Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Rebelión 1 de Decembro de 2016 Ríos

A nova folla de ruta China-América Latina Caribe

China e Chile reforzaron os seus vínculos

Trala terceira vira latinoamericana do presidente Xi Jinping, China deu a coñecer un segundo documento sobre a súa política cara a América Latina e Caribe (ALC). Estruturado en catro partes, do texto despréndense algunhas novidades. A principal de todas probablemente garda relación coa promoción dun enfoque moito máis rico e integral da relación bilateral de forma que se poida elevar a calidade e o nivel da cooperación. 

A nova estratexia apunta a un salto cualitativo sinalando a disposición de China a participar de forma activa na transformación da rexión sumando non só oportunidades de desenvolvemento senón tamén selando unha alianza para catapultar a súa proxección política global. 

Tras contextualizar a situación do mundo e da propia China no documento reivindícanse, en primeiro lugar, os seus vínculos cos países en vías de desenvolvemento aos que a segunda economía do mundo non quere renunciar. Beijing, de principio a fin do documento, aposta por unha relación que profunde a multipolaridade e que aporte unha maior voz a estes países no concerto global aínda que isto non debe interpretarse como un intento de “excluír ou apuntar contra ninguén”. Pero China aposta con claridade por sumar a rexión á reforma da gobernanza global transformando as institucións e as súas estruturas, democratizándoas pola vía da readaptación do peso das periferias emerxentes na definición de regras e na toma de decisións.

Dous niveis para impulsar a cooperación

A futuro, o desenvolvemento da cooperación se xestionará a dous niveis. Primeiro, de conxunto, coa interlocución da CELAC como foro principal; segundo, pola vía bilateral, país a país. Esa dobre configuración da relación fortalecería o impulso cara a unha “comunidade de destino común”. China aposta por vertebrar unha ampla rede de cooperación que vincule a todo tipo de instancias a un e outro lado da relación de forma que se artelle unha masa crítica de vínculos.

Entre os eixes a destacar da súa política débense sinalar: a) a insistencia no respecto á libre e soberana elección da vía ao desenvolvemento; b) entre os intereses vitais a ter en conta significa o respecto ao principio dunha soa China; c) se salienta a colaboración en materia de equidade e xustiza, significando un maior énfase no desenvolvemento social ou a redución da pobreza; d) a inexistencia de condicións políticas para a concreción das asistencias económicas ou técnicas; e) a colaboración na protección ambiental e na loita contra os desastres e os seus efectos; f) unha maior definición no área cultural, educativa, académica e tamén no intercambio en materia de medios de comunicación; g) a inclusión activa da cooperación xudicial e policial proxectando o seu modelo de xestión da seguridade na Rede.

O documento resume os avances rexistrados desde 2008 e apunta os mecanismos esenciais para fortalecer a confianza recíproca e coordinar posicións no escenario internacional. O respecto á soberanía de cada país, grande ou pequeno, se complementa cunha clara aposta pola integración rexional.

No económico e comercial formula o propósito de transcender a mera complementariedade que serviu de impulso para alcanzar o actual nivel de intercambio bilateral, significando a aposta polos produtos de alto valor agregado e de alto contido tecnolóxico. A cooperación financeira, industrial, enerxética, en infraestrutura, agrícola, espacial, oceanográfica, etc., apuntan a unha maior vertebración da cadea industrial no seu conxunto.

Finalmente, a propósito da tan manida triangulación, China parece supeditala ao interese de América Latina. Os proxectos desta natureza nos que podería participar deben estar “presentados, consentidos e patrocinados” polos países da rexión. España, en concreto, perde folgos e quédase fóra a expensas do rescate que se puidese formular desde ALC.

Unha lagoa a corrixir 

Que falta no documento? Probablemente algunha alusión á cooperación en materia de nacionalidades minoritarias tendo en conta da importancia do problema indíxena na rexión e a súa correspondencia en China, enfrontando en ambos casos desafíos comúns relativos á protección da identidade, o desenvolvemento, o autogoberno, etc. Máis aló da significación demográfica, a cualificación política desta dimensión na relación bilateral esixiría tela en conta neste documento. 

En resumidas contas, China teno ben claro con ALC. O documento suxire a paralela urxencia de que ALC estableza uns liñamentos mínimos da súa política en relación a China. Só deste xeito pode interactuar de forma proactiva sentando as bases para un mellor aproveitamento das oportunidades que traza este segundo documento de política chinesa para a rexión. Ese é o primeiro deber que China suscita aos países da CELAC. 

Os “números” do documento

5 en 1
A nova configuración das relacións bilaterais se articula sobre a base da potenciación de relacións políticas, económico-comerciais, culturais e humanísticas, de estreita coordinación no plano internacional e bilateral. 

1+3+6
O 1 é o Plan de Cooperación 2015-2019 subscrito coa CELAC. O 3: o comercio, o investimento e a cooperación financeira. O 6: a enerxía e os recursos, obras de infraestrutura, agricultura, manufactura, innovación científico-técnica e tecnoloxía informática. 

3x3
A cooperación en capacidade produtiva presta atención prioritaria á loxística, enerxía eléctrica e informática, fomentando a interacción entre empresas, sociedade e goberno.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais