Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Mundiario (Galicia-España) 25 de Setembro de 2015 Mansilla Blanco

A realpolitik de Putin

Obama e Putin durante unha xuntanza en xuño de 2013.

A confirmación da xuntanza entre o presidente ruso Vladimir Putin e o seu homólogo estadounidense Barack Obama a próxima semana en Nova York, no marco da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, confirmaría un súbito achegamento entre Washington e Moscova no cometido de eventualmente configurar as bases dun novo status quo, consecuencia dos equilibrios existentes no concerto ucraíno e do agravamento do conflito sirio, especialmente ante a crise dos refuxiados. Aínda que as relacións entre ambos países seguen a transitar por un clima de frialdade, consecuencia primordial do pulso xeopolítico polo control de esferas de influencia en Ucraína, esta a primeira xuntanza de Obama e Putin desde 2013 servirá como toma de contacto orientada a exercer accións decisivas dentro do conflito sirio e ante os inesperados cambios xeopolíticos que están acontecendo en Oriente Próximo, moitos deles derivados do erróneo enfoque de Washington á hora de desestimar un maior nivel de cooperación con Moscova. Unha xuntanza inevitable, probablemente reactivada pola crecente presenza da diplomacia rusa en Oriente Próximo e das consecuencias xeopolíticas da eventual efectividade do Plan Siria impulsado por Putin a comezos de setembro. 

Este baleiro causado pola defección estadounidense motivou a que aliados tradicionais de Washington, como Arabia Saudita, Exipto e Israel(1), cuxas relacións co goberno de Obama amosan un clima de frialdade e distanciamento por mor da aposta estadounidense dunha apertura con Irán, abriran agora unha xanela de contactos e de marcos de cooperación con Rusia, algúns deles definidos no plano nuclear, enerxético e económico (Exipto, Arabia Saudita e Xordania) e outros, dun xeito inédito (Israel) dentro do marco de actuación do conflito sirio(2).

Toda vez, Putin impulsa agora un novo Plan Siria diametralmente oposto ao presentado anteriormente por Obama (novembro de 2014), mantendo unha decidida aposta  por subministrar armamento ao seu aliado, o réxime sirio de Bashar al Asad(3), na súa loita contra o Estado Islámico, tal e como revelou a mediados de setembro o chanceler ruso Serguéi Lavrov.

Un novo Plan Siria

Segundo diversas fontes informativas, Rusia estaría asesorando ao Exército sirio nas frontes de loita contra o Estado Islámico, así como na consolidación de posicións dos actores afectos ao réxime de Bashar al Asad, a través da construción dunha base militar na provincia de Latakia(4), de maioría alauíta, comunidade confesional da que provén o clan al Assad(5).

Se ben fontes oficiais en Moscova insisten en que a cooperación non se realiza para apoiar a Bashar al Assad senón ao “Estado sirio”, resulta evidente que Moscova está reactivando, a través da súa decidida aposta por intervir no conflito sirio, unha serie de obxectivos estratéxicos e de esferas de influencia que van dende o Mediterráneo, Oriente Próximo e o espazo contiguo caucásico, coa pretensión de contraer (ou ben erosionar) a tradicional hexemonía de Washington na rexión.

Entre outras razóns, a recuperación da soberanía rusa na península de Crimea (marzo de 2014) intensificou diversos programas de fortalecemento da potencialidade marítima rusa, a tenor da reactivación de exercicios militares navais que se veñen realizando no Ártico, o Báltico, o Mar Negro e o Mediterráneo dende finais de 2014(6), unha perspectiva que está creando preocupación na OTAN, tomando en conta que a Alianza Atlántica formula a posibilidade de resucitar a estratexia de disuasión cara Rusia no seu próximo cumio a celebrarse en Varsovia en 2016(7).  

Co control de Crimea, Moscova potencia a súa flota naval entre o Mar Negro e o Mediterráneo, neste último caso fortalecido pola presenza da base militar de Tartus na provincia mediterránea siria de Latakia, así como polos contactos que Rusia mantén con Turquía desde finais de 2012. Este aspecto reforzaría as potencialidades do Plan Siria impulsado por Putin acicalado desde comezos de setembro, ampliando as súas perspectivas na potenciación dun espazo contiguo ruso de influencia.

Neste sentido, Moscova observa como imperativo inalterable fortalecer o control estatal por parte do réxime de Bashar al Assad, repelendo así a ameaza estratéxica que supón a ideoloxía yihadista do Estado Islámico, en particular de cara a súa eventual irradiación de cara ás repúblicas de maioría islámica no Cáucaso ruso, en particular Chechenia, Osetia do Norte e Daguestán.

O status quo do Kremlin

Por tanto, Putin planea colocar a Siria como epicentro de actuación dunha realpolitik de alcance global en diversas áreas de actuación que, observadas dende a perspectiva do equilibrio estratéxico actual, Washington non está en capacidade de prover.

Neste sentido, Moscova é o único actor con capacidade de influencia real de cara aos actores principais que conforman o delicado concerto estratéxico existente de Oriente Próximo. Aliado tradicional de Siria e Irán, a súa esfera de influencia ampliase colateralmente de cara a movementos islamitas (Hizbulá, Hamas, Yihad Islámica), conectados con Damasco e Teherán e abertamente contrarios ao Estado Islámico, así como a grupos afectos á rede Al Qaeda.

Por tanto, deben observarse con atención os movementos que realiza Putin en diversos ángulos. Con motivo da festa musulmá do Sacrificio, o pasado 23 de setembro, Putin inaugurou a Mesquita Catedral de Moscova, contando no acto de inauguración coa presenza do presidente turco Recep Tayyip Erdogan, do presidente da Autoridade Palestina Mahmud Abbas e do Gran Muftí de Rusia.

Sendo unha das maiores mesquitas europeas, Putin lanzou unha mensaxe de gran contido simbólico orientado a potenciar un marco de cooperación coas comunidades islámicas desafectas co radicalismo establecido polo Estado Islámico, tal e como anunciou o propio presidente ruso no acto de inauguración. Rusia posúe numerosas comunidades de confesión musulmá, principalmente no Cáucaso e Asia Central, razón pola que este repentino achegamento por parte de Putin, a través de xestos de notable carácter simbólico, está potenciando pola súa visión dunha nova realpolitik cara o mundo islámico.

Compre por isto tomar en conta a presenza de Erdogan e Abbas no acto de inauguración da Gran Mesquita en Moscova. Putin ven deseñando fortes lazos de cooperación estratéxica con Turquía, país membro da OTAN que busca unha posición emerxente autónoma, alterando así a tradicional orientación atlantista de Ankara. Paralelamente, o achegamento entre Putin e Erdogan ten igualmente un efecto colateral de cara a moitas das comunidades musulmás existentes en Rusia, que son de orixe túrquico. Pola súa banda, a presenza de Abbas en Moscova fortalece a posición rusa de favorecer a creación dun Estado palestino independente, enfoque que potenciaría diversos elementos de popularidade para Putin de cara ao mundo árabe e islámico.

A pesar da súa alianza con Siria e Irán, Putin abre agora un compás de cooperación de cara aos seus rivais xeopolíticos, especialmente de Teherán, sendo os casos mais visibles os de Exipto, Arabia Saudita e Israel, coa pretensión de erixir a Rusia como un elemento de equilibrio entre os diversos e complexos actores de confrontación existentes en Oriente Próximo.

Se ben o fortalecemento de proxectos de cooperación económica e nuclear con Exipto revitalizan a histórica cooperación soviética no Exipto “nasserista”, dalgunha forma encarnado no actual pretorianismo militar do presidente Fatah al Sissi, a apertura cara Arabia Saudita supón unha alteración inédita do equilibrio estratéxico no Golfo Pérsico.

Como grandes produtores petroleiros, Rusia e Arabia Saudita posúen enfoques disímiles sobre as decisións que deben tomarse no mercado petroleiro global. Paralelamente, Putin ten apuntado a Riad como promotor dun yihadismo salafista procreador do Estado Islámico, así como de eventual apoio loxístico a grupos yihadistas existentes no Cáucaso ruso, especialmente en Chechenia e Daguestán, abertamente confrontados con Moscova. Mesma perspectiva de confrontación obsérvase entre Rusia e Arabia Saudita co respecto ao conflito sirio, ante os temores de Riad de que Moscova fortaleza ao réxime de Bashar al Assad e, colateralmente, reforce a posición iraniana.

Con todo, a eventualidade dunha cooperación nuclear ruso-saudita pode explicarse pola visión do Kremlin de potenciar un novo equilibrio nuclear tralo acordo alcanzado por Irán co G5+1 o pasado mes de xullo en Viena, e ante as expectativas dunha hipotética apertura entre Washington e Teherán.

Nesa dirección, Putin pode proverse como actor de equilibrio e eventual procreador de consensos, a tenor da súa alianza con Teherán e da súa recente apertura de marcos de cooperación con Riad, que pode ampliarse cara outras “petromonarquías” do Golfo Pérsico temerosas da potencialidade iraniana (Catar, Emiratos Árabes Unidos, Kuwait, Bahrein)

Con Israel, a situación é mais táctica que estratéxica. Tel Aviv recea igualmente do apoio ruso ao réxime sirio e a potenciación dun eixe Damasco-Teherán claramente antiisraelí, incrementado polo apoio de Putin ao Estado palestino. Pero o contexto 2015 de agravamento da crise siria semella concretar algúns puntos de concordancia entre Netanyahu e Putin.

A recente visita do primeiro ministro israelí a Moscova traduciuse na pretensión por establecer puntos de contacto orientados a non contrariar os intereses mutuos, en particular ante o anuncio ruso de cooperar militarmente co goberno de Bashar al Assad. Se ben Siria é un inimigo histórico israelí mentres Tel Aviv observa con preocupación que o plan sirio de Putin derive nun maior fortalecemento do eixe Damasco-Teherán a través de Moscova, o Kremlin pretende establecer unha especie de zoa contigua en Siria que preventivamente non afecte os intereses de seguridade israelís (Altos do Golán, Líbano)

Un tema escasamente abordado dentro deste contexto é o Kurdistán. O fortalecemento das milicias kurdas que loitan no norte de Siria contra o Estado Islámico, así como o fait accompli dun Estado autónomo kurdo ao Norte de Iraq, son factores que crean perturbación de cara a aliados rusos como Siria, Turquía e Irán. Neste sentido, a ofensiva turca contra efectivos do PKK e eventualmente das milicias kurdas en Siria, contando coa tácita aprobación de Washington e da OTAN, revitalizarían o caudal do conflito kurdo.

Desde 2013, Putin estableceu determinados contactos coa Rexión Autónoma Kurda do Norte de Iraq, nun momento en que potenciaba diversos apoios á causa kurda. Con todo, non é descartable que, na súa pretensión por acabar co Estado Islámico, o Plan Siria de Putin estableza unha eventual capacidade de autonomía para os kurdos sirios. Pero Moscova sabe que o tema kurdo debe ser tratado con delicadeza, a tenor da súa capacidade conflitiva dentro da xeopolítica de Oriente Próximo.

Obama toma nota

Observando o contexto actual, a xuntanza entre Obama e Putin a próxima semana certificará os alcances dese retorno da xeopolítica rusa en perspectiva global, iniciada precisamente por mor da crise ucraína desde 2014, e cómo Washington xa asume como un fait accompli a necesidade de contar coa cooperación rusa, particularmente dentro do conflito sirio.  

Neste sentido, é posible intuír que Obama e Putin eventualmente discutirán a concreción de escenarios e puntos estratéxicos de interese, derivados da eventual configuración dun novo status quo a nivel global post-Ucraína e post-Siria. Compre así considerar en qué medida os achegamentos aperturistas de Obama cara Cuba e Irán, tradicionais aliados rusos, están provocando un efecto colateral inmediato de cara á realpolitik de Putin cara aliados estratéxicos estadounidenses en Oriente Próximo, como son os casos de Israel, Arabia Saudita, Exipto e Xordania(8), na pretensión por focalizar esferas de influencia que eventualmente senten as bases de definición dun novo status quo.

Por táctica de realismo político, e a pesar da visible falta de sintonía persoal, Obama e Putin vense na obriga de procrear un ambiente de tácita cordialidade que diminúa os puntos de fricción existentes entre Washington e Moscova. Pero observado desde a perspectiva desta realpolitik, a xuntanza da próxima semana en Nova York persuadirá a Washington de que, inevitablemente, deberá contar co “amigo” Putin na configuración dun novo status quo que certifique o declive do mundo da “posguerra fría”.

 

 

 

 

  



(1) “Allies Scorned by Obama Continue Turn to Russia”, WND (EUA), 23 de setembro de 2015. Ver en: http://www.wnd.com/2015/09/allies-scorned-by-obama-continue-turn-to-russia/

(2) Durante unha visita a Moscova o pasado 21 de setembro, o primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu expresou ante o seu anfitrión Putin os temores israelís dunha presunta fronte entre Irán e Siria nos Altos do Golán para atacar obxectivos israelís. Putin aseguroulle a Netanyahu que Damasco non supón unha ameaza á integridade estatal israelí precisamente porque o obxectivo mais urxente do réxime de Bashar al Assad é “protexer a integridade do Estado sirio”. Ver: “Putin a Netanyahu: ‘Siria no se enfrentará a Israel, pues debe mantener su existencia como Estado”, RT, 21 de setembro de 2015. Consultar en: http://actualidad.rt.com/actualidad/186492-putin-netanyahu-siria-israel-segundo-frente

(3) En aberto contraste co Plan Obama de novembro de 2014, Putin mantén unha decidida aposta por axudar ao “lexítimo goberno encabezado por Bashar Al Assad” como solución para o conflito sirio. As súas declaración poden observarse en “Putin: Syrian Crisis Can Be Solved Only Through Support of Assad´Govt”, Sputnik International (Rusia), 25 de setembro de 2015. Ver en: http://sputniknews.com/politics/20150925/1027503392.html

(4) “Russia is ‘building military base in Syria” The Telegraph (Gran Bretaña), 5 de setembro de 2015. Ver en: http://www.telegraph.co.uk/news/worldnews/middleeast/syria/11846382/Russia-is-building-military-base-in-Syria.html.

(5) Os alauítas, unha rama do Islam xiíta, conforma unha comunidade minoritaria dentro da sociedade siria (entre 10-15%) Basicamente de orixe rural e historicamente marxinada da composición do poder en Damasco, os alauítas foron progresivamente gañando espazos a partir de 1959 dentro da conformación do Comité Militar do Partido Ba´ath gobernante en Siria. A partir da chegada ao poder de Hafez al Assad (1970), os alauítas emerxeron como a elite de poder en Damasco. Dende as demais comunidades confesionais existentes en Siria, principalmente dende os sunnitas e xiítas, acusan ao alauismo de “sectarismo” e incluso de “herexía”. Para maior información, consultar o texto de PIPES, Daniel, “The Alawi Capture of Power in Syria”, Middle East Studies, 1989, dispoñible en inglés en: http://www.danielpipes.org/191/the-alawi-capture-of-power-in-syria e español: http://es.danielpipes.org/13515/alauita-apoderamiento-poder-siria

(6) “NATO to Focus on Countering Russia’s Maritime Capabilites”, Sputnik International, 25 de setembro de 2015. Ver en: http://sputniknews.com/military/20150925/1027498892.html

(7) “NATO to Examine Full Spectrum Deterrence against Russia By 2016”, Sputnik International, 24 de setembro de 2016. Ver en: http://sputniknews.com/us/20150924/1027484168/nato-russia-deterrence-strategy.html

(8) En marzo pasado, Rusia asinou un acordo de cooperación co Reino hachemita de Xordania para a construción da primeira planta nuclear xordana, valorado en US$ 10.000 millóns. O achegamento ruso a Xordania é significativo, e revela os cambios que están a acontecer no tradicional status quo en Oriente Próximo. Aliado tradicional de Washington, Xordania é, xunto con Exipto (1979), o único Estado árabe que recoñece oficialmente ao Estado israelí (1993). No marco xeopolítico de Oriente Próximo, Turquía, que non é un Estado árabe aínda que si de maioría musulmá, foi o primeiro Estado en recoñecer a Israel (1949) Pola súa banda, a Autoridade Nacional Palestina, aínda sen recoñecemento oficial estatal, recoñeceu a Israel simultaneamente ao recoñecemento xordano, tralos Acordos de Paz de Oslo (1993) Polo tanto, a actual configuración de contactos estratéxicos, especialmente no plano nuclear, por parte de Rusia cara países tradicionalmente colocados na esfera de influencia estadounidense, como son os casos de Xordania, Exipto, Israel e Arabia Saudita, supón unha alteración histórica do status quo e do equilibrio estratéxico rexional, un aspecto que reforzar as perspectivas xeopolíticas rusas dende o Cáucaso ata Oriente Próximo, o Golfo Pérsico e incluso Asia Central, tomando en conta as tradicionais alianzas militares, económicas e nucleares de Moscova con Irán, Siria e agora Turquía.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais