Nas Chaves do IGADI Annual Report 21-22
Wikimedia Foundation

A pandemia da COVID-19: última palabra?

A Organización Mundial da Saúde (OMS) indica que entre xaneiro de 2020 e xaneiro do 2022 morreron 5,9 millóns de habitantes do planeta. Sen embargo, un novo estudo que viu a luz no mes de marzo de 2022 estima que houbo 18,2 millóns de mortes, o triplo. A investigación, dirixida por Haidong Wang, do Instituto de Métrica e Avaliación Sanitaria de EE. UU. publicado por The Lancet, basea os seus resultados no contraste entre as mortes rexistradas por COVID-19 nos distintos Estados da comunidade internacional e a diferencia na mortalidade total en relación aos anos anteriores á explosión do virus. 
Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego

A Organización Mundial da Saúde (OMS) indica que entre xaneiro de 2020 e xaneiro do 2022 morreron 5,9 millóns de habitantes do planeta. Sen embargo, un novo estudo que viu a luz no mes de marzo de 2022 estima que houbo 18,2 millóns de mortes, o triplo. A investigación, dirixida por Haidong Wang, do Instituto de Métrica e Avaliación Sanitaria de EE. UU. publicado por The Lancet, basea os seus resultados no contraste entre as mortes rexistradas por COVID-19 nos distintos Estados da comunidade internacional e a diferencia na mortalidade total en relación aos anos anteriores á explosión do virus. 

Se algo nos ensinou a pandemia é que os medios humanos e técnicos, así coma de coñecemento científico, sendo imprescindibles para minorizar os efectos negativos da chegada da COVIF-19, son insuficientes para rastrear, coñecer e predicir o seguinte episodio con precisión. Nesa continuidade desde marzo do 2020 en Europa, o 2021, o segundo ano da pandemia, desenvolveuse entre o entusiasmo da vacinación universal e as inconsistencias e contradicións desatadas nunha situación radicalmente nova, a que desde o 2020 mantén en estrés sanitario e loxístico ao planeta. 

Tralas agonías e os desastres dos confinamentos en Asia, Europa e o mundo enteiro durante o 2020, a finais dese mesmo ano fíxose realidade aquela primeira idea dunha consecución express das vacinas. Así a Food and Drug Administration (FDA) dos Estados Unidos aprobou a vacina Pfizer-BioNTech o 11 de decembro de 2020 e uns días despois deu luz verde á fabricada por Moderna. Tamén o 30 de decembro o Reino Unido aprobou o da Universidade de Oxford e a farmacéutica AstraZeneca. Arredor do mundo sucedíanse as novas vacinas, patrocinadas por países coma China (Sinopharm, Sinovac e CanSino), Rusia (Sputnik), India (Covaxin) Cuba (Soberana). Estímase que se subministraron máis de 8.000 millóns de doses en polo menos 197 países. 

Noutra ocasión máis, a desigualdade apareceu como elemento estrela á hora de pensar os impactos da COVID-19 no planeta. Así,  o 21 de decembro do 2021 o Banco Mundial publicaba na súa páxina web e redes sociais o «Resumo do ano 2021 en 11 gráficos: a pandemia da desigualdade» que con 11 sinxelos gráficos de clasificación por países, presentaba o aumento da desigualdade, tanto dentro de cada país, coma entre países, en indicadores coma o impacto por nivel de ingresos, o impacto nos niveis das débedas externas e o aumento dos niveis de pobreza, coma parte extrema do descenso xeneralizado dos niveis de vida e de benestar. 

Sen embargo, a sucesión durante o 2021 de novas ondas da pandemia arredor do planeta, así como a activación e desactivación de medidas preventivas nos distintos países e zonas rexionais debuxaron un mosaico complexo arredor da xestión da crise sanitaria e as interdependencias planetarias. En todo momento houbo un contraste claro entre o modelo occidental e o asiático á hora de abordar o problema de saúde pública e os distintos impactos nas cadeas de loxística e distribución. 

No 2021 destacou tamén a emerxencia e a contundencia do movemento negacionista do virus e as vacinas arredor do globo, así como a identificación de novos efectos adversos produto da pandemia, onde a saúde mental agromou coma debate relevante nos cinco continentes. Expresións coma Coronafobia ou fatiga pandémica engadíronse ao Dicionario da pandemia.

Xa no 2022 e no impacto aínda por determinar da Guerra en Ucraína desatada pola invasión, a pandemia descendeu abruptamente a súa exposición pública nos medios de comunicación europeos e todos os indicadores xerais amosan melloras positivas en relación á redución da mortalidade por COVID-19. Sen embargo, episodios sorprendentes, coma os novos confinamentos masivos na China e a persistencia na estratexia da COVID-0, non acaban de concretar a volta á  vella globalización, que mesmo sinte as ameazas da crise ambiental con potenciais episodios epidémicos novos, como o virus da variola do mono. 

De feito, o confinamento de Shanghai en abril e maio do 2022, con fortes impactos sobre comercio global, ou a explosión de casos en Corea do Norte, dan mostra de potenciais episodios futuros coa COVID-19. Entre a estratexia COVID-0 e a gripalización no 2022 segue a sentirse o desorde pandémico. 

Esta peza fai parte das Chaves do IGADI Annual Report 2021-2022, “Desorde pandémica, interdependencias e guerra” Podes decarregalo aquí.