A “yihad” do EIIL

A sensación de disolución estatal de feito entre Iraq e Siria, certificada pola “ofensiva total” contra as autoridades de Bagdad lanzada estes días por parte do Exército Islámico de Iraq e do Levante (EIIL), e que levaron ao seu eventual control das estratéxicas localidades iraquís de Mosul, Kirkuk y Takrit, certifica basicamente o fracaso da posguerra iraquí e as incertezas emanadas da proliferación dun espazo de inestabilidade en pleno corazón de Oriente Medio, polarizando e alterando os intereses de diversos actores, tanto rexionais como externos.

Apartados xeográficos Oriente Medio
Palabras chave Siria Oriente Medio Iraq Yihad
Idiomas Galego

A sensación de disolución estatal de feito entre Iraq e Siria, certificada pola “ofensiva total” contra as autoridades de Bagdad lanzada estes días por parte do Exército Islámico de Iraq e do Levante (EIIL), e que levaron ao seu eventual control das estratéxicas localidades iraquís de Mosul, Kirkuk y Takrit, certifica basicamente o fracaso da posguerra iraquí e as incertezas emanadas da proliferación dun espazo de inestabilidade en pleno corazón de Oriente Medio, polarizando e alterando os intereses de diversos actores, tanto rexionais como externos.

O desafío lanzado polo EIIL(1) desde finais de 2013, principalmente determinado polos combates na localidade iraquí de Faluya, ilustra as complexidades dun escenario rexional sumamente atomizado, en particular polo fracaso de estabilización por parte de Washington e pola escasa capacidade de control estatal por parte das autoridades de Bagdad, un aspecto que igualmente revela o descontento e malestar social contra o goberno do primeiro ministro Nourri al Maliki. O ano pasado, e segundo informacións da ONG “Iraq Body Count”, morreron no país árabe máis de 9.000 civís produto da violencia sectaria.

Paralelamente, a proliferación de milicias “yihadistas” do EIIL entre Siria e Iraq abarca un radio de intensidade que moi probablemente afectará o delicado contexto rexional, en particular de cara Curdistán iraquí así como Turquía, Líbano e incluso o norte de Irán.    

A certificación do reforzamento do réxime sirio, “lexitimado” polas recentes eleccións presidenciais e, particularmente, pola recuperación do control das cidades anteriormente en mans dos rebeldes, supón un factor que aparentemente puido persuadir á intensificación da ofensiva por parte do EIIL, principalmente nas rexións orientais sirias en fronteira con Iraq, un aspecto que igualmente certifica o poder dos “yihadistas” dentro da fracasada plataforma rebelde siria.

Este escenario implica paralelamente un notorio revés xeopolítico para os intereses de Arabia Saudita, Emiratos Árabes Unidos, Catar e Turquía e, indirectamente, de EUA e Israel, principais focos de apoio duns rebeldes sirios atomizados pola eventual vitoria de feito por parte do réxime de Bashar al Asad. Mentres o réxime sirio tenta fortalecer a súa lexitimidade a través dunha lei de amnistía que permita polarizar aínda máis á plataforma rebelde, a posibilidade de potenciación dunha especie de “bantustán” entre Siria e Iraq controlado polas milicias do EIIL, con particular incidencia dentro das comunidades sunnitas existentes na rexión, supón un escenario efectivo que alteraría o delicado equilibrio estratéxico rexional.

O eventual control do EIIL das localidades de Mosul e Kirkuk afectará sensiblemente o Curdistán iraquí, tomando en conta a proximidade xeográfica coa súa capital política Irbil, da presenza de relevantes recursos petrolíferos e hidráulicos así como dun florecente centro económico e financeiro rexional, como é o caso de Mosul.

A ofensiva do EIIL acontece paralelamente ao recente achegamento entre Turquía e Irán, o cal complementa a igualmente recente aproximación de Ankara cara Rusia en plena crise ucraína, aspectos ambos que revelarían cambios intempestivos no equilibrio estratéxico rexional que complicarían os intereses estadounidenses, sauditas e israelís.

A pesar do notorio distanciamento rexional por parte da administración Obama, a perspectiva dun caos estratéxico en Oriente Medio persuadirá a Washington a afianzar aínda máis os seus intereses xeopolíticos, particularmente reforzados trala recente parodia electoral en Exipto, en particular trala consolidación dun réxime de pretorianismo militar en mans do xeneral golpista Fatah al Sissi, un aspecto que non pode ser desatendido particularmente pola súa eventual incidencia rexional, principalmente na veciña Libia.

No centro de gravidade desta perspectiva estarán igualmente enfocados os intereses de Israel, Arabia Saudita e Catar, cada vez máis próximos e fluídos nos derradeiros anos a carón dos acontecementos rexionais, en particular en Siria e Exipto. Por tanto, a “yihad” activada polo EIIL obriga a observar con atención os resortes xeopolíticos que se moven actualmente nun Oriente Medio atomizado pola inestabilidade e a confusión.

 



(1) Creado en 2013 trala fusión do Exército Islámico de Iraq e a Fronte Al Nusra, o EIIL é comunmente considerado como o brazo armado de Al Qaeda na rexión. Non obstante, existen diverxencias sobre a eventual conexión entre o EIIL e Al Qaeda, alén de profesar a mesma ideoloxía “yihadista salafista” e a pretensión de crear un Califato entre Siria e Iraq, un aspecto que revelaría a autonomía de actuación do EIIL. Desde comezos de 2014, en momentos da súa ofensiva na localidade iraquí de Faluya, materializouse a división da Fronte Al Nusra e o EIIL, enfrontados nunha guerra interna que revelaría axendas antagónicas de actuación. Estímase en aproximadamente 13.000 efectivos no EIIL, principalmente provenientes das comunidades sunnitas de Siria e Iraq así como de combatentes libios, mentres o seu financiamento provería de doazóns emanadas dende o Golfo Pérsico, aspecto que igualmente revelaría o temor das “petromonarquías” polo eventual fortalecemento do EIIL en Oriente Medio. Moitos dos seus combatentes teñen experiencia nas guerras de Chechenia e Afganistán.