A reválida de Erdogan

A pesar de non obter a maioría absoluta na repetición dos comicios parlamentarios celebrados o pasado 1º de novembro, a nova e contundente vitoria electoral do presidente turco Recep Tayyip Erdogan e do seu partido islamita da Xustiza e do Benestar (AKP) certifica a consolidación dunha hexemonía política e electoral que, ironicamente, aséntase nun país cada vez mais fortemente polarizado, particularmente por aqueles labirínticos camiños trazados pola contrariedade entre sectores laicos e relixiosos, que premen pola súa primacía nun país estratexicamente localizado no corredor euroasiático. 

Apartados xeográficos Europa
Idiomas Galego

A pesar de non obter a maioría absoluta na repetición dos comicios parlamentarios celebrados o pasado 1º de novembro, a nova e contundente vitoria electoral do presidente turco Recep Tayyip Erdogan e do seu partido islamita da Xustiza e do Benestar (AKP) certifica a consolidación dunha hexemonía política e electoral que, ironicamente, aséntase nun país cada vez mais fortemente polarizado, particularmente por aqueles labirínticos camiños trazados pola contrariedade entre sectores laicos e relixiosos, que premen pola súa primacía nun país estratexicamente localizado no corredor euroasiático. 

Tras tres meses de crise políticas derivadas da indefinición de pactos postelectorais tralos comicios lexislativos celebrados en agosto pasado, Erdogan veuse na obriga de trazar novas estratexias, moitas delas impensables ata fai pouco pero igualmente implicadas en perigosos riscos políticos. En agosto pasado, Erdogan rompeu unilateralmente as negociacións de paz e o alto ao fogo no Curdistán turco, revitalizando un conflito que ata fai pouco semellaba transitar pola necesaria reconciliación.

A inicial táctica de Erdogan tiña un obxectivo chave: conter o inesperado avance electoral dun novo actor político, o procurdo Partido Democrático dos Pobos (HDP polas súas siglas en turco), que ameazaba con erosionar un importante sector centrista e de clases medias beneficiado polo boom económico turco da derradeira década. Un sector ata agora proclive a votar polo AKP. Un reforzamento electoral do HDP significaría, igualmente, unha eventual contrariedade para as estratexias políticas das milicias curdas, en particular o PKK e o PYD asentado no norte de Siria fronteirizo con Turquía.

A inestabilidade como arma electoral

Apelando ao “voto do medo”, a revitalización do conflito curdo, paralelo á aceptación de Erdogan de soster a ofensiva occidental vía OTAN contra o Estado Islámico (ISIS) en Siria, intensificou a preponderancia do factor da seguridade nacional, un aspecto que permitiu a Erdogan modificar subitamente as súas estratexias. Neste sentido, Erdogan achegouse inesperadamente ao seu tradicional rival e inimigo político, o poderoso estamento militar turco, e particularmente o seu brazo político, o kemalista Partido Republicano do Pobo (CHP), principal partido de oposición na Asemblea Nacional turca. Con todo, e a pesar das constantes negociacións políticas postelectorais, Erdogan non logrou acadar un achegamento entre o AKP e o CHP, claramente motivado polas circunstancias.

O resultado deste fracaso político de negociación foi unha nova convocatoria electoral, a repetición das eleccións lexislativas realizadas o pasado 1º de novembro, oficialmente definida como a medida para resolver a crise política postelectoral. No medio, Turquía viviu dous dos seus peores atentados terroristas da súa historia, curiosamente ambos cometidos contra obxectivos curdos, como foron os acaecidos na localidade de Suruc en agosto pasado e en Istambul fai dúas semanas, e que superaron o centenar de mortos.

Así, coa revitalización do conflito curdo, a ofensiva contra o ISIS en Siria (na que Turquía facía causa común con EUA, Europa e OTAN) e a sensación de inestabilidade postelectoral nun país estratexicamente chave, Erdogan aseguraba gañarse tacitamente o apoio ou, cando menos, a neutralización de diversos sectores chave (estamento militar turco, sectores laicos, AKP, OTAN), con claras pretensións de manter a súa hexemonía política a través dunha nova convocatoria electoral.

Nun contexto de inestabilidade política postelectoral e de ameazas á seguridade nacional, a convocatoria de novas eleccións parlamentarias constituía para Erdogan a única saída na pretensión por asegurar a hexemonía política do AKP, a través dunha eventual maioría parlamentaria que hipoteticamente permitira avanzar na reforma constitucional, peza central da súa estratexia para revestirse de maiores poderes presidencialistas, definindo así unha deriva autoritaria que polariza fortemente á sociedade turca.

Nesta irónica conxuntura post e pre-electoral tramitouse un factor inesperado, cuxos efectos colaterais para os intereses estratéxicos de Erdogan influíron decisivamente nesa conxuntura política, así como no reforzamento doutros imperativos estratéxicos chave para os intereses occidentais. Ese factor foi a crise dos refuxiados sirios na Unión Europea, intensificada desde agosto pasado, tomando en conta que Turquía constitúe o principal país receptor destes refuxiados, así como a súa principal ruta de tránsito cara Europa.

A visita a Ankara da chanceler alemá Ángela Merkel a mediados de outubro permitiu acelerar diversas expectativas estratéxicas, medidas por Erdogan en chave electoral. A primeira, a revitalización de Turquía como necesario aliado estratéxico occidental e “xendarme necesario” nun contexto de inestabilidade no espazo euroasiático, coa crise siria no transfondo.

A cambio de axudas económicas e a revitalización das paralizadas negociacións de admisión turca á Unión Europea (que poden levar á ampliación cara Turquía do Acordo Schengen de eliminación de visados a partir de xaneiro de 2016), e actuando como voceiro dos imperativos atlantistas vía OTAN, Merkel “lexitimou” a necesidade de contar con Erdogan como aliado estratéxico occidental, un claro colofón preelectoral que moi probablemente persuadiu a un determinado sector da sociedade turca a votar ao AKP na repetición das eleccións parlamentarias.

Beneficiado pola visita de Merkel e o apoio europeo, Erdogan alcanzaba colateralmente e por outras vías o que non logrou durante as negociacións entre o AKP e o CHP: revitalizar o factor estratéxico da seguridade turca, un aspecto que lle permitía lexitimarse ante o denominado “Estado profundo”, en particular o estamento militar e os sectores laicos opositores, neutralizándoos ao mesmo tempo de cara ás eleccións parlamentarias.

A Turquía “post-kemalista”

A pesares de non alcanzar a maioría absoluta, o resultado foi visiblemente favorable para Erdogan. Mentres o AKP rexistraba outra contundente vitoria electoral (49,5%, 315 dos 550 deputados da Asemblea), rozando a maioría absoluta parlamentaria, os seus principais rivais políticos observaron un claro freo electoral e político. O CHP alcanzou practicamente a mesma votación que en agosto pasado (25%), toda vez o procurdo HDP baixaba do 13% ao 10%. A extrema dereita do MHP igualmente rexistrou unha notable caída electoral (12%). Finalmente, os sectores financeiros “celebraron” inmediatamente a vitoria electoral de Erdogan e do AKP, decatándose por unha hexemonía política en aras de procrear unha urxente estabilidade cada vez mais ameazada pola persistente polarización.

Se ben ao AKP lle faltan trece votos parlamentarios para acadar unha maioría absoluta parlamentaria que lle permita a Erdogan iniciar o proceso de reforma constitucional, esta nova vitoria lexitima as súas pretensións presidencialistas, sen menoscabar certos visos de autoritarismo, tomando en conta as críticas sobre a súa presunta deriva autoritaria en materia de liberdade de expresión, sen menoscabar diversas acusacións de presunta corrupción, nepotismo e abuso de poder.

Así, diversos sectores critican a Erdogan de presuntamente tentar crear un novo sistema político “post-kemalista”, unha especie de “sultanato” amparado nunha tácita bicefalia de poder establecida co seu primeiro ministro Ahmet Davutoğlu, antano presidente e ministro de Exteriores. Neste sentido, os medios mais críticos atribúen un constante paralelismo entre Erdogan e Davutoğlu co sistema de poder instaurado desde 2000 en Rusia por Vladimir Putin e Dmitri Medveded.

Con todo acadou unha hexemonía política e electoral que potencialmente recrearía inevitables perspectivas autoritarias, o AKP de Erdogan afronta diversos desafíos que moi seguramente definirán os trazos da Turquía “post-kemalista”. Aquí inclúense a persistente polarización entre sectores laicos e relixiosos, a revitalización dun conflito curdo con cada vez maior dimensión rexional e os efectos colaterais da guerra en Siria. Nesta balanza deben sopesarse os tradicionais imperativos estratéxicos (OTAN, Unión Europea) coas alternativas e perspectivas derivadas da apertura doutros horizontes (BRICS, Rusia, China), que contrarían constantemente o péndulo turco.