Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Etiquetas
Idioma
IGADI 29 de Xaneiro de 2020 Mansilla Blanco

A “paz do século” de Trump

É a paz do século”. Fiel a súa estridencia e grandilocuencia, así cualificou Donald Trump o principio de acordo presentado este 28 de xaneiro en Washington, orientado a eventualmente concretar unha solución de “dous Estados” entre Israel e Palestina. Pero alén do “histórico” dun acordo unilateral que beneficia claramente ao seu aliado israelí, o mesmo ten obvios resortes xeopolíticos para EUA. Como sucedera co asasinato do xeneral iraniano Qossem Soleimani en Bagdad, Trump da outro golpe efectista en política exterior nun 2020 electoralmente decisivo para el, cun impeachment en pleno curso.

O momento era así oportuno para as intencións de Trump, sobre todo á hora de medir as reaccións doutros actores relevantes. O seu gran rival xeopolítico global, China, está demasiado ocupado polos efectos humanitarios causados polo brote do virus coronavarius, que xa ten causado mais dun centenar de mortes e que incluso ten chegado a Europa e Canadá.

Pola súa banda, Europa está pendente da posta en marcha do Brexit o próximo 31 de xaneiro. Rusia ven de ralentizar a súa case hexemónica posición no espazo de Oriente Medio e o Mediterráneo, alcanzando unha paz en Libia que provocou roces co seu aliado turco, país membro da OTAN. E Irán aínda está en conmoción tralo golpe sufrido coa caída de Soleimani, as tensións con Washington e as críticas internacionais tralo derrubo do avión ucraíno.

Obxectivo 1: o amigo israelí

Trump tiña un as baixo a manga e Palestina, símbolo histórico de conflitos en Oriente Próximo, semellaba darlle unha saída. Velaí que o acordo unilateral plasmado con Israel obsérvase, mais ben, como unha especie de ultimátum por parte de Trump, ansioso por alcanzar logros en política exterior que eventualmente aseguren o seu capital político interno.

O seu mediador na rexión é o seu xenro, Jared Kushner, recibido con receo polos palestinos e o mundo árabe ademais de certos sectores dentro do Departamento de Estado en Washington. Non obstante, este acuerdo visualízase co selo persoal de Kushner.

Acompañado polo primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu, Trump falou de “oportunidade histórica” e de “última oportunidade que terán para a paz”. Unha retórica que mestura advertencia apocalíptica con presión diplomática. Con isto, calculou con certa destreza os tempos e o momento oportuno para anunciar este acuerdo, toda vez o mundo está observando a conmemoración do 75º aniversario da liberación do campo de concentración de Auschwitz (Polonia), coincidiendo co Día Internacional da Conmemoración do Holocausto. Unha conxuntura de enorme carga moral que denota igualmente que o acordo unilateral de Trump foi precisamente trazado polo poderoso lobby israelí en EUA.

Paralelamente, Trump calculou con exactitude como pode quedar o mapa xeopolítico en Oriente Próximo se este acordo, finalmente, logra cristalizarse. E para iso precisa deixar ben parado ao seu principal aliado rexional: Israel.

Netanyahu, principal aliado rexional de Trump, sométese a principios de marzo e por terceira vez en menos dun ano a unhas novas eleccións xerais, onde pode quedar definitivamente fóra do poder. Acosado por escándalos de corrupción, Netanyahu precisa igualmente dun “golpe de efecto” como o de Trump, neste caso cun acordo de paz para Palestina.

Outro aspecto é o escenario palestino e rexional. O presidente da Autoridade Nacional Palestina (ANP), Mahmud Abbas, está en edad avanzada e a dirigencia palestina precisa igualmente dunha renovación. Siria é unha especie de protectorado ruso onde Irán incluso perdeu certa capacidade de manobra, evidenciado coa morte de Soleimani. Líbano e Iraq son escenarios volátis, actualmente en calma tensa e, no caso iraquí, moi pendente do pulso de Trump con Irán.

Neste contexto, o tema palestino estaba prácticamente estancado, sen aparentes posibilidades de reactiva-lo. Ata que foi precisamente Trump quen o “resucitou” para mete-lo na axenda global dunha forma tan inesperada como intempestiva, nunha manobra sumamente calculada co seu aliado israelí.

Esta perspectiva tradúcese no propio título do acordo, “The Vision”. Trump albisca un posible Estado palestino baixo unha especie de tutela israelí, que comprendería os territorios de Cisxordania e a Franxa de Gaza, conectados por túneles co Val do Xordán pero baixo control militar israelí. O acordo, por tanto, ten tódolos visos de compracer as esixencias de Netanyahu e do estamento político-militar israelí, toda vez os palestinos amosan un contexto de debilidade política.

“The Vision” conxela durante catro anos a construción de novos asentamentos para poder dar curso á solución dos “dous Estados”. Non obstante, pide ás autoridades palestinas o recoñecemento de Xerusalén como capital única de Israel, descarta desmantelar os asentamentos que xa existen e establece a consideración de Israel como Estado xudeu. Aspectos todos eles que difícilmente serán aceptados na súa totalidade por parte dos palestinos, pero que poden posibilitarse debido á realpolitik e as incertezas e claroscuros do contexto actual en Oriente Próximo.

A cambio, Trump promete un plan de investimentos avaliado en US$ 50.000 millones de dólares durante 10 anos para fomentar o que denominou dun xeito rimbombante como “a prosperidad”. Unha prosperidade que non semella convencer aos palestinos. Este monto de investimentos repartiríase entre os territorios de Gaza e Cisxordania e países veciños como Xordania e Exipto, os únicos na rexion que, xunto con Turquía, recoñecen oficialmente ao Estado israelí.

En perspectiva, o “histórico” acordo de Trump beneficia amplamente ao seu aliado israelí, coa intención de neutralizar calquera acción contraria. Neste sentido, a ANP deberá recoñecer a Israel como “Estado xudeu”, descoñecendo así a multietnicidade estatal que contempla a existencia de minorías árabes, armenias, drusas e doutras orixes étnicas e relixiosas.

Un recoñecemento, o do “Estado xudeu”, que figura como a ambición histórica de Netanyahu e do establishment político e militar israelí, xa condicionado dentro do proyecto lanzado en 2010 polo propio Netanyahu de asegurar as “fronteiras históricas” do Estado de Israel.

Ó mesmo tempo, este acuerdo estipula que o movemento islamita Hamas deberá entregar as armas e desmilitarizar a Franxa de Gaza, territorio durante anos practicamente illado ao exterior onde o movemento islamita mantén o seu poder político. Finalmente, o asunto de garantir a Xerusalén como a capital baixo soberanía isrelí, con apertura relixiosa a tódolos credos, é un punto espinoso que os palestinos dificilmente aceptarán, cando menos sen condicións previas.

A solución de “dous Estados”, xa contemplado nos Acordos de Oslo de 1993, é hoxe escasamente viable. Non obstante, Trump segue a apoiar as iniciativas israelís de apoderarse de colonias xudías en Cisxordania, algo que obviamente irrita aos palestinos.

“The Vision” prevé igualmente a capital palestina en Xerusalén Leste, onde Washington xa ten a súa embaixada ao muda-la fai case un ano dende Tel Aviv. Nese momento, algúns analistas árabes lograron prever, con aparente certitude, que a embaixada estadounidense en Xerusalén Leste podería presaxiar a posibilidad de que alí concretárase a capital do futuro Estado palestino.

Obxectivo 2: Irán e Rusia

Os palestinos están na pobreza e a violencia, explotados por aqueles que buscan usalos como peóns para promover o terrorismo e o extremismo. Merecen unha vida moito mellor”, Trump dixit, nunha clara mensaxe dirixida a Irán, patrocinador de grupos islamitas armados palestinos como a Yihad Islámica, Brigadas de Mártires de Al Qods e, con apoio mais ben político, ao propio Hamás.

Tanto como a Irán, o acuerdo de Trump para Palestina ten outro obxectivo en mente: neutralizar a posición de Rusia en Oriente Próximo. Unha posición ascendente dende a entrada rusa no conflito sirio en 2015.

Por mor do conflito sirio, Putin logrou hilvanar unha heteroxénea alianza con Turquía e Irán que permitiu asentar unha especie de pax rusa na rexión. A isto debe unirse a posición de China, a grandes resgos condescendente cos imperativos xeopolíticos de Putin.

Esta especie de “eixe euroasiático” manexado dende o Kremlin con apoio chinés é o obxectivo colateral que Trump busca neutralizar con este acuerdo en Palestina, tentando así recuperar a iniciativa de Washington na rexión. Outro tema ten que ver cos investimentos previstos no acordo para Palestina, que competirían coas iniciativas rusa e chinesa, entre outros países, por impulsar a reconstrución baixo proxectos lucrativos estensivos a Oriente Próximo.

Un apéndice: Venezuela

Outro escenario colateral do acordo de Trump en Palestina é precisamente Venezuela. A necesidade de illar aínda mais ao réxime de Nicolás Maduro é un imperativo xeopolítico para Washington, tomando en conta que o acordo de Palestina deixa preventivamente en “fóra de xogo” aos dous grandes aliados de Maduro: Rusia e Irán, beneficiando así aos dous dos seus inimigos de Maduro: EUA e Israel.

A xira internacional de Juan Guaidó deixa a Maduro nunha posición aínda mais decaída. Precisamente, esta xira ampliou as expectativas de Trump por illar aínda mais a Irán e aos seus aliados hemisféricos, neste caso Venezuela. Este acordo, aínda incerto porque precisa ratificarse precisamente por parte palestina, deixa a Maduro con menos marxe de manobra, aínda mais dependente do que decida o seu aliado Putin.

Neste sentido, resulta pouco probable que Putin tente unha manobra dilatoria e sorprendente porque, precisamente, o presidente ruso tense constituído nos últimos tempos, e grazas a súa intervención en Siria, como o único actor en Oriente Próximo con capacidade de interlocución con tódolos actores involucrados na rexión, a maioría rivais e inimigos entre si, como son os casos de Israel, Irán, Arabia Saudita ou Exipto, entre outros.

En menos dun mes, Trump logrou tres sucesos en política exterior enfocados en cercar a Maduro e o seus aliados: neutralizar a Irán coa morte de Soleimani; asegurar a xira exterior de Guaidó; e agora un acordo para Palestina. Nestes tres escenarios, directa ou indirectamente, Trump tivo en mente a sorte de Venezuela.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais