Distribuir

Distribuir contido
IGADI 22 de Setembro de 2016 VV.AA.

Apelo á comunidade internacional para apoiar a participación de Taiwán na Organización de Aviación Civil Internacional (OACI)

Ho Chen Tan, Ministro de Transporte e Comunicacións da República de China (Taiwán)
ministro_ho_chen_tan.png

Co obxectivo de cumprir as normas internacionais de seguridade da aviación, Taiwán esforzouse activamente por participar na Organización de Aviación Civil Internacional (OACI). De feito, durante moitos anos, Taiwán traballou xunto a outros países de todo o mundo para mellorar a calidade e eficiencia dos servizos aéreos internacionais. A participación de Taiwán na OACI conduciría a unha cooperación máis estreita na industria da aviación civil internacional e impulsaría o seu desenvolvemento, contribuíndo de tal xeito a alcanzar o obxectivo da OACI de lograr un ceo seguro e sen fisuras.

Taiwán é unha parte indispensable da rede mundial de aviación

Taiwán atópase situado na zona aérea con máis actividade do Leste de Asia. Segundo o Consello Internacional de Aeroportos, no ano 2015 o Aeroporto Internacional de Taoyuan en Taiwán situouse na 11ª e 6ª posición mundial en canto ao volume de pasaxeiros e volume de carga, respectivamente, sendo un dos aeroportos de maior actividade da rexión. Nese mesmo ano, 74 compañías aéreas ofreceron os seus servizos cara a e desde Taiwán, operando voos regulares de pasaxeiros e de mercancías en 301 rutas e conectando 135 cidades de todo o mundo. Ademais, a Rexión de Información de Voo de Taipei, administrada por Taiwán, tramitou máis de 1,53 millóns de casos de servizos de control de tráfico aéreo e atendeu a 58 millóns de pasaxeiros de entrada e saída en 2015, funcionando como unha parte indispensable da rede de transporte aéreo mundial.

Seguir contribuíndo ao obxectivo da OACI de lograr un espazo aéreo seguro e sen fisuras

Durante máis de catro décadas, as autoridades competentes de aviación civil de Taiwán, esforzáronse e investiron máis que as súas homólogos doutros países en termos de eficacia, custo e operación por cumprir coas normas de seguridade e protección aéreas establecidas pola OACI. A seguridade aérea, os servizos de navegación, a protección medioambiental e as cuestións económicas son motivo de gran preocupación para a OACI, e os desafíos que suscitan deben ser abordados a través dunha estreita cooperación entre todos os países. Para iso, a participación de Taiwán na OACI é unha necesidade.

A participación de Taiwán depende do continuo apoio internacional

Logo de moitos anos de esforzo, no ano 2013 Taiwán foi invitado a asistir á 38ª Asemblea da OACI grazas ao apoio das nacións europeas, dos Estados Unidos e doutros países amigos. Taiwán aspira a continuar participando nas reunións, mecanismos e actividades da OACI dun xeito profesional e construtiva. Como membro da comunidade internacional, Taiwán participa da responsabilidade de salvagardar a seguridade da aviación rexional e global, e está disposto a contribuír a un maior desenvolvemento da aviación mundial así como ao benestar de toda a humanidade. Taiwán continuará compartindo as súas experiencias e coñecementos en aviación civil con outras nacións, a fin de garantir de xeito conxunto un desenvolvemento seguro, ordenado e sostible da industria da aviación civil internacional.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais