Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza Pública (Galicia) 2 de Marzo de 2016 Mansilla Blanco

A orde global post-Obama

A orde global post-Obama deberá medirse dentro do pulso electoral cada vez mais definido entre Hillary Clinton e Donald Trump

As aperturas con Irán e Cuba, a reactivación da diplomacia vaticana, a reconfiguración de esferas de influencia entre Washington e Moscova, o interminable conflito sirio, a recomposición do panorama político latinoamericano e principalmente o cada vez mais emerxente peso global de China, trazan as directrices de actuación dunha orde global “post-Obama” aínda visiblemente confusa en materia de configuración sistémica. Estas interrogantes vense igualmente determinadas polo contexto de incertezas derivadas da definición do rumbo político que tomará a Casa Branca tralos comicios presidenciais previstos para novembro próximo.   

Neste último apartado, os resultados das primarias do “Supermartes” do pasado 1º de marzo celebrado en doce estados de EUA supón o test electoral mais estratéxico de cara á definición das candidaturas demócrata e republicana. Así, o abafante triunfo de Hillary Clinton e de Donald Trump nos seus respectivos caucus anuncia claramente cal será a confrontación electoral cara a Casa Branca. Este panorama implica observar un contexto sumamente polarizado e complexo que eventualmente traducirase en importantes cambios dentro da cultura política e o sistema estadounidense, en particular no caso de que Trump consolide as súas opcións presidenciais.

Como escenario complementario, Europa vese sumida no revival dun “neo-atlantismo” impulsado por Washington vía Acordo Transatlántico e OTAN,  así como visiblemente diluída nas súas crises internas, que incluso comezan a cuestionar o proxecto europeísta (Brexit, Grexit), particularmente establecidas co inédito referendo británico sobre a permanencia da UE previsto para o próximo 23 de xuño. 

 

Os “pactos” de Múnic e A Habana

A incerteza electoral estadounidense condiciona os trazos dunha orde global aínda confusa na súa definición hexemónica. Obama aposta pola consolidación de sendas aperturas (Irán e Cuba) revestidas de distintos contextos xeopolíticos. A histórica visita de Obama á Habana prevista para o próximo 21 de marzo determinará o nivel mais elevado do desxeo diplomático iniciado en decembro de 2014, que igualmente contou coa estratéxica achega da diplomacia vaticana, e que durante 2015 avanzou na tramitación de reaperturas de embaixadas e avances en acordos de inmigración, investimentos e turismo.

Esta consolidación da distensión cubano-estadounidense veuse igualmente reflectida na inédita e histórica xuntanza realizada na Habana a mediados de febreiro entre o Papa Francisco e o Patriarca da Igrexa Ortodoxa rusa, Kiril, evento que igualmente define un novo momento de preventiva distensión entre Washington e Moscova, co Vaticano como mestre de cerimonias.

Como sucedera co Cumio de Seguridade de Múnic celebrado a comezos de febreiro que deu paso a un incerto alto ao fogo en Siria establecido desde a semana pasada, e aproveitando o suceso histórico establecido coa xuntanza na Habana entre o Papa Francisco co Patriarca Kiril, Washington e Moscova buscan tramitar un reacomodo de intereses dentro do complexo labirinto sirio e incluso dentro da periferia euroasiática ex soviética (Ucraína).

Interpretada como un elemento de distensión tras 1.000 anos de distanciamento entre o catolicismo e a cristiandade de rito oriental, esta xuntanza deixa mais ben entrever tácticos lazos comunicantes entre Washington e Moscova no cometido de redefinir áreas de influencia estratéxica a nivel global, con Siria e Ucraína como focos de atención pero sen menoscabar outros escenarios, como precisamente Cuba e Irán.

Paralelamente, o avance dos reformistas nas eleccións parlamentarias iranianas celebradas o pasado 26 de febreiro confirma a consistencia dos trazos aperturistas establecidos por Obama co presidente iraniano, o aiatolá reformista Hassan Rouhaní. Mais que o interminable conflito sirio, Teherán está no centro de gravidade dunha reconfiguración estratéxica operativa entre Oriente Próximo e Asia Central, e que está implicando a definición de novas alianzas.

O final das sancións internacionais contra Irán establecidas en xaneiro pasado está abrindo a veda global, principalmente dende Occidente, por adquirir posicións relevantes dentro do apetecido mercado enerxético iraniano, ampliado cara outros sectores como a construción viaria e portuaria.

A xira de Rouhaní polo Vaticano e Francia en xaneiro pasado inmediatamente do anuncio do fina das sancións internacionais serviu igualmente para abrir estas canles de relacións económicas, enfocado igualmente na aceptación dun compromiso por parte occidental de incluír a Teherán como actor estratéxico da Conferencia de Paz sobre Siria, que eventualmente define o escenario post-conflito.

A decisión chinesa

Con todo, non é só Occidente o que se posiciona con forza no apetecible mercado persa. Previo aos comicios parlamentarios iranianos, o presidente chinés Xi Jinping iniciou unha visita por Irán, Arabia Saudita e Exipto, que igualmente anuncia importantes cambios na orde xeopolítica euroasiática.

Beijing foi, xunto con Rusia, o mais firme aliado iraniano durante a década de sancións occidentais establecidas entre 2005 e 2015 polo programa nuclear de Teherán. Os investimentos e préstamos chineses cara Teherán a cambio de subministro petroleiro fortaleceron un fluído eixe de relación entre ambos países, que converteu a China no principal socio comercial iraniano desde 2010, con fortes investimentos en sectores como a enerxía, a petroquímica, infraestruturas portuarias e viarias, minería e construción.

Tomando en conta que un 52% das importacións petroleiras de China veñen do Golfo Pérsico, para Beijing resultaba imperativo en termos estratéxicos a consolidación dunha canle de relación vía Irán e Arabia Saudita, traducida nesta xira rexional de Xi Jinping, que garante este tránsito enerxético dende o Golfo de Ormuz cara China.

Fiel ao seu tradicional pragmatismo en política exterior, Beijing amplía o seu radio de actuación en Oriente Próximo cara outros países como Turquía (escudo antimísiles chinés nun país membro da OTAN), Israel e Exipto, sen menoscabar que segue sendo un baluarte de apoio ao réxime sirio de Bashar al Asad. Este aspecto lle confire a Beijing unha posición estratéxica de enorme valor á hora de progresivamente fomentar un clima de equilibrio dentro dun espazo sumamente volátil e conflitivo.

Persuadido polas repercusións que en materia xeopolítica e estratéxica revestirá a apertura occidental con Irán, o presidente chinés Xi Jinping aplicou a súa iniciativa, ofrecendo ao seu homólogo iraniano Rouhaní o eventual ingreso iraniano na Organización de Cooperación de Xangai (OCX) durante a súa visita a Teherán.

Impulsada xunto con Rusia e outras repúblicas centroasiáticas, a OCX supón un mecanismo de integración chave para Beijing na tramitación dunha nova orde e equilibrio internacional, xunto ao outras iniciativas como a Ruta da Seda, o Banco Asiático de Investimentos en Infraestruturas, a APEC e a Alianza do Pacífico. Por tanto, a oferta de ingreso iraniano na OCX potenciaría as rutas de distribución de oleodutos e gasodutos como eixes estratéxicos de integración, fortalecendo un epicentro de relación entre Beijing e Teherán.

Esta tácita aceptación de esferas de influencia por parte de Washington e Moscova en áreas estratéxicas enclavadas dentro das súas respectivas periferias (Cuba con EUA, Ucraína con Rusia) e a nivel global (Siria e Irán dentro do novo Oriente Próximo) traducen igualmente a concepción de iniciativas que permitan observar en qué medida pode asimilarse o cada vez mais emerxente peso global de Beijing.

Compre por tanto observar a evolución próxima de China a través das do actual proceso de reformas que leva a cabo o Partido Comunista chinés (PCCh). Neste sentido, a comezos de marzo dará inicio en Beijing sendas xuntanzas de alto nivel entre os seus máximos órganos consultivos a nivel político e lexislativo, sendo estes a Conferencia Política Consultiva do Pobo Chinés (CPCPC) e a Asemblea Popular Nacional (APN), que definirán as liñas directrices do XIII Plan Quinquenal (2016-2020) que permita o impulso de importantes proxectos de reforma e desenvolvemento en materia económica e de Estado de Dereito.

Fin de época en América Latina

Aínda que repleto de escenarios volátiles e incertos, a consolidación do macrismo na Arxentina, a gravidade da crise venezolana e as perspectivas de desarticulación dos gobernos de esquerda en América Latina, son outros eixes que gravitan dentro da configuración destas novas esferas de influencia establecidas neste incerto orde global que está confeccionándose na actualidade.

O recente acordo do presidente Mauricio Macri cos acredores internacionais implica o retorno de Arxentina ao fluxo dos mercados financeiros internacionais establecido polo eixe atlantista, superando a crispación establecida cos gobernos “kirchneristas” (“fondos voitres”), aspecto que anuncia o retorno de Bos Aires ás esferas de influencia occidentais.

Este aspecto determina unha radial variación xeopolítica dentro das contornas de integración rexional (UNASUR, CELAC, MERCOSUR, Alianza do Pacífico), así como na progresiva influencia económica chinesa dentro do contexto latinoamericano, aínda presente polas alianzas estratéxicas de Beijing con Venezuela (dependente dos fondos chineses), Brasil e Cuba, entre outros, así como polo radio de influencia a través dos foros China-CELAC e China-Alianza do Pacífico.

A crise venezolana, polarizada pola inédita bicefalia en altas esferas de poder tramitado por unha presidencia “post-chavista” cada vez mais cuestionada, e un poder lexislativo controlado pola oposición, pode gravitar como o foco conflitivo mais importante a nivel hemisférico, toda vez avanza o proceso de pacificación en Colombia, que igualmente conta co aval diplomático de Cuba e do Vaticano. Degradado o conflito colombiano a través dun eventual e histórico acordo de paz, Venezuela anuncia escenarios de tensión onde a diplomacia multilateral deberá acometer mecanismos de actuación mais efectivos.    

Paralelamente, a derrota de Evo Morales no referendo de reforma constitucional en Bolivia paraliza decisivamente as pretensións de reelección presidencial a nivel hemisférico (Ecuador), con algunhas excepcións (Nicaragua). A crise política de Dilma Rousseff en Brasil é outro escenario de volatilidade que, independentemente das incertezas sobre un eventual impeachment, manterán ralentizada a capacidade operativa da esquerda continental, principalmente na principal economía latinoamericana (Brasil) sumida na recesión. O presumible cambio político nas presidencias peruanas (abril) confirma o preventivo final da hexemonía política das esquerdas acaecida durante a década anterior.

Con América Latina iniciando un xiro político, o escenario hemisférico estará concentrado nas presidenciais estadounidenses e as súas repercusións nas relacións coa rexión. O discurso radicalmente antiinmigración de Trump e o interese estratéxico de Obama e a súa presumible sucesora Hillary Clinton cara Asia-Pacífico, anuncian roces cada vez maiores a nivel hemisférico que certifiquen a degradación da atención por parte da Casa Branca dos asuntos latinoamericanos, moi probablemente limitados aos efectos da apertura con Cuba.

Se as aperturas de Obama cara Cuba e Irán implican asegurar esferas de influencia estratéxica para Washington a través da degradación de focos conflitivos (Siria, Ucraína) onde Moscova ampliará os seus imperativos estratéxicos, o legado post-Obama determina a gradual tramitación dun epicentro de interese para Washington cada vez mais concentrado en China e Asia-Pacífico. A súa sucesión na Casa Branca determinará en qué nivel e ata qué punto estase configurando esa nova (e aínda confusa) orde global.

 

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais