Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Tempos 4 de Abril de 2017 Ríos

Anos de posguerra fría

A mundialización asenta as bases dunha nova arquitectura global
rusia.jpg

Trala fin da orde bipolar, consumada coa disolución da Unión Soviética e a virada liberal nos países do socialismo real, numerosas esperanzas converxían a prol de maiores cotas de benestar, democracia, seguridade e xustiza. Pese a que da guerra fría aínda perduran algúns flocos menores pero non por iso menos estridentes (en Asia oriental, fundamentalmente no escenario coreano e noutros contenciosos hoxe de baixa intensidade pero que poderían recruar curiosamente en dúas illas, Taiwan e Cuba), o certo é que a inflexión histórica dos anos noventa abriu un tempo de transición que perdura ata hoxe acentuándose tendencias que apuntan á consolidación dunha orde mundial caracterizada tanto polo regreso das vellas potencias como polo reequilibrio global.

Mundialización reequilibradora

A mundialización económica que resultou da superación dun mundo dividido en bloques trouxo consigo unha eclosión imparable do comercio e ata do crecemento. As grandes multinacionais premeron para lograr dos gobernos e das instancias globais normas ao ditado. As grandes economías e as súas pancas financeiras promoveron a desregulamentación, o libre comercio, o mercado e a economía privada como novos paradigmas da evolución económica e social. O alto custe en desafección (desemprego, precariedade, extrema desigualdade, sobreacumulación, etc.) pasou factura nos países máis ricos. Tanto que as correntes a favor do proteccionismo como vía para apuntalar un capitalismo global desconcertado polos ecos daquel proceso resultan mais que comprensibles. O cúmulo de contradicións que isto está a xerar podería conducir a orde mundial non só a unha guerra comercial de grandes proporcións senón a un punto de ruptura de maior calado.

A mundialización trouxo consigo a modificación dos equilibrios mundiais. Se a revolución industrial propulsou a Europa occidental e a EUA sobre a escena internacional ata facérense donos do mundo, agora estanse a xerar efectos de similar alcance anunciando un proceso de reequilibrio planetario en contraposición co movemento inicial que apuntaba a un reforzamento a ultranza do liderado occidental.

Cando cada chinés dispoña da metade de renda dun estadounidense, o peso da economía chinesa será dúas veces superior á da economía norteamericana. Hai quince anos, a economía xaponesa era tres veces maior ca chinesa; hoxe, é a China quen produce dúas veces máis ca Xapón. India segue polo mesmo camiño: dobrou a talla da súa economía na primeira década do século XXI e prevese que suplantará a EUA de aquí a 2050. No que vai de século, incluso moderándose, o crecemento anual dos países emerxentes é dúas e ata tres veces máis elevado ca o dos países desenvolvidos.

 

Hoxe, en boa medida como consecuencia do proceso de mundialización, unha vintena de economías emerxentes, con China, México, Tailandia, Rusia ou Malaisia entre elas, están a un nivel similar ao de países como Italia nos anos 60. Este proceso por tanto permitiu no trazo maior unha corrección do enorme desequilibrio provocado pola revolución industrial. Isto explica que sexa nos países en vías de desenvolvemento onde a percepción da mundialización sexa máis benéfica para o mundo en contraste coa lectura que del se fai en Occidente, onde medra sostidamente a súa impopularidade. En Asia, por exemplo, son Vietnam, Filipinas ou India onde mellor se valora a mundialización e os seus efectos.

O mundo da posguerra fría evoluciona por tanto cara un escenario onde o poder económico será en gran medida proporcional ao peso demográfico dos respectivos países. Isto significará a curto prazo a recuperación paulatina do equilibrio global que foi tradicional, coa excepción dos dous séculos da revolución industrial (1850-2050).

Neste sentido, cómpre igualmente estar atentos aos efectos da chamada cuarta revolución industrial, a da robótica, en virtude da converxencia de tecnoloxías dixitais, físicas e biolóxicas. Esta nova revolución afectará ao mercado laboral, ao futuro do traballo e agravará a desigualdade de ingresos. Alemaña ven liderando boa parte deste proceso desde 2013 que podería destruír, estímase, uns cinco millóns de empregos nos 15 países mais desenvolvidos do mundo. Provocará unha recuperación do liderado occidental ou serán capaces as principais economías emerxentes de respostar a tempo para non quedarse atrás e asegurar as posicións logradas?

Diminución da confianza na democracia

Paradoxalmente, o trunfo dos valores democráticos asociados ao pensamento político occidental derivou nunha crise de lexitimidade que no fondo devén das carencias acrecentadas da autoridade representada polo Estado. Non se trata só da corrupción ou da crise do sistema de partidos ou a efémera división de poderes senón sobre todo do baleiramento do público e da submisión da política aos imperativos económicos ditaminados polas forzas do mercado que votan na Bolsa e non nas urnas; trátase dos déficits dun sistema que minguou ostensiblemente na confianza ofrecida ás maiorías que descreen na súa capacidade como instrumento para garantir o ben común.

O abuso do argumento democrático, por outra banda, como mecanismo para estender as zonas de influencia xeopolítica vía imposición armada de gobernos afíns en áreas sensibles do planeta ou en atención á satisfacción de guións que impoñían ata a eliminación física de rivais políticos alentou o caos nun mundo martirizado por unha destrución de vidas e bens sen precedentes nos últimos 70 anos, como reza o informe 2016-2017 de Amnistía internacional. A irresponsabilidade subseguinte na xestión das consecuencias (ben sexa en termos de reconstrución, procura da estabilidade ou  acollida de refuxiados, poñamos por caso) alentan a opción daqueles que buscan camiños propios onde antes só semellaba cuestión de tempo a súa defenestración.

A esa mestura de desafección e caos súmase tamén o retroceso en materia de dereitos humanos cos espazos de liberdade en proceso avanzado de restrición con políticas de antiterrorismo e antimigración que dan pe ao crecemento dos movementos xenófobos, do racismo e o fascismo. Ata en EUA, o desprezo polos dereitos humanos toma carta de natureza con Donald Trump. A promesa de prohibir a entrada a territorio estadounidense aos musulmáns  mediante decreto presidencial é fiel expoñente do alcance destas políticas. Os sete países afectados suman 220 millóns de habitantes, un 12,5 por cento dos musulmáns de todo o mundo pero no punto de mira están nada menos que os habitantes de 57 países de maioría musulmán, 1.750 millóns de seres humanos que confesan practicar esta relixión. As minorías non musulmáns dos países afectados, poderán ser admitidos. A exacerbación do conflito civilizatorio non é unha hipótese e agravará os problemas de seguridade global.

Eclipse da orde liberal atlantista

O mundo establecido por Occidente, tan seguro de si mesmo nos anos noventa, vive tempos de fonda incerteza. A relación transatlántica que o cimentaba en torno aos valores de democracia e liberdade, o mercado e o libre comercio como argumentos do desenvolvemento económico complementados cunha seguridade fornecida por unha OTAN a cada paso mais agrandada, vive unha crise de confianza de proporcións que afectan á súa credibilidade e influencia global.

Agora mesmo, co “América first” do Presidente Trump poderíamos falar en propiedade dunha tendencia ao baleiro no liderado global. Como se evidenciou na conferencia de seguridade de Múnic deste 2017, a tesitura dun novo reparto de responsabilidades coexiste con tendencias de peso que apuntan ao desprezo do papel e significación da Unión Europea e unha reorientación da política estadounidense cara Rusia.  A isto debemos sumar a catarse que para Europa supón o Brexit e as incertezas político-electorais que asoman no horizonte inmediato.

De secundaria a prescindible, Europa aproveitou os anos noventa para alargar a súa influencia e levala ata as proximidades de Rusia. Desperdiciou non obstante os anos seguintes para afianzar o seu modelo e compartir o liderado global con EUA mesmo sen cuestionar a súa hexemonía. Hoxe Europa, moi lonxe daquela “Casa común” imaxinada trala caído do muro de Berlín, sumida no desconcerto, non dispón de músculo suficiente por si mesma para encarar o declive de Washington nin tampouco para dar resposta ao auxe do modelo económico neoliberal que tanto dano fixo ao europeísmo como proxecto diferenciado a escala global.

A conxunción do afrouxamento de Europa e o nacional-egoísmo estadounidense pon de manifesto o dificilmente evitable proceso de deconstrución da orde liberal atlántica. As divisións internas de Europa e a resultante incapacidade para definir a súa propia política dilúen tanto os seus principios como os seus intereses facendo inevitable que as principais economías do continente tomen a dianteira e senten as bases de novos liderados diplomáticos e co tempo ata militares.

Da bipolaridade inmutable á multipolaridade inestable

Viuse pronto que a orde unipolar resultaba insostible pola súa incapacidade para facer fronte aos grandes desafíos globais. Ata o G8-1 debeu ceder protagonismo ao G20. A primeira vaga liberal certamente avanzou sobre boa parte de Europa (onde agora sopran tamén ventos doutro signo se ollamos para Hungría ou Polonia) dando a impresión dunha supremacía incontestable. Pero hoxe podemos afirmar que non só a historia era reversible no Leste senón tamén a nivel global era posible un rexurdir actualizado dos vellos actores e as súas pantasmas asociadas.

A evolución nestas dúas décadas puxo de manifesto como a economía mundial foise desviando cara Oriente, nomeadamente China, sen que pola contra a superestrutura política que facilita a toma de decisións de transcendencia global acollera esa fonda transformación na súa andamiaxe. A perda de significación económica de Occidente e o contraste coa posición fortalecida das economías emerxentes reclaman unha adaptación á que se resiste propiciando a emerxencia de alternativas (BAII, Novo Banco de Desenvolvemento, etc) que poderían non só complementar tamén rivalizar. As espadas están en alto.

EUA exhibe o declive da súa hexemonía por mais que podamos asistir no futuro inmediato a espasmos que induzan a pensar o contrario. Pero nin Rusia nin China, nin xuntas nin por separado, representan unha alternativa capaz de tomar as rendas globais e determinar unha orde post-occidental. Por primeira vez en séculos recentes, a sucesión de poderes hexemónicos (España, Inglaterra, EUA) podería derivar nunha ecuación mais complexa, evolucionando cara a tripolaridade ou a multipolaridade.

Esta transición que agora avanza cara o seu tramo final poderá ser pacífica ou non. A día de hoxe, a verdadeira nova guerra fría non se dirime entre EUA e Rusia que poderán atopar espazos de entendemento nas áreas principais de fricción (de Siria a Ucraína) senón entre EUA e China. Esa tendencia podería dominar as relacións internacionais dos próximos anos e evitala non será doado se ben o alto nivel de interdependencia mutua agroma un factor moderador de importancia.  

O entendemento xurdido en 1972 entre ambos os dous países semella ter chegado ao seu máximo histórico e pouco a pouco vaise transformando en rivalidade. A mundialización fortaleceu a China como principal beneficiario xeopolítico e proseguirá apegada a ela propoñendo un modelo mais inclusivo. A chegada de Donald Trump, con reiteración das tensións entre illacionistas e hexemonistas,  pode acelerar este proceso á vista dos mandatos contraditorios que promove a súa Administración (abandono do TPP pero semella que con máis implicación na seguridade rexional). China, en calquera caso, camiña a marchas forzadas cara a recuperación da posición central no sistema internacional que tiña ata hai dous séculos. Isto terá consecuencias de alcance en todos os planos.

Serán os BRICS o seu ariete ou limitarase a compartir con Rusia o liderado do grupo dos emerxentes? Pode o sinocentrismo derivar nun novo hexemonismo? Saberémolo, en boa medida, en setembro deste ano, cando se reúnan de novo en Xiamen, cunha axenda que, de entrada, reivindica o seu papel equilibrador da orde global.

 

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais