Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
20 de Maio de 2020 Alvarado Roales

África e Covid-19, entre a vertixe e o abismo

Este artigo fai parte do IGADI Annual Report 2019-2020 "Da guerra comercial á Coivd19
IAR 2019-2020

O potencial impacto da propagación a grande escala da Covid-19 en África podería ter dramáticas consecuencias a máis dun nivel. Non existen medios consecuentes para un diagnóstico fidedigno da extensión do andazo, nin os réximes en liza se caracterizan precisamente pola súa transparencia informativa, pero no momento de redactar estas liñas todo apunta a que a situación epidemiolóxica mantense relativamente contida e moi lonxe do estado de cousas en Europa e os Estados Unidos. Porén, xa teñen saltado todas as alarmas, conscientes os poderes africanos do veraz risco de inestabilidade e da case inexistencia de vectores de resiliencia para facer fronte a unha profunda crise máis aló dos seus límites territoriais, con dimensións globais, e que se atopa na súa fase inicial. O coronavirus actuará como certo detonante e amplificador de factores de risco estruturais, ameazando con deixar en franca evidencia os límites e incapacidade dos diferentes estados africanos, os seus respectivos sistemas e elites, impotentes para protexer ás súas poboacións e ofrecer aos seus cidadáns un horizonte de salvación.

Face á urxencia de orde sanitaria, a pesares dos esforzos por desviar a atención sobre cuestións extemporáneas, colaterais ou arremetendo contra o rol de Occidente na xestión da pandemia, faise evidente a recorrente indixencia en termos de infraestruturas e recursos, tanto materiais como humanos. Xunto co único respirador co que conta Serra Leona, os 5 de Níxer ou os 20 de Camerún, as 15 unidades de coidados intensivos de países como Somalia e Burkina Faso, as 22 de Gabón, 50 da República Democrática do Congo, 80 de Senegal, 1.000 de África do Sur ou 3.000 de Marrocos, entóxanse insuficientes para un continente que contabiliza máis de 1.200 millóns de persoas.  Amais, xa desde o comezo da pandemia, as economías do continente víronse grandemente afectadas pola paralización da industria no mundo desenvolvido, que implicou unha diminución da demanda de materias primas, e pola caída do curso de hidrocarburos e minerais. O turismo freouse en seco polo peche fronteirizo e limitacións á circulación no planeta, ao que hai que engadir a conxelación das transferencias de remesas das diásporas, obrigadas a afrontar cadansúas crises nos países de residencia.

Escenarios de crecente inestabilidade

Nomeadamente en contextos urbanos poderían desatarse movementos de contestación que poderían propagarse rapidamente. Un prolongado confinamento vencellado a unha perda de emprego ou actividade, carencia de recursos e, en definitiva, depauperización da poboación podería verse agravado con carencias na provisión de alimentos, cortes de auga e electricidade, ou mesmo de Internet. Co confinamento, en ausencia dunha versión oficial crible, teses complotistas, montaxes e propósitos populistas teñen o terreo aboado. A multiplicación de falsas informacións ou sinxelamente adversas poderían xerar dinámicas de crecente inestabilidade. Episodios de pánico, tensión e desorde susceptibles de ser manipulados e orientados por actores non oficiais non son a excluír, o cal explica o especial celo que corpos e forzas de seguridade poñen no control de informacións e redes sociais, dispoñendo importantes dispositivos ad hoc para atallar calquera deturpación do discurso das autoridades, multiplicando os arrestos e impoñendo importantes sancións para quen contraveña a norma. As clases populares serían as máis proclives a ser instrumentalizadas por unhas clases medias que temen perder a súa posición e certo confort, e que serían as primeiras en revelarse plantando a semente de potenciais revoltas.

É plausible a deriva cara escenarios de crecente inestabilidade, que podería implicar cambios de calado con profundas implicacións políticas. A amplitude das mutacións dependerá da natureza de cada país, do impacto e duración da pandemia, número de decesos, afectación sobre a economía e o emprego, da habilidade ou incapacidade dos poderes públicos para dar respostas convincentes aos problemas, da pericia ou ineficacia de elites e actores políticos, da cristalización e extensión de movementos de contestación, da desaparición dunha autoridade carismática e un relevo á fronte do Estado, da irrupción e imposición de novas autoridades froito de renovados equilibrios de forzas... Pero para facer fronte á crise sanitaria e tratar de limitar o impacto económico e social a realidade é que África apenas conta con elementos endóxenos de resiliencia e depende da axuda internacional. Resta verificar se o resto do mundo atópase en disposición de contribuír consecuentemente nun momento en que absolutamente todos están concernidos pola pandemia. A auténtica salvación africana estriba en evitar unha propagación a grande escala ou que esta, de producirse, sexa limitada, susceptible de ser xestionada a partir de recursos locais dispoñibles.

Sahel e África central, eslavóns máis febles

No oeste e norte africanos existe particular inquietude polo mantemento no tempo do período de confinamento, que afectará á propia subsistencia e supervivencia de amplías capas da poboación cuxa subsistencia depende de actividades do sector informal, completamente paralizado, non prevéndose no groso de contextos axudas ou incentivos para millóns de damnificados. Marrocos é a excepción, pero a concesión de subvencións a familias dependentes da economía paralela non son exhaustivas nin suficientes e, sobre todo, limitacións orzamentarias e de recursos mediante, non son susceptibles de manterse no tempo. En Alxeria e Exipto, onde o exército aproveitou a crise para apuntalar o seu ascendente sobre o réxime e mesmo para sufocar a contestación dos últimos meses, nin tan sequera se prevé o confinamento xeralizado, limitándose este a determinadas zonas especialmente afectadas e nas grandes cidades, como O Cairo ou Alxer, aplicando un toque de queda, entre 19h e 7h, pero mantendo a case normal actividade durante a xornada. Aínda así, máis aló de importantes turbulencias, non é previsible un cambio de réxime ou a ruptura do contrato social primario entre elites políticas e pobo nestas rexións.

Mención especial para África do Sur, até o de agora o país máis afectado pola Covid-19 no continente africano onde, para tratar de frear a propagación, o presidente Cyril Ramaphosa decretou un confinamento masivo de difícil aplicación e que obrigou a un despregue excepcional de policía e exército, multiplicándose as escenas de desorde e confrontación, acentuando as profundas crises que atravesan á sociedade sudafricana. De confirmárense as peores previsións resultarían particularmente damnificados os países sahelianos, estados polo común fráxiles e moi febles, como Mauritania, Malí, Burkina Faso ou Níxer. Aquí existe a agravante do auxe de correntes xihadistas e criminais, que xa controlan bastas zonas de territorio, coas implicacións que tal estado de cousas ten para a seguridade rexional. O centro do continente tamén sería obxecto de fortes tensións derivadas dunha estrutural inestabilidade política e social, moeda común durante os últimos tempos, como en Camerún, Congo e Gabón. Estas dinámicas veríanse aquí reforzadas polo impacto da crise económica derivada da excesiva dependencia destes países dos hidrocarburos, cuxo curso acadou mínimos históricos, diminuíndose a demanda. É precisamente en África central e no Sahel onde, impacto do Covid-19 mediante, a ruptura dos xa de por si precarios equilibrios entre autoridades, exército e poboación podería conducir a procesos de transición política ou a cambios bruscos de réxime.

Esta peza é parte do IGADI Annual Report 2019-2020, podes descarregalo aquí. 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais