Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
PRAZA.GAL 18 de Agosto de 2020 Ríos

A recidiva chinesa

No seu discurso do pasado 23 de xullo na Biblioteca Nixon, o ex director da CIA Mike Pompeo, actual secretario de Estado, reiterou a súa decepción pola evolución do Partido Comunista da China, condenando expresamente o seu apego ao marxismo-leninismo, unha ideoloxía “en bancarrota”, dixo, pero da que o propio Xi Jinping, presidente do país, sería un fervoroso crente.

Unha idea recorrente dos EUA para xustificaren a súa animosidade actual contra a China é que defraudou as expectativas de se converter co paso do tempo nun réxime liberal, obxectivo que explicaría o compromiso dos EUA co seu desenvolvemento dende os tempos de Nixon. Sen entrar agora noutras conxecturas, como o interese de Washington naquela altura por extremar o diferendo sino-soviético, en realidade, o veloz desenvolvemento da China débese, sobre todo, ao esforzo do propio país e á conformación dun modelo híbrido moi singular. Incluso se falamos do investimento exterior, o gran protagonismo a destacar, especialmente nos primeiros e decisivos anos, é o das comunidades chinesas polo mundo adiante e non tanto das multinacionais occidentais. Ademais, o argumento é efémero, non deixa de ser un subterfuxio para ocultar o principal: a razón da belixerancia non é outra que o medo ao sorpasso mesmo en áreas nas que o hexemón se percibía intocable como as novas tecnoloxías. E aborrece, a maiores, que non acepte o maxisterio dos EUA e porfíe na súa soberanía.

Certo é que o PCCh, que en 2021 debe celebrar o seu centenario, non descreu do marxismo. O propio Xi, con motivo do bicentenario do nacemento de Marx en 2018, sinalábao como o maior pensador dos tempos modernos. Cando tralo maoísmo deuse inicio á política de reforma e apertura, coincidindo coa normalización cos EUA, Deng Xiaoping facía fincapé nos catro principios fundamentais –entre eles a perseveranza ideolóxica- e o seu socialismo con peculiaridades chinesas deixaba claro que o PCCh, distanciándose do maoísmo, favorecería, por exemplo, a emerxencia de empresarios privados pero impediría a súa conformación como unha clase social hostil. Un exercicio de cinismo pensarían en Washington ao ver que o mercado anegaba pouco a pouco a anteriormente planificada economía chinesa: aquelo que se dicía de poñer o intermitente para a esquerda e virar cara a dereita… Pero os comunistas chineses tiñan ao seu favor non soamente a súa vocación programática senón toda a experiencia histórica, por actualizar, dun mandarinato que foi quen de prolongar o sistema imperial ata o século XX. O PCCh nunca renegou da súa simboloxía e identidade organizativa, mesmo despois da disolución da URSS, un aspecto que para moitos chocaba con esa outra evolución que parecía ir no sentido contrario. En fin, toda unha morea de contradicións para nós e a unidade dos contrarios para eles…

Agora Pompeo sorpréndese e di recoñecerse inxenuo, presentándose como vítima dun engano. Pero nunca houbo tal. Aínda que isto poida valerlle para resucitar esa guerra fría que representa a derradeira esperanza para preservar unha orde internacional hexemónica, mesmo ao prezo de dividir novamente a un mundo que ten por diante desafíos de enorme magnitude que esixirían a máxima cooperación intergobernamental, soamente dende a ignorancia –ou a cega adhesión- pode prestárselle creto.

Certo que este PCCh de Xi é “máis marxista” que o de algún líder anterior, pero tamén, quizais sorprendentemente, é máis confuciano e máis lexista, e máis maoísta, quizais menos denguista. Ese eclecticismo ideolóxico, en constante ebulición, resulta difícil de entender para aqueles que se empeñan en ver o mundo en branco e negro, que é o que promove Pompeo. Por fortuna, todo é máis complexo.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais