Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza 29 de Outubro de 2015 Ríos

A vía do perdón

Tony Blair, o adaíl daquela malfadada vía de terceira que derivou nunha mera apoloxía do descafeinamento absoluto do laborismo, pediu perdón por “dar creto a informacións falsas procedentes da intelixencia” británica que levárono a participar na invasión de Iraq. Hai quen sinala nesta actitude certa vontade de autocrítica e arrepentimento, pero probablemente a súa declaración ten mais de oportunismo anticipatorio ante o próximo ditame da Comisión Chilcot, que non será unha cousa do outro mundo á vista da súa traxectoria nestes anos pero que non poderá dar as costas, con todo o que sabemos, á opinión pública e aos familiares dos militares mortos na contenda.

Alén da súa defensa sen reparos da “virtuosidade” do cambio de réxime en Iraq, cabe recordar, como sinalou Ramón Lugrís hai tempo, que Blair sentiuse daquela imbuído dunha misión pouco menos que mesiánica –como tamén Bush e Aznar- desprezando os enormes riscos e custes en vidas humanas daquela aventura. O  militarista Blair –as hemerotecas non menten- fracturou mesmo o seu gabinete (lémbrense as dimisións da ministra Clare Short e de Robin Cook) e enganou canto puido e considerou necesario para vencer as resistencias internas e da opinión pública, secundando –hai quen opina que incluso animando- a Bush para non deixar títere con cabeza en Iraq. A decencia de Short e Cook, que non acreditaron na existencia de armas de destrución masiva, serviu e denuncia da conculcación deliberada da legalidade internacional. Mentres, Blair soñaba aínda con máis accións militares contra Irán.

Había poderosas razóns de orde estratéxica e económica que obrigaban a tirar para diante, inventándose eixes do mal e mil pretextos mais, cantos foran necesarios, para “protexer a democracia” dos “réximes ditatorias e terroristas”….

Blair pode escorrer o vulto con esta estudada e medida entrevista concedida á CNN culpando aos servizos de intelixencia. A súa única utilidade devén da advertencia a futuro que supón para os partidarios deste tipo de accións. A maior frustración, a súa impunidade. Verémolo aínda nalgunha misión de mediador como a que levou adiante en Oriente Medio durante catro anos sen éxito ningún e con mais retrocesos que avances. O seu non é mediar.

Despois de Iraq veu Libia e pouco faltou para Siria. Os resultados falan por si sós. Non só estados en quebra senón unha volta de rosca mais na descomposición ética e política da hexemonía occidental. Que mecanismos institucionais, locais e globais, deberan establecerse para impedir que cousa tan burda suceda novamente? Basta con pedir perdón e aí xa acaba todo?  

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais