Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 1 de Setembro de 2016 VV.AA.

A ruta latinoamericana de Teherán

Unha análise de Mara Ríos, estudante de Dereito en prácticas no IGADI (UAM)
Fonte: HispanTv

O pasado 21 de agosto o ministro de Asuntos Exteriores de Irán, Mohamad Yavad Zarif, deu comezo a unha xira por América Latina visitando Cuba, Nicaragua, Ecuador, Chile e Bolivia. Trátase da visita de maior calado dende a finalización, a comezos de 2016, das sancións occidentais vixentes durante unha década contra Irán. Pero, qué significa realmente esta xira latinoamericana de Zarif?

A traxectoria das relacións políticas e económicas de Irán con América Latina non foi sempre doada. A influencia de EUA e outros factores determinaron notablemente os distintos conflitos que minaron, nalgúns casos, os acordos bilaterais anteriormente establecidos. Con anterioridade, o ex presidente iraniano Mahmud Ahmadineyad volcouse firmemente co continente americano, en especial nunha relación estratéxica con Venezuela durante os seus dous mandatos, entre 2006 e 2013.

Agora, nesta nova etapa comezada coa elección do actual presidente Hassan Rohani en 2013, o afianzamento e consolidación destes vínculos constitúen aspectos prioritarios na política exterior de Teherán.

As razóns da xira latinoamericana

Zarif estivo acompañado durante esta semana por unha numerosa delegación de empresarios, expertos comerciais e altos representantes iranianos na busca de afianzar e ampliar os lazos cos países latinoamericanos. Permanecendo un día escaso na capital de cada país visitado, o ministro reuniuse con persoeiros dos distintos gobernos para establecer novos vínculos comerciais entre o país persa e os seus aliados latinoamericanos.

A pesar das diferenzas ideolóxicas, Irán conta con boas relación diplomáticas con estes países, por non dicir excelentes, excepto no caso de Chile, con quen a pesar de manter acordos diplomáticos de relevancia, conta con intercambios comerciais bastante limitados por mor do apoio chileno ás sancións internacionais. Por tanto, o carácter principal da visita foi, netamente comercial.

Tralas sancións internacionais a Teherán por mor do seu programa nuclear, agora é o mellor momento para aproveitar o cambio das tornas e establecer lazos que axuden a Irán a establecerse no ámbito internacional como inversor seguro ademais de socio de confianza. Como declarou un representante da comisión iraniana, “a idea é que se poñan en contacto empresas públicas e privadas iranianas con posibles inversores ou con receptores de inversións”. Téntase, por tanto, abarcar distintos campos, dende servizos técnicos, enxeñerías, minería, petroquímica, medicina e equipamento médico, industrias da alimentación, loxística e navegación, agricultura e, por suposto, petróleo.

O cru é unha das principais fontes de ingreso do goberno iraniano, mais debido ás sancións impostas por EUA e pola Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA) desde 2006 por mor do programa nuclear do país, o comercio enerxético de Teherán viuse afectado en grande parte. Mais a situación non é de todo sinxela. O vicechanceler iraniano para Asuntos de América e Europa, Mayid Tajt Ravanchi, denunciou un boicot internacional contra o país persa. Alega que numerosos medios de comunicación tentan desfigurar a imaxe de Teherán e desacreditar o país co fin de afastar a posibles socios.

Coa presunta intención de prexudicar as relacións exteriores iranianas e frear así o seu desenvolvemento comercial, Tajt Ravanchi denunciou directamente a Israel, a quen acusa de estar detrás desta campaña mediática considerada como “enganosa” coa colaboración doutros países de Oriente Medio. Na súa opinión, esta situación débese ao receo de certos países membros do denominado Grupo 5+1, conformado polos cinco membros do Consello de Seguridade da ONU (EUA, Rusia, China, Gran Bretaña, Francia) mais Alemaña, ante o acordo nuclear alcanzado con Teherán en 2015.

En calquera caso, estas interferencias exteriores non conseguen illar Irán completamente. O país persa non só constitúe un amplo mercado alternativo, senón que representa unha porta de acceso a Oriente para estes países. As boas relacións con Teherán e a proliferación de intercambios comerciais acrecentan a confianza mutua entre as repúblicas de ambos lados do Atlántico.

A realidade xeopolítica de Teherán en América

Nos últimos 150 anos, as relacións de Irán con Occidente foron mais ben turbulentas, tentando establecer cal é o límite duns e cal é o límite doutros. O século XX estivo caracterizado por un forte proceso de occidentalización no país persa mais, dende a Revolución Islámica de 1979, Teherán xirou cara o seu entorno musulmán, facendo en Occidente máis inimigos que amigos.

As últimas dúas décadas estiveron marcadas por un achegamento do goberno iraniano cara os países de América Latina, en especial con aqueles abertamente enfrontados ou críticos coas políticas hexemónicas de Washington, particularmente Venezuela, Cuba, Arxentina, Ecuador e Bolivia. O inimigo común fixo de canle para establecer novos vínculos e acordos entre os países, mais o cambio de ciclo electoral e político que está a experimentar América do Sur pon en perigo o logrado ata o momento.

A pesares de que o que realmente lle interesa a Irán é o establecemento de América Latina como un grupo de países independentes que actúan por vontade propia e segundo os seus intereses, ten ao mesmo tempo que calcular que os países latinoamericanos seguen estando aínda baixo a esfera de influencia e dos intereses de EUA a medio e longo prazo. E no contexto actual, este vínculo estase a facer cada vez máis forte.

Neste sentido, os cambios electorais e políticos nalgúns países latinoamericanos, como foi no caso de Arxentina, está repercutindo nunha renovación da súa anterior aproximación aos intereses de Washington. A normalización das relacións bilaterais entre EUA e Cuba, a recente destitución vía Senado da presidenta Dilma Roussef en Brasil e a crise do goberno de Nicolás Maduro en Venezuela, supoñen importantes riscos e alteracións para os vínculos con Irán por mor do seu enfrontamento co país norteamericano.

Así pois, para non perder o terreo gañado nos últimos anos, Irán adopta un novo rol no ámbito internacional: manter a EUA cordialmente a distancia, particularmente tralo asinamento en xullo de 2015 do acordo nuclear por parte do G5+1 e a UE con Teherán (denominado Joint Comprehensive Plan Of Action, JCPOA) e o consecuente levantamento das sancións internacionais contra Irán, respectando e adaptándose á emerxencia de novos gobernos latinoamericanos menos afíns. Teherán non pode permitirse perder aos novos amigos se o seu obxectivo segue a ser medrar económica e comercialmente no ámbito internacional. Mais, a interrogante é: canto tempo poderá manter esta ecuación?

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais