A ruleta rusa

Os mortais atentados terroristas no metro moscovita e na rexión caucásica de Daguestán confirman porqué o Kremlin dificilmente logrará solucionar, nin tampouco escapar, do espiñento labirinto do Cáucaso Norte.

Apartados xeográficos Rusia
Idiomas Galego

Os mortais atentados terroristas no metro moscovita e na rexión caucásica de Daguestán confirman porqué o Kremlin dificilmente logrará solucionar, nin tampouco escapar, do espiñento labirinto do Cáucaso Norte. A incógnita que se abre agora se enfoca en coñecer ata qué punto estes atentados anuncian unha espiral terrorista na rexión, e cales son as implicacións dos actores involucrados.

O primeiro ministro Vladimir Putin acusou inmediatamente aos grupos islamitas chechenos como os responsables dos mesmos, incluso aducindo dunha pouco clara implicación de Al Qaeda. Tomando en conta a recente experiencia de atentados en Rusia, a utilización das famosas “viúvas negras” como móbiles terroristas, tal e como aconteceu no metro de Moscova, identificaría claramente ese selo checheno, tan particular como a súa capacidade para atentar no mesmo corazón do poder ruso.

Contrario ao discurso oficial, estes atentados cuestionan aínda máis a  eficacia da política de seguridade rusa e de control dos separatismos caucásicos. Pero existen igualmente outros factores que explican o retorno do terrorismo caucásico contra Rusia.

Nun contexto en que Washington e Moscova reconsideran os seus intereses xeopolíticos, redución de arsenal nuclear incluído, a reaparición do terrorismo en Moscova e no Cáucaso aduce dunha iniciativa por recolocar o problema checheno dentro da atención internacional. Deste modo, e a fin de recuperar esa atención exterior, a eficacia destes atentados tentarían igualmente demostrar que os resortes de poder ruso no Cáucaso Norte non están tan solidificados como parece.

Con todo, o contexto actual anunciaría unha fase de violencia anárquica no Cáucaso Norte, persuadido ante a brutal represión rusa en Chechenia, a consolidación e impunidade outorgada polo Kremlin ao tiránico réxime de Ramzan Kadírov en Grozni, e a liquidación física dos principais líderes separatistas chechenos. Esta anarquización se incrementa ante o complexo mosaico de grupos e movementos caucásicos aparentemente desconectados entre si, pero cuxo único obxectivo común estaría enfocado en acabar co poderío ruso na rexión.

O Kremlin deberá así confrontar a eventual aparición dunha nova xeración de líderes separatistas en Chechenia e no Cáucaso Norte, cun perfil militante moito máis radical. Ao mesmo tempo, Moscova teme da eventual implicación islamita en repúblicas como Chechenia, Daguestán, Ingushetia, Kabardino Balkaria e Osetia do Norte, a través de diversos grupos asociados ou non a Al Qaeda, e que hipoteticamente involucraría a actores foráneos dentro dunha “yihad” global.

A pesar do seu férreo control en Chechenia, o labirinto caucásico explica porqué o Kremlin vese atrapado nas dificultades de garantir a estabilidade e a súa lexitimidade política, fragmentada ante a polvoreira étnica, lingüística e relixiosa, as rivalidades de clans, as presións separatistas territoriais, os escasos consensos políticos e unha herdanza de represión e autoritarismo. Toda unha ruleta fatal, alimentada pola interminable espiral de violencia.