14, 15 e 16 de outubro, Xornadas finais do proxecto "O Xacobeo 2021 e a Ruta da Seda: Camiños para o diálogo Oriente-Occidente"

A globalización china en Galicia

En Galicia o monopolio mediático caricaturizado do Humor Amarelo arredor da imaxe chinesa en Europa, contrastou coa obra de Xulio Ríos arredor do mundo chinés xa desde os inicios dos anos 90, que alumea unha composición do planeta e da realidade da globalización como fenómeno universal, que axuda a interpretar o que acontece hoxe neste mundo de 2020 e incerteza radical de pandemia.

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos China e o mundo chinés
Palabras chave China Galicia internacional
Idiomas Galego

En Galicia o monopolio mediático caricaturizado do Humor Amarelo arredor da imaxe chinesa en Europa, contrastou coa obra de Xulio Ríos arredor do mundo chinés xa desde os inicios dos anos 90, que alumea unha composición do planeta e da realidade da globalización como fenómeno universal, que axuda a interpretar o que acontece hoxe neste mundo de 2020 e incerteza radical de pandemia.

Para acompañar o furacán informativo actual arredor das fendas na sociedade internacional nada mellor que acudir a un dos seus últimos títulos e pasar un tempo con “La globalización china: La Franja y la Ruta” (Editorial Popular 2019). Desde o coñecemento profundo que achega décadas de observación Xulio R. presenta neste libro o proxecto popularmente coñecido coma a Nova Ruta da Seda.

En principio o proxecto orixinal “One Belt, One Road” (OBOR nas siglas en inglés, 2013) naceu coma un grande proxecto de infraestruturas para conectar a China con Europa e África por medio de corredores continentais, rutas marítimas e outras infraestruturas. E naceu para avanzar no soño chinés  que inaugurou o liderazgo do Presidente Xi Jin Ping, un conxunto de conceptos asociados ao maxisterio do xiismo e a forte ligazón simbólica coa súa historia. Sen embargo desde aquel plan inaugural de conectividade física intercontinental a Franxa e a Ruta gañou formas e complexidade desde os estímulos á cooperación financeira, os intercambios culturais de toda índole e a flexibilidade e a imaxinación para conectar países e sociedades…. A Nova Ruta da Seda gañou mesmo Estados adherentes, dando un salto oceánico a América Latina, o que evidencia que a conexión oriental no S.XXI ten outras velocidades e retos que as dos relatos de Marco Polo.

O libro, ademais de presentar este proceso e os perfiles e as consecuencias da Franxa e a Ruta na xeopolítica internacional, caracteriza esa nova China desacomplexada que está a explotar actualmente coa crise da Covid19, mais que aparecera xa co proxecto fundamental da política exterior chinesa de Xi Jing Ping delineado para o horizonte dos próximos 50 anos. Coma no resto de libros de Xulio Ríos arredor da emerxencia chinesa podemos desfrutar de mudar a forma dos mapas sen necesidade de aprender mandarín. O libro baixa ademais aos escenarios concretos, presentando as ligazóns explícitas e implícitas das novas Rutas da Seda, os retos, as posibilidades e sempre a natureza tan especial da diplomacia chinesa procurando ir máis alá, dándolle relevancia aos intanxibles, ao achegamento cultural e a confianza mutua. Impresiona ademais a capacidade de achegar pluralidade á hora de presentar as distintas interpretacións arredor dos impactos e consecuencias do proxecto, sinalando tamén as deficiencias, os riscos e as ameazas do mesmo para o seu propio éxito, así coma para os países adherentes a esta nova Ruta da Seda.

Por todos estes elementos o libro faise moi recomendable para saber o que acontece de fondo (alén do rebumbio actual pandémico) e o que pode acontecer no planeta, para pasar dos titulares ao coñecemento útil. O texto ten ademais o poder hipnótico dunha escrita limpa e accesible, xunto a un carrusel de chaves interpretativas do xeoconómico e militar ao cultural, que axudan a descifrar o enigma chinés e convidan a seguir a pista e os futuros escenarios da nova globalización oriental, que sen dúbida está a determinar cada vez con máis forza o desenvolvemento da sociedade internacional no S.XXI. Quen teña a sorte de lelo non voltará usar os mesmos óculos á hora de interpretar a sección de internacional dun telexornal. 

O IGADI que é froito do incansable traballo de Xulio Ríos durante os últimos 30 anos, atópase agora mesmo preparando as Xornadas finais (o 14, 15 e 16 de outubro) do proxecto “O Xacobeo 2021 e a Ruta da Seda: Camiños para o diálogo Oriente-Occidente”, aspirando a conectar a Galicia ás dimensións máis positivas da Nova Ruta da Seda, facendo de ponte con Europa no horizonte da Axenda 2030 e as alianzas pola paz e a prosperidade global. Están convidadas e convidados para termos unha política exterior Made in Galicia con todas as oportunidades do S.XXI.