Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza 2 de Marzo de 2020 Ríos

A India aliña cos EUA

Modi e Trump

Donald Trump fixo a súa primeira visita de Estado á India cunha importante misión xeopolítica en axenda. Moi atrás semellan quedar definitivamente os anos en que a India formaba parte activa do Movemento dos Países non Aliñados, e mesmo sen el, obsoleto semella o propósito de se conformar como unha forza anti-hexemónica, calquera que fose o signo desa supremacía.

Abandonada esta idea, como para os EUA, Xapón ou Australia, para a India, a principal preocupación é como neutralizar a ameaza que supón China. E aí, a colaboración estratéxica con Washington desempeña o papel determinante, como xa quedou en evidencia en xuño de 2017, cando o presidente Modi visitou a Casa Branca. De pouco valen os esconxuros e declaracións de fe de Beijing a prol da multipolaridade.

Esta India un día suprime a autonomía de Caxemira, desprega na rexión 30.000 efectivos das forzas de seguridade, sobre todo militares, arresta aos membros do goberno rexional e os líderes políticos principais, reprime duramente aos cidadáns que se manifestan… Outro día completa aquela acción coa aprobación dunha lei de cidadanía que os seus detractores cualifican de “anti-musulmá” (14 por cento da poboación do país, a terceira maior poboación musulmá do mundo) desatando protestas que derivan en ducias de mortos e feridos e liquidando as tradicións seculares do país en aras da exaltación do nacionalismo hindú…. Pero, claro, tratándose da “democracia mais poboada do mundo”, a boca pequena prima nas denuncias e nas coberturas informativas. Se por caso, China disolvera a autonomía de Hong Kong, metera o exército a reprimir aos manifestantes, detivera aos líderes opositores, etc., imaxinemos por un momento os titulares ….

En Nova Delhi, Trump, con moitos socios comerciais no país e desexoso de que Modi colabore este ano no tombo electoral da moi pro demócrata comunidade hindú nos EUA, fixo importantes negocios militares, chegando a venderlle ata dróns aéreos “Guardian”, de uso exclusivo entre os países da OTAN. Antes da visita, o importe comprometido de compras militares cifrouse en 3.500 millóns de dólares. A cooperación militar entre ambas as dúas capitais gaña en importancia a cada paso. Os exercicios militares conxuntos, xa bastante habituais, vanse intensificar no futuro inmediato. Pero igualmente a colaboración diplomática estratéxica en ámbitos como Afganistán, Irán, Corea do Norte ou os mares da China, un dos principais escenarios de tensión. India é un compoñente integral da estratexia Indo-Pacífico, lembrou Trump, e peza clave para o seu éxito no empeño de dobregar a China.

Esa alianza crecente entre India e os EUA afecta claramente aos BRICS e acentúa as súas hipotecas no inmediato. O Brasil de Bolsonaro, pese a manter a escala dos negocios con China, seu primeiro socio comercial, ao se retirar da CELAC (Comunidade de Estados de América Latina e o Caribe) hai unhas semanas, tamén deixou en claro que no estratéxico, as preferencias van por outros camiños.

A partida continúa….

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais