo na securitización da zona, tralo arribo a territorio estadounidense dunha cantidade nunca vista de menores non acompañados, a súa maior parte procedente de zonas centroamericanas.

A raíz desta “crise migratoria sen precedentes”(2), o Executivo estadounidense comezou a premer no deseño dunha nova estratexia migratoria no sur de México, de feito baixo a súa tutela e moi orientada cara o incremento da seguridade: doazón de sistemas de infravermellos, cámaras de alta resolución, torres de vixilancia, material policial, etc.

En xullo de 2014, o presidente mexicano Enrique Peña Nieto presentou o denominado Programa Fronteira Sur (PFS), traducíndose nun aumento dos elementos de seguridade e vixilancia: reténs, axentes fronteirizos do Instituto Nacional de Migración (Corpos Beta), construción de varios Centros de Atención Integral ao Tránsito Fronteirizo (CAITF), medidas para dificultar os accesos aos trens de carga(3), aumentando notablemente o número de detencións e deportacións (un 29%, 147.370 en 2016 segundo datos Secretaría de Gobernación SEGOB)(4).

Sen embargo, pese a estas medidas restritivas e de securitización, incluíronse certos elementos para salvagardar os dereitos das persoas migrantes e garantir a súa seguridade, cando menos sobre o papel. Ditos elementos, non carentes de debilidades e dificultades para a súa implantación, materializáronse na creación de oficiais para a protección da infancia, modernización de instalacións e albergues ou a promulgación de entes lexislativos como a Fiscalía Especializada en Atención a Delitos Cometidos en Contra de Inmigrantes (FEADCCI).

De igual xeito, chegouse a certos acordos bilaterais con Guatemala para tratar esta problemática na Fronteira Sur, enviando representantes da Procuraduría para a Defensa dos Dereitos Humanos ás zonas limítrofes con Chiapas.

Non obstante, a confrontación de feito que se da entre as diversas estratexias inherentes ao PFS, lastraron a efectividade destas políticas. A maior presenza nas vías e estradas de elementos de control, non tanto nos bordes fronteirizos como máis ao interior, impulsou a unha parte significativa dos migrantes cara zonas menos transitadas, rutas máis perigosas onde os grupos do crime organizado atopan un filón que explotar.

Coma ocorre na Fronteira Norte, o acceso a este colectivo reporta amplos beneficios que fan consolidar a estes axentes na rexión, estendendo os seus tentáculos polos redutos da administración pública e dificultado a súa operabilidade (corrupción de funcionarios, ameazas ás ONGs, etc.). Pese a que os índices de enfrontamentos  son moito menores, dada a propia natureza da fronteira, non véndose forzadas as diversas organizacións a loitar por un territorio onde operar (tráfico de drogas, armas, extorsións etc.), os reportes sobre abusos, trata(5), secuestros e extorsións aos migrantes son unha tónica habitual.

As debilidades presentes nas institucións e infraestruturas estatais tamén dificultan o éxito destas políticas. Obsérvanse, por exemplo, na incapacidade dos centros de inmigración para asumir os migrantes reportados polos Grupos Beta, levando a moitos funcionarios a omitir os dereitos de asilo durante as entrevistas, xa que de tramitarse, suporía a detención de entre 60-70 días nos superpoboados centros.

Ás duras condicións e os longos períodos de tramitación, que levan a desistir do proceso a moitos migrantes, súmase a falta de asesoramento legal, o descoñecemento das leis de protección e a escaseza de oficiais de protección con autoridade para tomar decisións. Nesta conxuntura, e dado que o número de detencións aumentou pola presenza de múltiples corpos (policía, exército, INM, etc.), explícase o aumento drástico das deportacións e a baixa aceptación de solicitudes de asilo (só un 21%, segundo datos da Oficina en Washington para Asuntos Latinoamericanos)(6)

Ante este escenario, non parece disparatado afirmar que as políticas deseñadas para conter a migración irregular parecen encamiñadas a repetir os erros vistos na zona norte. Se ben é certo que existe, cando menos de forma tácita, unha vontade institucional para salvagardar os dereitos dos migrantes e garantir a súa seguridade, a falta de coordinación, a preeminencia de estratexias de securitización e as deficiencias e debilidades estruturais configuran unha realidade ben afastada das metas propostas.

Ante unha perspectiva de futuro que parece augurar un aumento da presión para México, o executivo de Peña Nieto, ou o que lle substitúa a partir de 2018, sitúase ante o desafío de conseguir materializar unha política migratoria mais aló de meros parches encamiñados a dar “solucións temporais”. Co mais que posible paso atrás do goberno estadounidense, na súa man quedará impulsar proxectos máis ambiciosos que reestruturen a política migratoria propia e común con Centroamérica.

 

Alexandre Rey Parrado,

licenciado en Historia (USC) e estudante no Master “Seguridade, Paz e Conflitos Internacionais” (USC/CESEG), actualmente realiza prácticas no IGADI.

 

 

Bibliografía:

(1) Impulsáronse estratexias de controis fronteirizos no marco da seguridade nacional dos EUA, con claro carácter restritivo coa migración irregular e cun predominante reforzo dos elementos de seguridade.

(2) O ex presidente Barack Obama declara a chegada masiva de menores non acompañados, impulsados en moitos casos pola violencia das “Maras”, coma unha crise humanitaria de carácter urxente. https://goo.gl/5ULKjB

(3) Constrúense valados ao redor de numerosos tramos das vías que percorren trens de mercancías utilizados polos migrantes, como o denominado “la bestia”.

(4) http://www.politicamigratoria.gob.mx/es_mx/SEGOB/Extranjeros_presentados_y_devueltos

(5) Especialmente dramático no relativo a menores utilizados coma man de obra e a trata sexual en cidades coma Tapachula ou Ciudad Hidalgo. INTERNATIONAL CRISIS GROUP: “Presa fácil: violencia criminal y migración en Centroamérica”, Report nº 57/LatinAmerica&Caribbean, Xullo 2016 pp.21-23 https://d2071andvip0wj.cloudfront.net/057-easy-prey-criminal-violence-and-central-american-migration-spanish.pdf

(6) OFICINA EN WASHINGTON PARA ASUNTOS LATINOAMERICANOS (WOLA): “Control aumentando en la frontera Sur de México” Novembro 2015, pp.3 https://www.wola.org/wp-content/uploads/2015/11/WOLA_Control_aumentado_en_la_frontera_sur_de_Me%CC%81xico_Nov2015.pdf