A liberación das FARC

Colombia parece estar experimentando un proceso de eventual claudicación do seu prolongado conflito armado. A recente liberación dos 10 últimos militares secuestrados pola guerrilla colombiana evidencia que as FARC xa non posúen a capacidade militar para prolongar o conflito, confiando agora nunha vía diplomática que lle pode garantir relevantes réditos políticos

Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

Colombia parece estar experimentando un proceso de eventual claudicación do seu prolongado conflito armado. A recente liberación dos 10 últimos militares secuestrados pola guerrilla colombiana evidencia que as FARC xa non posúen a capacidade militar para prolongar o conflito, confiando agora nunha vía diplomática que lle pode garantir relevantes réditos políticos.

Sensiblemente descabezada no seu liderado, con cada vez mais frecuentes desercións nas súas filas e unha aparente incapacidade para asestar golpes militares ás Forzas Armadas colombianas, as FARC semellan confiadas en xogar a carta política dos actores civís e externos dispostos a abrir o camiño para a pacificación colombiana.

Neste sentido, e dentro do actual contexto, dous actores impoñen o seu ritmo: o incesante labor da ex senadora de esquerda Piedad Córdoba, quen agora lidera a plataforma civil “Colombianas e Colombianos pola Paz”; e, dende o exterior, o aval de Brasil como mediador político e facilitar loxístico das liberacións. Un papel no que ata fai pouco destacouse o presidente venezolano de Hugo Chávez pero que actualmente aparece aparcado non só por razóns de saúde persoal senón pola presión de Bogotá de diminuír o seu papel como mediador, ante a evidente conexión e apoio político de Chávez coas FARC.

Se ben a súa xestión non contou co aval oficial do presidente Juan Manuel Santos, Córdoba acicala o seu importante peso político como unha eficaz mediadora entre as FARC, os presidentes de Álvaro Uribe Vélez e Santos, o  goberno de Chávez e ante os mandatarios brasileiros Lula da Silva e Dilma Roussef. Con todos eles reuniuse incesantemente Córdoba nos derradeiros anos, cunha notable capacidade de equilibrios políticos e diplomáticos que están ofrecendo importantes resultados en materia de negociación coas FARC.

Precisamente, a guerrilla observa a Córdoba como a súa mellor carta política ante Bogotá, Brasilia e Caracas e, incluso, ante o labor humanitario dunha Cruz Vermella Internacional desprestixiada polas propias FARC trala polémica intervención militar que deu paso, en 2008, á liberación da senadora Ingrid Betancourt e de tres contratistas estadounidenses. Aquí cobra especial relevancia o papel de Brasil facilitando os helicópteros e material loxístico necesario. Con isto, Brasilia destaca non só polo seu papel mediador senón polo seu coñecemento do terreo e das actividades da guerrilla colombiana.

Unha liberación de reféns grazas a negociacións políticas sempre supón unha ganancia “suma variable” para todos os actores involucrados. Así, o presidente Santos igualmente reforza a súa imaxe de aceptación política nunha sociedade colombiana que reclama mais que nunca o fin dun conflito de case cinco décadas. A pesar das aparentes incertezas sobre o escenario que se abre a partir de agora, pode que coa derradeira liberación de secuestrados, as FARC estean marcando un camiño de “liberación” das ataduras dun prolongado conflito, viciado pola implicación de todo tipo de actores.