A OTAN e Colombia: algo mais que “socios globais”

A formalización este 31 de maio en Bruxelas do ingreso de Colombia como “socio global” dentro da OTAN, un feito inédito que convérteo no único país latinoamericano en ingresar na Alianza Atlántica, confirmaría as expectativas xeopolíticas “atlantistas” impulsadas dende Washington por asegurar ao país andino como o seu socio preferente e estratéxico. Eventualmente, esta perspectiva tería particular incidencia á hora de acometer crises latentes, como é o caso de Venezuela, así como de recrear unha especie de correa de contención ante a presenza hemisférica de rivais “atlantistas” como China e Rusia.

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Latinoamérica
Palabras chave Colombia OTAN
Idiomas Galego

A formalización este 31 de maio en Bruxelas do ingreso de Colombia como “socio global” dentro da OTAN, un feito inédito que convérteo no único país latinoamericano en ingresar na Alianza Atlántica, confirmaría as expectativas xeopolíticas “atlantistas” impulsadas dende Washington por asegurar ao país andino como o seu socio preferente e estratéxico. Eventualmente, esta perspectiva tería particular incidencia á hora de acometer crises latentes, como é o caso de Venezuela, así como de recrear unha especie de correa de contención ante a presenza hemisférica de rivais “atlantistas” como China e Rusia.

O anuncio do presidente colombiano Juan Manuel Santos sobre o ingreso colombiano na OTAN previsto para esta semana, ocorreu nun contexto político e electoral chave en Colombia, previo aos comicios presidenciais do pasado 27 de maio que deu paso a unha intensa polarización postelectoral existente no país de cara á segunda rolda. Esta polarización é particularmente visible nas candidaturas do “uribista” Iván Duque fronte á esquerdista de Gustavo Petro, considerado un simpatizante “chavista” e que conta cun frontal apoio por parte da ex guerrilla das FARC.

Igualmente, o ingreso colombiano na OTAN crea receos e rexeites frontais entre os seus países veciños, principalmente Venezuela, Brasil, Perú e Ecuador, os cales observan como un precedente non desprovisto de riscos para a seguridade global.

Os alcances de ser un “socio global”

Se ben os primeiros contactos comezaron co goberno de Álvaro Uribe Vélez (2002-2010), a o punto focal da relación de Bogotá coa OTAN data de 2013, a través dun Programa de Colaboración e de Cooperación Individual que deu os seus froitos a partir de xullo de 2017.

Este acordo adoptou o compromiso común ante ameazas para a seguridade global como a ciberseguridade, a seguridade marítima, o terrorismo e as súas vinculacións co crime organizado. No fondo, este acordo garante o principio de “sistema de defensa colectiva” ante calquera agresión externa. Con todo, Santos asegurou no seu anuncio de que Colombia “non participará en operacións militares” deste organismo.

O status colombiano de “socio global” da OTAN coloca ao país andino na mesma condición que outros países fóra do contexto atlántico, pero nos que a Alianza Atlántica ten intereses xeopolíticos evidentes. Estes países son Afganistán, Australia, Iraq, Xapón, Corea do Sur, Mongolia, Nova Zelanda e Paquistán. En perspectiva xeopolítica, todos eses países son circundantes nas áreas e esferas de actuación de rivais da OTAN como Rusia e China.

Poucos días antes do anuncio de Santos de ingreso na OTAN, Bogotá tamén informou que Colombia ingresará proximamente na Organización de Cooperación e de Desenvolvemento Económico (OECD), organismo que agrupa ás principais potencias económicas globais así como ás economías emerxentes.

Santos expresou que ambos ingresos, na OTAN e na OECD, permitirán unha mellora substancial da imaxe exterior do país, confirmando así o ascenso de Colombia como país emerxente con capacidade, en palabras do propio Santos, de “ter moito mais xogo no escenario internacional”.

Venezuela, China e Rusia na mira telescópica

Ante este panorama, o anuncio de ingreso colombiano na OTAN provocou unha reacción moi frontal por parte do seu veciño, Venezuela. O goberno de Nicolás Maduro protestou vehementemente sobre esta presenza da OTAN nas súas fronteiras, considerando este ingreso como algo “insólito” e que confirmaría a presunta intención da Alianza Atlántica de alcanzar con Bogotá unha cooperación militar “con capacidade nuclear” que eventualmente recrearía “escenarios de inestabilidade en América do Sur e no Caribe”.

Para Caracas, o enfoque desta asociación entre Colombia e a OTAN tería un significado claramente xeopolítico dirixido cara Venezuela por dúas razóns estratéxicas: pola persistencia do “chavismo” no poder e a súas implicacións no escenario rexional e particularmente colombiano; e igualmente por seren Venezuela o  principal epicentro de cooperación en América do Sur de China e Rusia, rivais estratéxicos “atlantistas”.

Desde mediados da década de 2000, durante o goberno do desaparecido Hugo Chávez, Venezuela formalizou marcos de asociación estratéxica con China e Rusia, que permitiron ampliar mecanismos de cooperación en áreas prioritarias como a enerxía, a seguridade e incluso a integración rexional vía ALBA e incluso UNASUR, dúas entidades visiblemente opacadas ante os recentes cambios políticos rexionais.

A este contexto debe engadirse a relación estratéxica venezolana con Irán e Siria, países igualmente contrarios aos intereses “atlantistas”. Precisamente este aspecto provoca unha enorme preocupación para Washington así como para o seu aliado estratéxico, Israel, particularmente no caso da implicación iraniana vía Venezuela por mor das aspiracións nucleares de Teherán. Por outra banda, Colombia e Israel intensificaron as súas relacións bilaterais desde finais da década de 1980, con estreitos vínculos económicos e militares que proximamente veranse consolidados no Tratado de Libre Comercio que subscribirán ambos países.

A xira sudamericana realizada en febreiro pasado polo ex secretario de Estado estadounidense Rex Tillerson tivo o seu foco principal nesa conexión entre Venezuela, Rusia, China e incluso Irán que tanta preocupación recrea en Washington. O punto estratéxico da visita foi precisamente Colombia. Tillerson falou da “ameaza para os intereses de seguridade” de EUA o que considerou como un “expansionismo de Rusia e China” en América Latina. A súa substitución como secretario de Estado polo ex director da CIA Mike Pompeo acentuará aínda mais esta preocupación hemisférica para a administración Trump.

A “carta Duque”

Por tanto, o anuncio de Santos de ingreso á OTAN tamén albisca diversas expectativas a mediano prazo, moi circunscritas ao contexto electoral colombiano, ás relacións con Venezuela e ao fortalecemento dos vínculos con Washington. Neste sentido, resulta previsible que unha vitoria de Iván Duque na segunda rolda electoral prevista para o próximo 17 de xuño en Colombia confirmará e posiblemente ampliaría esta cooperación entre Colombia e a OTAN e, por conseguinte, con Washington.

A influencia “uribista” na candidatura de Duque da a entender a concreción de intereses favorables a este ingreso colombiano na Alianza Atlántica. Por tanto, eventualmente con Duque na presidencia e xa formalizado o ingreso colombiano na OTAN, resulta moi perceptible un escenario de intensificación na constante confrontación e a tensión bilateral con Venezuela.

Polo contrario, unha eventual vitoria de Petro moi probablemente implicaría unha denuncia pola súa parte deste compromiso coa OTAN, obstaculizando a súa viabilidade. Velaí que tanto para Santos como para a Alianza Atlántica e a administración de Donald Trump en Washington resulte imprescindible atar canto antes o ingreso colombiano na alianza atlantista. E probablemente observar como garantía deste compromiso unha eventual vitoria electoral de Duque na segunda rolda a celebrarse o próximo 17 de xuño.

Paralelamente, o retorno “neoconservador” observado nos recentes procesos electorais latinoamericanos é un aspecto igualmente observado con atención por parte da OTAN, en particular cara países estratéxicos fronteirizos con Colombia como son os casos de Brasil e Perú, cuxos gastos militares aumentaron considerablemente nos últimos anos.

Segundo o informe anual 2017 do Stockholm International Peace Research Institute (SIPRI), Brasil liderou o gasto militar en América do Sur (posto 11º a nivel global), seguido de Colombia. Perú está en sexto lugar, mentres dous membros chave do eixe ALBA como Venezuela (9º) e Bolivia (8º) están no “top 10” deste lista.

A pesar da súa crise socioeconómica, Venezuela aumentou nun 19% o seu gasto militar en 2017 co respecto ao ano anterior, razón que evidencia as súas preocupacións polo ingreso colombiano na OTAN. A nivel global, China segue a ocupar o segundo lugar en gasto militar despois de EUA, toda vez Rusia experimentou un notable decrecemento neste apartado por primeira vez desde 1998.

Asegurado este compromiso por parte de Santos, Colombia reforzaría así o seu peso xeopolítico hemisférico tanto para a alianza atlantista como especialmente para Washington. Tras celebrarse o recente Cumio das Américas en Lima (abril), o vicepresidente estadounidense Mike Pence visitou Bogotá co obxectivo de fortalecer a asociación estratéxica entre ambos países, acelerada desde 2000 coa aplicación dun Plan Colombia que pode revitalizarse dentro do actual contexto de postconflito en Colombia, trala firma do acordo de paz entre Santos e as FARC en setembro de 2016.

Con todo, o actual contexto de polarización electoral en Colombia, particularmente a contraria posición de Duque co respecto aos acordo de paz, afronta retos difíciles para o avance do mesmo de cara ao próximo período presidencial. No caso da posibilidade dunha revitalización do Plan Colombia de erradicación dos cultivos de narcotráfico, a presenza da OTAN no país andino confirmaría unha reestruturación das prioridades estratéxicas da Alianza Atlantista dentro da seguridade global.

No obstante, existen contrariedades sobre a capacidade da actuación da Alianza Atlántica, así como de EUA e da Unión Europea, en países produtores e con rutas de narcotráfico. Outros “socios globais” da OTAN como Paquistán e Afganistán tamén son importantes produtores de opio, heroína e cocaína así como provedores de rutas de narcotráfico, principalmente cara o sueste asiático, Asia Central e Europa. Unha condición que nin sequera a presenza da OTAN nestes países logrou acadar solucións efectivas para a súa erradicación.

Por tanto, o ingreso colombiano na OTAN altera o non menos tenso equilibrio militar en América do Sur, con implicacións no pulso xeopolítico por asegurar esferas de influencia globais que levan a cabo EUA, China e Rusia. O contexto electoral colombiano tamén xoga a súa carta neste sentido.