América Latina ante a rebelión árabe

A recente (e aparentemente infrutuosa) proposta do presidente venezolano Hugo Chávez para crear unha comisión internacional que permita abrir un canal de solución á crise en Libia, suscita diversas lecturas sobre a implicación e influencia da xeopolítica latinoamericana nos acontecementos que actualmente sacoden ao mundo árabe.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

A recente (e aparentemente infrutuosa) proposta do presidente venezolano Hugo Chávez para crear unha comisión internacional que permita abrir un canal de solución á crise en Libia, suscita diversas lecturas sobre a implicación e influencia da xeopolítica latinoamericana nos acontecementos que actualmente sacoden ao mundo árabe.

Diversos analistas e medios de opinión pública esfórzanse por realizar paralelismos entre os procesos de democratización en América do Sur na década de 1980 (así como os acontecidos anteriormente na Europa mediterránea e, posteriormente, no espazo ex soviético), coa actual rebelión popular no Magreb, aínda que recoñecendo as diferenzas específicas que ilustran os acontecementos de Tunisia, Exipto e Libia.

Historicamente, América Latina e o mundo árabe manteñen importantes vínculos de carácter cultural, político e enerxético, especialmente porque países como Venezuela, Arabia Saudita ou Libia son impulsores da Organización de Países Exportadores de Petróleo (OPEP) desde a súa creación en 1960. Ao mesmo tempo, unha florecente diáspora árabe se concentra en diversos países latinoamericanos, principalmente en Arxentina, Brasil, México e Venezuela. Desde 2007, América do Sur e os Países Árabes crearon a plataforma ASPA como mecanismo de achegamento e integración. Precisamente, a crise árabe suspendeu a celebración do III Cumio ASPA, previsto para mediados de febreiro en Lima.

Incluso, a aparición de procesos políticos antiimperialistas e de carácter nacionalista, como a revolución de Nasser en Exipto ou mesmo Gadafi en Libia, suscitaron certos niveis de simpatía en América Latina. Tanta como a que hoxe en día pode ter o propio Chávez en determinados países árabes, en especial ante a confrontación do mandatario venezolano con EEUU e Israel e o seu apoio cara aspectos sensibles para o mundo árabe, como a causa palestina, o programa nuclear iraniano ou o fin do illamento internacional de Siria, Libia e Irán.

Aínda considerando cal será o peso específico de Venezuela na súa implicación dentro da crise libia, dificilmente a rebelión que actualmente acontece no mundo árabe influirá de forma decisiva no contexto político latinoamericano. A posición venezolana pode explicarse ante a fluidez de relacións nos últimos anos entre Chávez e Gadafi, basicamente orientados cara a solidariedade política e os mutuos negocios enerxéticos.

Dende unha perspectiva máis hemisférica, gobernos como os de Ecuador, Bolivia, Cuba ou Nicaragua tamén sumáronse á retórica da solidariedade de Chávez con Libia, criticando os presuntos intereses estadounidenses na caída de Gadafi e no control do subministro petroleiro libio e considerando cómo os mesmos buscarían desacreditar non só a Gadafi (tendo en conta a súa brutal represión) senón ao propio Chávez. Velaí a falaz aseveración sobre a fuxida de Gadafi a Caracas, reproducida nalgúns medios internacionais unha vez acaecera a rebelión libia.

Curiosamente, nalgúns sectores da plataforma de movementos sociais e políticos chavistas en Venezuela, resulta notorio observar un inmediato distanciamento e críticas cara Gadafi, argumentando a súa represión contra os manifestantes e, incluso, criticando que o líder libio reorientara a súa posición internacional a favor dos intereses enerxéticos da multinacionais occidentais, a tenor da apertura libia establecida a partir de 2004, unha vez a ONU e EEUU levantaran as sancións internacionais contra Libia vixentes desde 1988.  

Dentro dese mesmo contexto latinoamericano, outros países con maior peso xeopolítico como Brasil (xunto a Venezuela o principal impulso sudamericano da ASPA), abordan un prudente distanciamento ante o que actualmente sucede en Libia e nos países árabes, un aspecto salientable tendo en conta que o ascendente papel global da diplomacia brasileira dos últimos anos tivo unha especial repercusión dentro do mundo árabe e islámico.

A excepción da implicación venezolana, a perspectiva de incerteza que imprimen os cambios que actualmente ocorren no mundo árabe son factores que explican este prudente distanciamento por parte dos países latinoamericanos, dando curso a unha etapa de observación e expectativa que obviamente influirá no futuro das alternativas de integración expostas tanto na ASPA como nas relacións bilaterais.