Primeiro artigo da serie "A globalización das linguas"
A globalización chegou para quedar?

A globalización das linguas

O presente artigo comeza unha serie que introducirá temas relacionados co concepto de globalización e como este afecta ás relacións internacionais, facendo fincapé nas relacións interculturais e a importancia das linguas no plano internacional.
Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego

O presente artigo comeza unha serie que introducirá temas relacionados co concepto de globalización e como este afecta ás relacións internacionais, facendo fincapé nas relacións interculturais e a importancia das linguas no plano internacional.

Definimos globalización como o proceso económico, tecnolóxico, político e cultural que consiste na crecente comunicación e interdependencia entre distintos países do mundo, unindo as súas culturas, mercados e sociedades. 

Unha das consecuencias da globalización é sen dúbida a de poñer en contacto a persoas de distintas falas. Para que exista un proceso de comunicación é necesario utilizar unha lingua coñecida por ámbalas dúas partes, polo que, ou ben as dúas persoas coñecen unha segunda lingua que lles permita comunicarse, ou unha das partes coñece a lingua do seu interlocutor, sen ser isto recíproco. 

Isto chega ao paroxismo da globalización porque está baseado na imposición da economía como lóxica dominante sobre calquera outro tipo de lóxica. A globalización é antes un fenómeno económico ca político. Pero por outra banda, este predominio da lóxica económica está apelada no desenvolvemento extraordinario da tecnoloxía que propón unha comunicación global. Non hai economía global sen comunicación global. Esta comunicación global que se produce nunha lingua consegue que o idioma se converta nunha lingua global inexistente previamente no campo lingüístico.

A nivel lingüístico, non hai maior lingua globalizada có inglés; isto é debido a que Estados Unidos, Gran Bretaña e todos os países previamente colonizados que conservaron a lingua anglosaxoa, constitúen a maior concentración de poder económico mundial. Ademais, un dos compoñentes base para que isto sexa posible é o feito de que o inglés é unha lingua gramaticalmente sinxela, cunha cantidade reducida de formas verbais e cunhas estruturas sintácticas breves e concisas.

Que provoca unha lingua global dentro do paradigma da lingua dunha nación? Un debilitamento das linguas maternas dos falantes. As linguas que eran válidas para todas as funcións comunicativas dentro dun territorio, vénse afectadas debido ao inglés. Un claro exemplo deste debilitamento é a certeza de que cada vez existan máis colexios plurilingües ou estritamente nunha lingua estranxeira. A introdución da ensinanza en inglés de materias anteriormente dadas nas linguas locais ou nacionais, fomenta a minorización das linguas maternas; neste caso, do galego que se ve relegado a un segundo ou incluso terceiro plano constante. 

O feito da nacionalización das linguas estranxeiras xa non soamente no ámbito académico senón no ámbito social ou laboral, trae consecuencias cara o idioma globalizado. Que os falantes non nativos utilicen unha lingua que non é a sua, pode alterar potencialmente as variedades do idioma, e como consecuencia pódense ver as inmensas variedades que existen do inglés arredor do mundo. Todo é debido a que un gran número de persoas non lle da importancia á orixe do idioma; senón á importancia que ten a comunicación no trámite a realizar. 

Debido ao auxe das novas tecnoloxías, aparece un espazo de comunicación menos xerarquizado, máis horizontal, que permite a emerxencia dunha nova variación lingüística. Con isto cabe dicir, que a realidade de que todas estas tecnoloxías estean en auxe, fan que exista unha nova configuración dos espazos comunicativos. 

Non obstante, a situación de hexemonía do inglés e dos países anglosaxóns está a verse afectada polo auxe do chinés, concretamente o dialecto mandarín, que está sendo cada vez máis empregado e está a cobrar mais relevancia non só a nivel político, senón tamén a nivel social e cultural.  Aproximarémonos a este proceso no segundo artigo da serie.