A Xunta centra (aínda máis) a acción exterior na economía

Que a Xunta hai tempo que deixou de lado as vertentes política, social e cultural da acción exterior galega para centrarse case exclusivamente na económica era algo sabido. Pero no último mes esa tendencia non só vén de ser avalada implicitamente pola oposición senón que o Goberno galego mesmo pretende plasmala por escrito corrixindo os documentos que guían a súa estratexia de acción exterior para enfocalos aínda máis á internacionalización económica.

Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Idiomas Galego

Que a Xunta hai tempo que deixou de lado as vertentes política, social e cultural da acción exterior galega para centrarse case exclusivamente na económica era algo sabido. Pero no último mes esa tendencia non só vén de ser avalada implicitamente pola oposición senón que o Goberno galego mesmo pretende plasmala por escrito corrixindo os documentos que guían a súa estratexia de acción exterior para enfocalos aínda máis á internacionalización económica.

No debate sobre o estado da autonomía celebrado hai un mes, os cinco grupos políticos con presenza no Parlamento de Galicia presentaron un total de 200 propostas de impulso político xeral. Aprobáronse só 56: as 40 do PP grazas á súa maioría absoluta e outras 16 da oposición, case todas logo de seren corrixidas polos populares. De todas elas, tan só unha fala abertamente de acción exterior. Da económica, claro. É a impulsada polo PP para que a Xunta desenvolva a súa Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020 co obxectivo de “facer dos mercados exteriores un motor de crecemento”. Recibiu o apoio do PSdeG, o voto en contra de AGE e a abstención do BNG e do Grupo Mixto. Entre as outras 55 propostas aprobadas hai unha apoiada en solitario polo PP que fala da diáspora, pero non en clave de acción exterior senón sinxelamente para potenciar a participación de mulleres e mozos “na vida asociativa das entidades e comunidades galegas asentadas fóra de Galicia” para garantir a súa continuidade.

O partido que sustenta o Goberno non apostou pola acción exterior, pero pouco máis fixo a oposición. Entre as súas 144 propostas rexeitadas polo PP pódense contar cos dedos dunha man as que teñen algunha compoñente internacional, pero ningunha delas apelou á acción exterior como políticas transversais. O PSdeG pediu sen éxito a supresión do voto rogado e a implantación do sufraxio en urna para a diáspora. O Grupo Mixto quixo criticar a pasividade da comunidade internacional ante a epidemia de ébola. AGE reclamou unha lei de fomento da Cultura da Paz e o rexeitamento dos acordos de libre comercio entre a Unión Europea e os Estados Unidos. O BNG insistiu co “dereito a decidir” de Galicia “en pé de igualdade con outras nacións da Península, da Europa e do mundo”. E AGE e BNG coincidiron en reclamar ás institucións europeas unha maior sensibilidade para coa pesca galega. Iso foi todo, e todo foi rexeitado polo PP, que tampouco incluíu nas súas propostas sectoriais sobre pesca, medio rural ou infraestruturas ningunha reclamación expresa á Unión Europea. A internacionalización económica foi a única aposta nestes tempos en que a crise económica é o principal argumento de autoridade.

Con ese antecedente inmediato, o pasado venres a Xunta convocou unha reunión do Consello de Acción Exterior (CAEX), supostamente o máximo órgano de asesoramento na materia, que non logra reunir o seu plenario nin unha vez ao ano desde a súa creación en 2009. O encontro non o presidiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, senón o vicepresidente, Alfonso Rueda, e a presenza dun único conselleiro, o de Economía e Industria, Francisco Conde, permitía facerse unha idea das prioridades do Goberno galego. E así foi. O gran anuncio que saíu do encontro é que a Xunta reformulará a súa axenda de acción exterior para potenciar aínda máis esa estratexia de internacionalización económica que aínda está en fase de elaboración. Xunto con esa prioridade, a outra novidade é que a suposta estratexia galega de acción exterior será corrixida para adaptala ás novas restricións e controis que a lexislación estatal fixa sobre as competencias autonómicas na materia. Isto é, máis economía e menos política. A oposición nada dixo.