Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Etiquetas
Idioma
IGADI 24 de Xaneiro de 2014 Mansilla Blanco

A madurez da CELAC

O II Cumio da CELAC esixirá o final do embargo estadounidense a Cuba así como a inclusión de Porto Rico neste organismo.

O II Cumio Presidencial da Comunidade de Estados de América Latina e do Caribe (CELAC) a celebrarse o próximo 28 e 29 de xaneiro na Habana (Cuba) marca a pauta de consolidación dun organismo hemisférico de integración plenamente latinoamericano, enmarcado nun contexto xeopolítico global decisivo para os esforzos latinoamericanos por afianzar a súa voz e voto no concerto internacional.

Resulta significativo e ata estratéxico o feito de que sexa Cuba o país anfitrión deste II Cumio presidencial, tras inaugurarse estes cumios en Santiago de Chile en xaneiro de 2013. Esta edición na Habana confirma a vontade dos 33 países membros da CELAC por fortalecer a definitiva reinserción cubana nos organismos hemisféricos, toda vez este cumio marca a pauta para o reimpulso doutras formas de integración, principalmente da ALBA e da UNASUR, dentro dunha conxuntura chave para a integración hemisférica.

Este II Cumio da CELAC coincide co lanzamento das negociacións para o Tratado de Libre Comercio TLC-Tratado de Investimentos entre EUA e a Unión Europea, coa pretensión de formalizar un Mercado Común Transatlántico. Tampouco perde de vista o avance da Alianza do Pacífico, organismo creado en 2012 entre Perú, Colombia, México e Chile, cuxa irradiación alcanza cada vez maior incidencia hemisférica e cara Asia-Pacífico. Todo isto revela un necesario punto de inflexión para a CELAC, así como para a ALBA e a UNASUR, na necesidade de fortalecer os seus mecanismos de integración.

Paralelamente, e a petición do presidente venezolano Nicolás Maduro, este cumio da CELAC impulsará a esixencia de ingreso de Porto Rico a este organismo, aproveitando o contexto de celebrarse este cumio nun país como Cuba, historicamente solidario coas demandas independentistas portorriqueñas.Esta petición supón un feito histórico para Porto Rico porque recolocará a discusión hemisférica sobre o seu anacrónico status como Estado Libre Asociado de EUA.

Moi probablemente, no cumio da Habana participarán diversos movementos cívicos independentistas boricuas, liderados por Fernando Martín, Presidente do Partido Independentista Portorriqueño (PIP), e Héctor Pesquera, presidente do Movemento Independentista Nacional Hortosiano (MINH). Precisamente, Pesquera declarou antes do cumio que a CELAC “estaría incompleta sen Porto Rico”. Por tanto, a soberanía será un tema chave deste cumio, onde igualmente ingresa con forza a defensa da soberanía arxentina sobre as illas Malvinas e a finalización do bloqueo estadounidense a Cuba.

Alén da discusión doutros temas estratéxicos, como a loita contra a pobreza e a fama e a defensa da biodiversidade, a esencia deste II Cumio da CELAC enfocará na preservación deste organismo como foro de diálogo e de defensa das demandas latinoamericanas dun mundo multipolar e multilateral. A través de diversos foros durante 2013, a CELAC logro achegar posicións cara potencias emerxentes como China, Corea do Sur, Rusia e incluso entidades como o Consello de Cooperación do Golfo Pérsico, vertebrando así unha efectiva axenda global.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais