Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 17 de Novembro de 2012 Lamoso González

Achegamento entre Portugal e Brasil: unha oportunidade para Galicia?

Ao longo da historia, as relacións entre Portugal e Brasil non teñen sido todo o fluídas que cabería esperar tendo en conta a súa proximidade cultural. Isto débese, en grande medida aínda que non só, aos estereotipos creados sobre os emigrantes portugueses en Brasil durante finais do século XIX e principios do século XX.

Mais recentemente, ambos territorios decidiron encamiñar a súa atención cara outros países de fala portuguesa como poden ser: Angola, Guinea Bissau, etcétera, na África subsahariana. En paralelo a esta tendencia, as relacións tanto económicas como culturais ou diplomáticas entre ambos países foron avanzando nos últimos anos. Brasil é consciente de que Portugal pode ser unha perfecta vía de entrada no mercado da Unión Europea, feito que está a impulsar o desenvolvemento de políticas encamiñadas a potenciar o seu achegamento. Neste senso, son de destacar os 7 acordos que, ata agora, Brasil leva asinado con Portugal, dos que destaca especialmente un referente á produción de biocombustibles. Este acordo é especialmente atractivo tanto para o mercado portugués como para o español (1), xa que ambos estados importan practicamente o 100% do seu consumo.

Así as cousas, en primeiro lugar, imos facer referencia ao desenvolvemento das relacións económicas e aos fluxos financeiros. Entre 2007 e 2011, o comercio bilateral entre Brasil e Portugal incrementouse nun 35%, chegando a supoñer 2,89 billóns de dólares estadounidenses. Durante este ano 2012, a tendencia segue a ser positiva xa que aínda que no primeiro semestre o fluxo comercial entre eles reduciuse ata 1,46 billóns de dólares, ao mesmo tempo, os investimentos de Portugal en Brasil superaron os 322 millóns de dólares, o que supón un incremento do 67% con respecto ao mesmo período do ano 2011(2). O seu actual achegamento reflíctese tamén no feito de que o propio Lula Da Silva destacase, nun comunicado oficial emitido conxuntamente co Primeiro Ministro de Portugal José Socrates en 2010, o interese de Brasil por investir en Portugal pero matizando que deberían esforzarse tanto por equilibrar a balanza comercial, claramente beneficiosa para Brasil, como por diversificar os ámbitos de colaboración. Sócrates mostrou entón a vontade portuguesa de apoiar a Brasil na súa pugna por conseguir un asento no Consello de Seguridade da ONU(3).

Pese ao mencionado desequilibrio no balance económico a favor de Brasil, historicamente teñen sido máis numerosas as empresas portuguesas implantadas no mercado brasileiro que ao contrario. Así, as principais áreas de investimento de Portugal en Brasil son, con datos de 2010, o turismo, tanto de lecer como de negocios, a enerxía e as telecomunicacións. No ámbito do turismo destacan as empresas(4) Villa Galé e Pestana; no sector enerxético a empresa dominante é Energias do Brasil subsidiaria da empresa EDP (Energías de Portugal) e, por último, a empresa que destaca no campo das telecomunicacións é Portugal Telecom(5).

Ademais, os gobernos de ambos países están a traballar nun achegamento dende un punto de vista social có ánimo de eliminar os negativos estereotipos que aínda existen principalmente en Brasil sobre Portugal, pois poden afectar negativamente ao desenvolvemento dos seus intercambios comerciais. É o momento, dise, de exhibir un Portugal novo, moderno e innovador, unha marca moi importante como consecuencia do contexto de crise económica que asola o país luso. Pola contra, Brasil está a vivir na actualidade unha etapa de prosperidade económica que o converte na perfecta opción para que Portugal diversifique os seus mercados de exportación(6).

Co ánimo de alcanzar este obxectivo, estase a levar a cabo unha iniciativa simultánea baseada na celebración do ano portugués en Brasil e brasileiro en Portugal que se desenvolverá dende setembro de 2012 ata xuño de 2013(7), e que está a fomentar a celebración de numerosos encontros tanto culturais como económicos ou relacionados con innovación en ciencia e tecnoloxía(8). Ademais, dende 2010 tamén se está a traballar noutros aspectos como son a potenciación da lingua portuguesa e a xestión da inmigración. Así as cousas, polo que respecta á lingua levaranse a cabo iniciativas que promovan o uso do portugués como lingua internacional así como a súa presenza nas novas tecnoloxías e na información. Polo que se refire á xestión da inmigración abriuse un mecanismo de consulta sobre nacionais no exterior, circulación de persoas e asuntos consulares que terá a súa primeira xuntanza en Brasil. Na súa axenda figura a situación legal e laboral da gran cantidade de brasileiros que residen en Portugal(9).

Como conclusión, cabe resaltar que a actual crise económica tamén se debe ler en clave de oportunidades, e este é un bo exemplo. A mellora das relacións entre os dous principais países do ámbito lusófono pódese entender tamén como unha ocasión para un territorio como o galego. O interese de Galicia en desenvolver unhas boas relacións económicas tanto co veciño Portugal como con Brasil é máximo. Proba diso son tanto as accións encamiñadas a afianzar as estruturas de colaboración entre Galicia e o norte de Portugal, fundamentalmente coa cidade de Porto, a súa capital económica, e o seu hinterland; como no que respecta a Brasil, tanto no desenvolvemento como no impulso de oportunidades de negocio relacionadas cos sectores estratéxicos para Galicia como son o naval, a construción ou o agroalimentario, todos eles complementarios ás areas de interese que está a desenvolver Portugal, polo que unha actuación conxunta podería ser beneficiosa para ambos. Proba engadida dese interese que ten Galicia por Brasil é o feito de que a primeira viaxe ao exterior do Presidente galego despois de ser re-elexido tivo tal destino.

Notas:
(1) Información recollida na revista dixital “Ateneadixital.es” o 20 de maio de 2010. http://bit.ly/XAUxA2
(2) Información recollida na páxina oficial do Ministerio de Asuntos Exteriores do Brasil. http://bit.ly/P4et9X
(3) Información recollida na revista dixital “Ateneadixital.es” o 20 de maio de 2010. http://bit.ly/XAUxA2
(4) Con datos do ano 2010.
(5) Governo do Rio de Janeiro. Missão empresarial Brasil-Portugal. 6º Encontro de Negócios. As relações econômicas luso-brasileiras: oportunidades e desafíos. 16 de setembro de 2011. Rio de Janeiro Brasil. http://bit.ly/UEomJX
(6) Información recollida no diario dixital “iOnline.pt” o 22 de setembro de 2012. http://bit.ly/UpIP9U
(7) Páxina oficial “Ano de Brasil en Portugal e Ano de Portugal en Brasil”. http://bit.ly/MYDAMt
(8) Información recollida na páxina oficial do Ministerio de Asuntos Exteriores do Brasil. http://bit.ly/P4et9X
(9) Información recollida na revista dixital “Ateneadixital.es” o 20 de maio de 2010. http://bit.ly/XAUxA2
 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais