Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 24 de Decembro de 2016 González Fernández

A involución conservadora

021-la-sociedad-del-antiguo-regimen.png

Ao longo deste 2016, os movementos políticos en Europa e nos Estados Unidos máis escorados cara un pensamento situado no espectro da dereita foron gañando influencia social e comezaron a ter relevancia no ámbito electoral e institucional. Véxase, a modo de exemplo, a vitoria de Trump nos Estados Unidos, o Brexit no Reino Unido, as eleccións presidenciais en Austria e o pulso do partido alemán AfD.

Esta nova onda política podémola denominar de diversos xeitos. Unha opción descritiva da mesma que ao autor lle parece acertada podería ser nacional-illacionismo. Este novo movemento podémolo definir do seguinte modo:

Na Política exterior presenta as seguintes características: a) o abandono da meirande parte das accións exteriores armadas, exceptuando principalmente a loita contra os movementos islamitas radicais; b) acercamento ao xeito de facer política exterior do goberno Putin; c) reivindicación das esenciais nacionais do Estado fronte entidades supranacionais como a UE; e d) defensa dos tratados comerciais bilaterais fronte os multilaterais e unha maior intervención gobernamental na planificación da política comercial exterior.

Na Política interior apostan por: a) maior equilibrio económico entre as políticas liberais e sociais; b) exaltación dos valores nacionais tradicionais; c) aberta confrontación contra o que tradicionalmente non é propio de dita sociedade; e d) maior relevancia da seguridade.

Pois ben, esta nova onda de índole dereitista está a contrastar co pensamento tradicional da dereita, que vai perdendo peso internacional. Previamente a estes cambios políticos, o pensamento considerado de dereitas estaba a xirar principalmente sobre tres “familias”: os liberais, os conservadores e os neoconservadores. Ademais, era moi habitual a súa coalición creando unha “gran familia”.

Sen dúbida, os liberais son os que máis aguantan o pulso político cos nacional-illacionistas, mais están perdendo posicións relevantes como a perda do goberno norteamericano, aínda que seguen conservando o control do sistema internacional (véxanse, por exemplo, o FMI e a Comisión Europea).

Os neoconservadores, pola contra, atópanse en claro retroceso. Os seus postulados de agresividade exterior que ata hai pouco marcaban a política exterior norteamericana, tanto no goberno Bush como no Obama dende a Secretaría de Estado, vense vidos a menos polo auxe illacionista das teses Trump.

E ben, que sucede co pensamento estritamente conservador? Posiblemente esta é a familia máis desgastada en Europa e nos Estados Unidos nos últimos anos. O conservadorismo defínese pola súa adversidade ao cambio político, social e económico de xeito radical. Defende posturas naturalistas, valorando a relixión como un elemento fundamental da sociedade e da espiritualidade, e dálle relevancia aos conceptos de orde e de tradición. Así mesmo, adhírese ás teses nacionalistas mais non concibe teorías metafísicas sociais. Por último, puxa por un equilibrio entre o libre mercado e o intervencionismo económico.

Todos estes elementos definitorios véñense desgastando nestes últimos anos nos Estados occidentais. Obsérvase como en Occidente as sociedades cada vez demandan máis cambios e con maior velocidade; a relixión perde peso social e cultural, así como o concepto de tradición e da orde nun sentido clásico. Ben é certo que seguen persistindo fortemente conceptos como o nacionalismo e a economía mixta.

Así pois, os Estados ou as sociedades conservadoras son poucas, quedando algunha marxinal como Hungría e Polonia. Sen embargo, se ampliámola lupa observamos como seguen manténdose pequenos redutos en termos de territorio e de relevancia, mais por ser anecdóticos son de interese de estudo. Algúns microestados europeos son un bo exemplo.

Rod Dreher, analista senior en The American Conservative e en National Review, afonda neste eido no ámbito da tradición cristiá. Sinala como en todos estes países o aborto está só permitido para salvar a vida da nai. Soamente Mónaco é unha excepción permitindo dende 2009 a legalización do mesmo para os casos de violación, incesto e problemas graves do feto. Ningún deles permite tampouco os matrimonios do mesmo sexo. E Malta só permitiu o divorcio en 2011, aprobado nun referendo por un escaso 53% dos votantes. Ademais, ningún permite a eutanasia.

En todos estes países, a influencia da Igrexa Católica é notable e a asistencia aos oficios relixiosos é alta[1]. Tamén as monarquías seguen retendo poderes políticos[2]. Por exemplo, cando se celebrou o referendo do aborto o Príncipe de Liechtenstein afirmou que vetaría calquera relaxación nese ámbito, ao igual que o Gran Duque de Luxemburgo no caso da eutanasia[3].

Así pois, xurde a cuestión de se o tamaño dos Estados pode ser un factor máis para explicar a dificultade da expansión dos valores liberais neses países. Dúbida que a día de hoxe a literatura (como Veenendaal, Sutton e Doumenge) responde afirmativamente[4].

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais