“Aperturas tácticas” en Cuba

A liberación de 52 disidentes políticos do denominado “Grupo dos 75”, tras meses de negociacións entre o goberno de Raúl Castro e a Igrexa Católica; a suspensión da folga de fame do disidente Guillermo Fariñas; a intensidade nas manifestacións das Damas de Branco, e táctica reaparición televisada de Fidel Castro, son elementos que certifican cómo o acontecer cubano segue ofrecendo unha sucesión de variables e escenarios que alimentan todo tipo de hipóteses sobre posibles aperturas e reformas na illa caribeña.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Palabras chave Cuba
Idiomas Galego

A liberación de 52 disidentes políticos do denominado “Grupo dos 75”, tras meses de negociacións entre o goberno de Raúl Castro e a Igrexa Católica; a suspensión da folga de fame do disidente Guillermo Fariñas; a intensidade nas manifestacións das Damas de Branco, e táctica reaparición televisada de Fidel Castro, son elementos que certifican cómo o acontecer cubano segue ofrecendo unha sucesión de variables e escenarios que alimentan todo tipo de hipóteses sobre posibles aperturas e reformas na illa caribeña.

Qué razóns obedecen a este repentino cambio no curso dos acontecementos? Moi probablemente, a aguda crise económica e as súas preocupantes repercusións na poboación cubana obrigarían ao presidente Raúl Castro a conceder tácticas concesións de carácter político ante interlocutores de peso como a cúpula eclesiástica cubana e a UE, neste caso a través da diplomacia española.

Pero estas concesións obviamente ilustran unha serie de intereses principalmente dirixidos a EEUU e a súa política cara Cuba. Aquí imponse imperativos clave como a necesidade de aliviar ou suprimir o embargo económico e as restricións para cidadáns estadounidenses de visitar ou investir en Cuba, elementos clave para o goberno de Raúl Castro á hora de definir un cambio de curso nas turbulentas relacións entre A Habana e Washington.

O peso da Igrexa, EEUU e da UE

Tras “oficializarse” a liberación de disidentes políticos con grave estado de saúde, o cardeal da Igrexa católica cubana, Jaime Ortega, visitou inmediatamente Washington coa finalidade de manifestar ás autoridades estadounidenses a “real vontade” do goberno de Raúl Castro para impulsar unha serie de reformas, principalmente económicas, que permitan aliviar o peso do embargo estadounidense e a prohibición de viaxes de cidadáns deste país cara a illa caribeña.

Esta visita de Ortega a EEUU explicaría dúas variables clave: a primeira, que a Igrexa católica cubana gañou un peso político de gran magnitude coas súas xestións ante o goberno de Castro; e a segunda, que Raúl Castro observa a EEUU como o interlocutor esencial que permita inserir unha apertura exterior para Cuba. Non obstante, Washington ven manifestando un táctico silencio ante os recentes acontecementos cubanos, sen definir unha postura aperturista.

Paralelamente, a liberación de disidentes e presos políticos pode constituír, a ollos do goberno cubano e da igrexa católica, unha necesaria válvula de escape e un aspecto primordial destinado a influír dentro da UE, en especial ante a necesidade de mudar a Política Común cara Cuba vixente desde 1996.

A xestión na Habana do ministro español de Exteriores, Miguel Ángel Moratinos, para propiciar a liberación de disidentes cara España, enfocou nesta necesidade de que Bruxelas adopte unha nova postura cara Cuba. Este diagnóstico vense rexistrando nos últimos meses vense rexistrando en Europa a través de diversos congresos e foros entre analistas e membros da diáspora cubana.

Con isto, a atención médica e posterior suspensión da folga de fame do disidente Guillermo Fariñas a principios de xullo encamíñase igualmente en evitar un desenlace fatal similar ao caso do tamén disidente Orlando Zapata, falecido en febreiro pasado tras unha prolongada folga de fame. Dende entón, incrementouse sensiblemente a presión internacional contra o goberno de Raúl Castro, colocando ao seu goberno nunha posición sumamente delicada.

Cambios políticos na escena?

Dentro e fora de Cuba comezan igualmente a manifestarse diversos sectores da sociedade civil, persuadidos da necesidade de actuar para potenciar a apertura de cambios políticos. Así se observa internamente un maior incremento da actividade e presión por parte das Damas de Branco, cuxo protagonismo simboliza o ascenso dunha heteroxénea sociedade civil dentro de Cuba, conformada en base á pluralidade de perspectivas políticas.

Os 52 disidentes recentemente liberados forman parte dese grupo de 75 activistas políticos apresados en 2003 por presuntas actividades de conspiración dentro de Cuba. O soporte de mobilización política que supuxo dende entón a frecuente actividade proselitista das Damas de Branco serviu non só para erosionar ao goberno cubano senón que simbolizou a perspectiva de organización dunha nova sociedade civil dentro de Cuba.

No ámbito exterior, a participación de diversos actores políticos dentro dunha diáspora cada vez máis plural, non necesariamente dominada polo exilio en Florida, simboliza a posibilidade dun cambio de perspectivas políticas dentro de Cuba. 

Non obstante, compre considerar o peso dos sectores conservadores do statu quo en Washington e Miami á hora de afondar unha maior radicalización de posicións cara o goberno cubano. Dende a Fundación Nacional Cubano Americana criticouse o papel mediador da igrexa católica nas negociacións para a liberación dos disidentes cubanos, tanto como aseguraban o carácter táctico, con claros matices políticos, nas concesións ofrecidas por Raúl Castro.

Paralelamente, no seo da sociedade civil dentro e fora de Cuba apreciase o cada vez maior peso da democracia cristiá, en clara concordancia co protagonismo político adoptado pola Igrexa católica cubana, un factor visiblemente similar ao acontecido na Europa do Leste ex comunista, en especial en Polonia e a ex Checoslovaquia. Estes sectores, cada vez máis influentes dentro da diáspora cubana en Europa, clarifican unha posición moderadamente máis pragmática nas súas relacións co goberno cubano.

Este mapa visual da realidade cubana ven completado coa recente aparición televisiva do ex presidente Fidel Castro, variable simbólica que explica a necesidade do réxime socialista por amosar a consistencia interna do seu goberno e das súas institucións, valoradas no seu compromiso cos valores revolucionarios.

Pero diversos medios  e analistas especulan cunha nova reestruturación do gabinete cubano, probablemente en marcha para finais deste verán. Polo pronto, un grupo de diplomáticos cubanos foi recentemente xuramentado na Habana para asumir os seus novos cargos en diversos países, o cal enfocaría unha posible amplitude de perspectivas de carácter diplomático.

Principio do fin do “castrismo”? Momento de reformas e aperturas dentro de Cuba? Posible definición dunha nova postura por parte de EEUU e Europa? Ou simple estratexia táctica do goberno cubano para “gañar tempo” e paulatinamente garantir a supervivencia do sistema socialista? Estas e outras interrogantes planean sobre a realidade cubana, con maior ou menor claridade, pero afirmando un incerto escenario de cambios na illa caribeña.