A nova Comisión Europea

Un dos principais retos que ten por diante o ex primeiro ministro luxemburgués Jean-Claude Juncker, agora á fronte da Comisión Europea, é resucitar a idea de Europa e convencer aos cidadáns de que as cousas poden mudar para mellor. Non obstante, os primeiros indicios apuntan ao escepticismo á vista da composición da Comisión e das orientacións que subscribe a prol do que se da en chamar “disciplina orzamentaria e monetaria”. Certo que Pierre Moscovici, socialista de centro esquerda e antigo ministro francés de Finanzas, desde o corazón da economía da UE pode facer algúns xestos de complicidade cos partidarios do aumento do gasto público para evitar a recesión, pero todo indica que primarán novamente as garantías aos mercados financeiros a fin de “evitar perturbacións”.

Apartados xeográficos Europa
Idiomas Galego

Outros postos relevantes desta área están reservados a políticos do centro dereita do Partido Popular Europeo que pecharán filas en torno á continuidade da estabilidade que preconiza a chanceler alemá Angela Merkel, a auténtica líder desta Europa.

Por outra banda, a elección do británico Lord Hill para a nova carteira de Estabilidade Financeira, servizos financeiros e unión dos mercados de capitais, é unha man tendida a David Cameron, claramente posicionado en contra da nominación de Juncker á fronte da Comisión, nun contexto marcado polo risco real de retirada de Gran Bretaña da UE. Conferir este posto de gran importancia para controlar os servizos financeiros, un sector no que Gran Bretaña ostenta un claro predominio, quizais sirva para tender pontes con Londres.

Juncker contará con outros dous aliados de peso: o finlandés Jyrki Katainen e o letón Valdis Dombrovskis. O primeiro encargarase de supervisar o plan de relanzamento do emprego, o crecemento, o investimento e a competitividade; o segundo, debe proseguir a reforma da unión económica e monetaria a fin de preservar a estabilidade do euro. Ambos os dous partidarios da austeridade, son claros aliados da Merkel.

En suma, se ben a economía seguirá predominando na axenda desta nova Comisión, tras un primeiro ciclo de austeridade, de recorte do gasto público e retrocesos salariais, cabe esperar un escenario escasamente interesante habida conta que as posibilidades dun cambio de orientación son extremadamente limitadas. Así mesmo, no plano político, a falta dun liderado  e proxecto que responda aos criterios humanistas que entusiasmaron no seu dia a dinámica europea, prognostican novas voltas de rosca nese longo proceso de afundimento da idea de Europa, noutrora asentada na concordia, na creatividade, na diversidade e na sensibilidade social, auténticos antídotos contra a decadencia e hoxe en horas baixas.