Mapa Wikipedia do Nord Stream

A invasión de Rusia en Ucraína: punto de inflexión histórico nas relacións xermano-rusas

A política exterior alemá para con Rusia encontrouse moitas veces ao longo dos últimos anos coa incomprensión tanto dos socios internacionais, como dos comentaristas nacionais. Foi cualificada de “inxenua”, no mellor dos casos, e de “inmoral e hipócrita”1, no peor. O mantemento de boas relacións coa Federación Rusa foi durante moito tempo unha prioridade na política exterior e de seguridade de Alemaña, como un elemento central para garantir a seguridade e cooperación en Europa.2 Porén, os e as responsables políticos alemáns non souberon adaptar a súa política aos recentes cambios xeopolíticos.
Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Europa
Palabras chave Galicia Rusia internacional
Idiomas Galego

A política exterior alemá para con Rusia encontrouse moitas veces ao longo dos últimos anos coa incomprensión tanto dos socios internacionais, como dos comentaristas nacionais. Foi cualificada de “inxenua”, no mellor dos casos, e de “inmoral e hipócrita”1, no peor. O mantemento de boas relacións coa Federación Rusa foi durante moito tempo unha prioridade na política exterior e de seguridade de Alemaña, como un elemento central para garantir a seguridade e cooperación en Europa.2 Porén, os e as responsables políticos alemáns non souberon adaptar a súa política aos recentes cambios xeopolíticos.

Efectivamente, en palabras de MEISTER, durante os últimos anos, o goberno federal intentou manter a ilusión dunha política de cooperación e compromiso coa Federación Rusa que non chegou a ningunha parte.3 Por unha banda, esta política baseábase na sincera (aínda que ilusoria) esperanza de poder influír no comportamento do presidente ruso Vladimir Putin a través de estreitas relacións económicas e do diálogo. Esta idea marcou especialmente a actitude do partido socialdemócrata SPD, pero tamén encontrou aprobación en partes dos partidos democristiáns CDU e CSU. Pola outra banda, non obstante, moitas veces a postura do goberno federal tamén ocultaba intereses económicos e persoais, así como unha crecente dependencia alemá do gas ruso. Arredor do 55% da subministración de gas de Alemaña provén do país eurasiático. Así mesmo, aínda en 2020, o goberno alemán aprobou a exportación de bens de dobre uso, é dicir, bens que poden destinarse a usos tanto civís como militares, por un valor de 360 millóns de euros a Rusia.4 Ademais, o ex chanceler Gerhard Schröder (SPD), considerado un amigo persoal de Putin, ocupa altos cargos en empresas estatais rusas e, dende 2017, é o presidente do consello de administración do xigante petroleiro Rosneft. Tamén está involucrado no que é o elemento máis controvertido da política rusa de Alemaña: o Nord Stream 2.

O gasoduto Nord Stream 2 converteuse no símbolo máis emblemático da política ambivalente de Alemaña cara a Rusia. Malia que o proxecto – que complementaría o xa existente Nord Stream 1 – sirve claramente ás pretensións rusas de eliminar a Ucraína como país de tránsito do gas,5 Nord Stream 2 foi impulsado en 2015, un ano despois da anexión de Crimea. Tanto Angela Merkel como o novo chanceler Olaf Scholz ignoraron a orientación xeopolítica do gasoduto e describírono repetidamente como un “proxecto do sector privado”, a pesar das reiteradas críticas por parte doutros Estados Membros e das institucións da UE.6 É máis, o Land Mecklemburgo-Pomerania Occidental incluso chegou a crear unha fundación pública, con capital dunha filial de Gazprom, para eludir posibles sancións estadounidenses. 

Con todo, os acontecementos dos últimos meses e, particularmente da última semana, provocaron un profundo cambio nas relacións xermano-rusas. Xa a principios de febreiro, o líder do SPD, Lars Klingbeil, puxera en dúbida a postura histórica do seu partido respecto a Rusia.7 O recoñecemento das repúblicas de Donetsk e Luhansk por parte do presidente ruso levou ao chanceler Scholz a suspender a autorización pendente de Nord Stream 2. O inicio da invasión rusa de Ucraína na noite do 23 ao 24 de febreiro, finalmente, produciu o xiro completo: a ministra de asuntos exteriores, Annalena Baerbock, condenou o ataque como unha ruptura coas “normas máis elementais da orde internacional”. Na mesma liña, Scholz cualificou o acto como unha “flagrante violación do dereito internacional” que non podía xustificarse de ningunha maneira. Nesta posición, o goberno federal vese amparado pola inmensa maioría da sociedade alemá. Sinaladamente, todos os partidos políticos representados no Bundestag emitiron a súa condena ao ataque ruso. Incluso o partido socialista DIE LINKE, que rara vez expresara críticas ás políticas de Rusia, situouse claramente en contra de Putin neste asunto, cualificando a invasión como ilegal e inxustificábel. Un cambio aínda máis evidente é que Alemaña non só acordou impoñer sancións de grande alcance cos seus socios internacionais, incluíndo (despois de algunhas dúbidas) a exclusión dos bancos rusos do SWIFT, senón que tamén declarou que entregaría armas defensivas a Ucraína. Trátase dunha decisión histórica, posto que, dende fai tempo, a política oficial do goberno federal era contraria a enviar armas ás zonas de crise e, fai apenas unhas semanas, os socios da coalición rexeitaron categoricamente tales peticións.

Moitos comentadores afirman que o ataque ruso a Ucraína cambiou o mundo tal e como o coñecemos. Isto tamén é aplicábel para as relacións xermano-rusas. Os acontecementos da semana pasada marcarán, sen dúbida ningunha, un punto de inflexión que non se limitará ás relacións con Rusia, senón que impulsará un cambio máis amplo na política exterior, enerxética e de seguridade de Alemaña. Scholz deixouno claro no seu discurso ante o Bundestag o pasado domingo. Nel falou dun “cambio histórico” (Zeitenwende) e anunciou que se dotaría ás forzas armadas alemás dun fondo especial de 100.000 millóns de euros, que se cumpriría o obxectivo do 2% da OTAN no futuro e que se reduciría a dependencia do gas ruso mediante a construción de terminais de gas natural licuado. Así mesmo, afirmou que, aínda que o goberno alemán seguía apostando pola diplomacia, o diálogo só podería ter lugar se Putin tamén está seriamente disposto a participar nel. Noutras palabras: o beneficio da dúbida que Alemaña concedeu unha e outra vez ao presidente ruso, finalmente, esgotouse.