A ocasión africana

África posúe arredor do 12 por cento das reservas de petróleo do mundo, 40 por cento das de ouro e entre o 80 e 90 por cento das de cromo e platino. Dispón tamén, entre outros, do 60 por cento das terras arables non utilizadas do planeta. Tanta abundancia, obxecto de cobiza universal en tempos de crecente demanda global de materias primas debería ser aproveitada a plenitude para sumar valor engadido, promover un crecemento sostido, crear emprego e reducir a pobreza. O modelo predominante na rexión, non obstante, non é ese. Só China, o principal socio comercial do continente, extrae nas súas costas un total de 3,1 millóns de toneladas de peixe, o 64% de canto pesca en todo o mundo. Ata o 90 por cento das rendas totais xeradas polo café africano reverte nos países consumidores. Outro tanto poderiamos dicir do cacao. Por iso, o crecemento do PIB non se reflicte na situación da maioría dos africanos.

Apartados xeográficos África
Idiomas Galego

A Comisión Económica de Nacións Unidas vén de presentar o “Economic Report on África 2013: Making the Most of Africa´s Commodities”. O texto incide, sobre todo, naquela xenerosa realidade e na importancia de promover a transformación económica do continente a través dunha industrialización baseada na achega de valor aos seus produtos de base, un proceso que permitiría reducir as desigualdades e loitar contra o desemprego e a pobreza. África está medrando nos últimos anos a unha media do seis por cento pero repercutindo escasamente na redución das desigualdades, especialmente nas áreas rurais.

Outro informe recente do Banco Mundial asegura que en 2010 había en África ata o dobre de persoas en situación de extrema pobreza ca hai tres décadas: 414 fronte a 205 millóns. A África subsahariana é a única zona do mundo onde o número absoluto de pobres aumentou de forma regular entre 1981 e 2010.
A constatación do fracaso das políticas impostas dende o exterior, o pesado herdo da colonización, a singularidade da estrutura económica e o comportamento de actores clave complican o cadro do continente dificultando a verificación dun crecemento inclusivo.

O agroalimentario é un sector cun importante peso na economía africana que pode servir de punta de lanza para outra estratexia. No seu conxunto, a industrialización con base nas materias primas ten a potencialidade suficiente para transformar a realidade miserable do continente e ata reorganizar o proceso mundial de produción.

A aparición de novos socios externos e a agudización da competencia internacional polo acceso aos seus recursos representa unha ocasión excepcional, verdadeiramente extraordinaria, para instar programas de desenvolvemento que co favor público e a colaboración privada, melloren as súas capacidades tecnolóxicas e as súas infraestruturas. Para ter éxito, en paralelo, os gobernos deben reducir o inmenso poder actual das corporacións transnacionais.