China e o mundo chinés ¿É China quen nos arruína?

Os déficits sociais en China son ben coñecidos e de longa data. O dispor de man de obra barata e abundante é unha das razóns (co investimento estranxeiro e a orientación da produción ao exterior) que explican o seu auxe. Nada que resulte afastado para nós. Salvando as distancias, en tempos, que unha multinacional do automóbil se implantase en Galicia derivábase de circunstancias semellantes (man de obra barata, ausencia de sindicatos –ou na clandestinidade- e unha zona franca ao seu carón). A escala en China é doutra magnitude pero a singularidade do seu modelo en moitos aspectos non é tanta como se di. Outros paralelismos podíamos establecer coa súa emigración.

É certo igualmente que os niveis de explotación a miúdo son intolerables. Suicidios como o de traballadores en Foxconn, como reacción ás súas condicións de traballo é algo arrepiante. Tamén hai que dicir que moitas destas empresas son multinacionais estranxeiras, incluídas occidentais, que non só obteñen grandes beneficios con esta superexplotación senón que se revolven cando o goberno chinés promove unha lexislación laboral levemente garantista como a que entrou en vigor en 2008.

Para comprender por qué os chineses soportan esta dura explotación cómprenos certa perspectiva. Os puntos de partida son moi baixos. Para moitos supón ata un progreso respecto ao seu estatus previo. Pese aos cambios das últimas décadas, as precariedades en moitas zonas de China son moeda  común, especialmente no centro e oeste do país. Por outra banda, esta evolución ten un tempo histórico. Diríase mesmo que está a piques de esgotarse. Dos 72 centavos por hora do 2000 pasouse aos 2,79 dólares  de 2010. A media de crecemento salarial en 2011 roldou o 21 por cento. Fálase xa dun novo modelo que incorpore mercado interno e dimensión social, ambiental, tecnolóxica… Da harmonía urxida evolucionarase á virtutocracia, corrente noutros países confucianos da zona. Precisa varios lustros para afianzarse pero esa transformación mellorará a vida dos chineses e afectará igualmente á natureza das súas relacións co exterior. En pouco tempo, China confirmarase como o primeiro importador do mundo. A súa presenza inversora no exterior é cada vez mais notoria. Incluso en Galicia.

No éxito chinés inflúe unha cultura que certamente valora o esforzo e unha habilidade innata para os negocios. Martín de Rada xa nolo dicía no século XV: “en esto del comerciar los chinos parten el cabello”. A esa combinación súmase unha estrutura e liderado empresarial diferente, plano, sen listas xigantescas de executivos, cun forte papel público no subministro de insumos, incluídas materias primas e coñecemento tecnolóxico.

En España fálase moito da reforma laboral, pero en realidade precisariamos unha gran reforma das estruturas empresariais e do papel do estado para poder competir con ese modelo. Circula pola Rede un powerpoint que simula unha regata entre unha canoa xaponesa e outra española. Oito persoas a cada lado. Na xaponesa, un capitán e sete remeiros; na española, un remeiro e sete capitáns. Como así é imposible gañar, acaban botando o remeiro. Simplista pero orientador. Onde di Xapón poñamos China.

Son moitas as causas da crise, pero hai dúas esenciais: o auxe da economía especulativa sobre a produtiva e o adelgazamento do Estado. É o modelo ultraliberal das últimas décadas baseado na desregulamentación e o desmantelamento do Estado ata axeonllalo ante o mercado. Imos na dirección errada. Dificilmente haberá saída da crise sen regulación dos mercados, control dos paraísos fiscais…, temas que ían estar na axenda do G20 e que foron axiña sepultados revelando as enormes complicidades entre o poder político e ese poder económico que o instrumenta e somete. E, sobre todo, úrxenos máis espazo e poder públicos e outra cultura empresarial.

Precisamos economías mixtas e reguladas que estean ao servizo do conxunto da sociedade con gobernos comprometidos co ben común dos seus cidadáns e non cunha minoría de especuladores obsesionados co crecemento das súas fortunas. En China e aquí.