Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 31 de Decembro de 2014 Mansilla Blanco

América Latina en 2015

america-latina-2015.jpg

Tras un intenso ciclo electoral en 2014, América Latina apréstase a afrontar un 2015 de importantes citas electorais contextualizadas con agudas crises políticas e económicas (Venezuela, Arxentina e México), toda vez a resolución de históricos conflitos (EUA-Cuba, Colombia) anunciarían unha nova etapa política. No plano exterior, a rexión fortalecerá a súa relación estratéxica con China (I Foro China-CELAC en Beijing), toda vez a apertura do segundo período presidencial de Dilma Rousseff en Brasil dirimirá importantes aspectos de carácter económico e político para a principal potencia latinoamericana, así como para a arquitectura de integración rexional.

Neste sentido, a rexión ocupará a atención en tres citas electorais claves: as lexislativas en México (xullo) e Venezuela (setembro), e as presidenciais na Arxentina (outubro). Neste sentido, o foco de atención primordial estará enfocado na preocupante crise económica venezolana, motorizada por unha crónica polarización sociopolítica que en 2014 retomou a confrontación violenta. Este escenario cobrará maior intensidade de cara á cita electoral lexislativa en principio pautada para setembro próximo, calibrando un duro reto para o “postchavismo”.

Un caso relativamente similar ao venezolano é Arxentina, igualmente sumida na crise financeira (riscos de default e “fondos voitres”), e cuxos comicios presidenciais previstos para outubro definirán con case total probabilidade a apertura dunha etapa “postkirchnerista”. Independentemente das candidaturas presentadas, o final da presidencia de Cristina Fernández de Kirchner e a posibilidade de triunfo de opcións críticas dentro do peronismo (Sergio Massa) así como da oposición (Mauricio Macri) dan a entender a potenciación de novas variables, e de delimitación da hexemonía “kirchnerista” establecida desde 2003.

Por último, as lexislativas mexicanas de xullo supoñen un reto político para o presidente Enrique Peña Nieto e o gobernante PRI, tomando en conta o aumento da contestación cidadá provocada polas secuelas da desaparición dos 43 estudantes na localidade de Iguala (estado de Guerrero). Este factor intensifica o malestar cidadá sobre o clima de impunidade, represión e corrupción existentes, toda vez contrasta coas expectativas de Peña Nieto de focalizar a atención nun programa de reformas políticas (con principal acento no sector enerxético) e na necesidade de asegurar unha eventual hexemonía política para o PRI de cara ás presidenciais de 2018.

Con todo, as crises non serán as únicas noticias. América Latina estará pendente dos avances da histórica reconciliación entre EUA e Cuba anunciada a mediados de decembro. O VII Cumio das Américas a celebrarse en abril en Panamá ben podería definir esa esperada reinserción hemisférica cubana, así como un primeiro achegamento directo entre os gobernos de Barack Obama e Raúl Castro. Á espera de observar o avance do intercambio diplomático entre Washington e A Habana corren as incertezas sobre o definitivo remate do embargo vixente desde 1962, tomando en conta o control do Partido Republicano do Congreso e do Senado nas recentes eleccións lexislativas de novembro pasado, así como das expectativas presidenciais 2016, que poden abrir unha nova etapa para o lobby e a diáspora cubana.

Colombia igualmente será noticia en 2015 polos avances dos acordos de paz que desde 2012 se levan negociando en Cuba entre o goberno de Juan Manuel Santos e a guerrilla das FARC. Neste sentido, 2014 deu avances significativos en materia de acordos e reconciliación, a pesar do recente impasse en materia de secuestros, inmediatamente superados polo anuncio da guerrilla colombiana de suspender indefinidamente a loita armada. Resta observar os avances en canto á finalización do conflito armado, das amnistías en curso e da reparación de danos ás vítimas, asícomo da eventual legalización política das FARC e a posibilidades de que estes acordos se amplíen cara a guerrilla do ELN.

A celebración a comezos de xaneiro en Beijing o I Cumio China-CELAC fortalecerá a perspectiva hemisférica de observar a China como un socio estratéxico cada vez mais decisivo. A xira do presidente chinés Xi Jinping a mediados de xullo pasado por Brasil, Arxentina, Venezuela e Cuba, así como a relación bilateral a través dos diversos cumios BRICS e da APEC, definen as bases desa relación estratéxica, que pode cobrar en 2015 unha maior amplitude cara outros organismos rexionais (MERCOSUR, UNASUR, ALBA, Alianza do Pacífico). Neste sentido, e con China como epicentro, os países latinoamericanos apostan decididamente pola adopción de mecanismos de cooperación con Asia-Pacífico.

Esta perspectiva pode igualmente polarizar a arquitectura de integración hemisférica. O pragmatismo chinés permite acelerar mecanismos de cooperación con organismos aparentemente disímiles como a Alianza do Pacífico (México, Perú, Colombia e Chile) e a CELAC (que non contempla a EUA nin Canadá). O 2015 abordará contactos de cooperación entre a CELAC, MERCOSUR e a Alianza do Pacífico, certificando a preponderancia estratéxica de Asia-Pacífico como futuro foco do poder global. Outros mecanismos como a ALBA poden verse polarizados pola crise venezolana e a nova realidade adoptada pola reconciliación entre Cuba e EUA, que visiblemente alterará a relación estratéxica que desde 2000 manteñen A Habana e Caracas.

En xaneiro de 2015, Dilma Rousseff iniciará o seu segundo período presidencial, trala axustada vitoria en segunda rolda en outubro pasado. Brasil comeza a experimentar certos síntomas de recesión económica que poden complicar un panorama político onde o gobernante PT deberá definir unha eventual sucesión “post-Dilma” de cara aos comicios presidenciais 2018.

Neste sentido, os equilibrios políticos serán un dilema constante para Rousseff e o PT á hora de manter as bases da súa ortodoxia macroeconómica, de afrontar o impacto dos escándalos de corrupción (PETROBRAS), da elevación do gasto público en materia social e de infraestruturas (Xogos Olímpicos de Río de Xaneiro 2016) e da polarización da esquerda brasileira observada nos derradeiros comicios, un aspecto que repercute no fortalecemento dun novo electorado de carácter centrista, con forte mobilización cidadá e moito máis crítico, tal e como se observou coas protestas de 2013 e 2014.

En perspectiva global, o ciclo electoral latinoamericano iniciado en 2014 e o acontecer rexional definen un novo equilibrio político. A preponderancia de novas expresións de esquerda e progresistas observadas desde 1999 seguen vixentes (Brasil, Uruguai, Bolivia, Venezuela, Ecuador, Arxentina, Nicaragua, O Salvador, etc) contextualizada pola asunción dunha sociedade civil con maior capacidade de mobilización cidadá (Brasil, México, Chile) e do rexurdir de expresións reaccionarias que pode alterar a preponderancia política e electoral das esquerdas. Nesta dinámica, América Latina afirma unha singularidade política de carácter alternativo, potenciado por unha visión de cooperación multilateral orientado a inserirse nun sistema global cada vez mais multipolar.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais