Europa 2004: mulleres e representación

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Imaxinemos a Atlántida do século XXI, unha Europa unificada e rexida polo coñecemento tecnolóxico e a sabedoría de todos os heroes e heroínas. A tan revolucionaria idea fica á deriva en dous aspectos : na súa dimensión democrática tanto na participativa como na representativa. Cousa curiosa esta da identidade: a identidade de xénero e a entidade de pertenza a un colectivo nacional. Europa, metáfora social, mito moderno, ou praxe? Sen embargo, a utopía rexional ten agora a posibilidade de demostrar a súa potencialidade no transcorrer da historia. A convocatoria de eleccións europeas, na que participarán dez novos países en xuño, cecais sexa, a proba definitiva para medir a súa potencialidade; por un lado e sobre todo, no que se refire á eficacia das políticas comunitarias en materias de igualdade de xénero e, polo outro, nos logros das propias mulleres á hora de introducirse nas listas e na composición das Comisións Europeas que sigan ao proceso de integración.

A alarma saltaba na leitura do Informe Anual da Comisión da Igualdade do Parlamento por parte da danesa Lone Dybkjaer. A nova Unión Europea será máis masculina, recollía El País, en titulares. A cota histórica do 30%: 194 mulleres e 626 homes, está nunha corda frouxa. Unha vez máis con este informe, o Parlamento Europeo insta á reflexión e abanease no conflicto das sociedades modernizadas tardías. O proceso de transición democrático e o reaxuste da posición das mulleres no mercado laboral foi brusco no conxunto dos países do leste, xa que non pasaron por unha construcción real dun Estado do Benestar como aconteceu nos países nórdicos. Se xa foi complexa a entrada de España, Portugal, Grecia, ou Italia; a chegada dos países ex- comunistas inmersos en novas economías araña, éo aínda máis.

O Lobby Europeo de Mulleres, que se creou no 1997, compara a presencia de mulleres dos países da UE no ano 1995 coa presencia das mulleres nas cámaras de representación dos novos países na actualidade. A diferencia con respecto ao pasado é a favor dos países candidatos. Daquela fora un relativo éxito, moitos países mudaron a súa porcentaxe, presentando nalgúns casos un numero máis elevado de mulleres en Europa, que na súa participación estatal. Agora ben, ante a inminente entrada dos medios e o almanaque electoral europeo, no que o discurso feminista logrou a súa presencia, a Comisión advirte coa pertinencia dun código de boas prácticas.

Sen embargo, o movemento de mulleres en países como a República Checa, Polonia, etc., non son de novo cuño. A Coalición Karat, composta por ONG´s de 12 países da zona, ten desenvolto un papel fundamental nas súas achegas á discusión Europea, entre as que cabe salientar: o proxecto trianual " Xénero e Xustiza Económica no proceso de adhesión e integración na UE"; a conferencia " Impacto nas mulleres do proceso de integración", celebrado en Varsovia en novembro do pasado ano; e a conferencia "A expansión dos dereitos e a reforma europea desde unha perspectiva de xénero", Berlín 11 e 12 de decembro.

As mulleres do marco europeo actual, hai tempo que evidenciaron a pertinencia de efectivizar as súas canles participativas nos foros parlamentarios e dar un brinco máis alá da súa representación como cariátides helénicas. A Conferencia de París no 1999, significou un antes e despois no acervo comunitario. A proposta de Constitución avanza e estipula novos aspectos no tocante aos marcos legais, xurídicos e sociais. Europa e a Ilustración. Un modelo universal. Sen embargo, a Historia está chea de exemplos onde a tradición normativa e lexislativa, o recoñecemento formal, digamos, nada ten que ver co recoñecemento real, no que operan outros condicionantes, que estremecen a toda articulación.

A inminente aterraxe dos novos países provoca contradiccións ante os parámetros comúns. Nun mundo de alianzas, eclosionar antes do punto da cocción, non é oportuno. A presión, as dinámicas e o espacio son tres elementos básicos na nosa ecuación social.A introducción da perspectiva de xénero nas axendas é un novo asunto de estado, despois de reivindicacións e de loitas ora no eido laboral, ora no lexislativo; o político ten nestas eleccións o espacio máis axeitado para efectivizar programas sociais que garantan a persistencia de modelos de distribución e de planificación social que conten coas mulleres. Se Europa quere voltar a ser un espello a escala mundial, teno que facer nesta faceta.

A República Checa, Polonia, Eslovaquia, entre outros, alcanzarán unha representación de 172 escanos, eis un case 28 %, do parlamento europeo para o período 2004- 2007. Agora, compre analizar o proceso de constitución das listas. O escepticismo da lóxica. Un dato, o PPE no seu Congreso anunciaba a súa preocupación pola composición das listas dos países ex- comunistas, ningunha resolución acerca das cotas de xénero, mais si se abriu o debate acerca do pasado comunista dos candidatabéis. Na actualidade, dentro dos cinco grupos políticos grandes do parlamento o PPE é o que presenta un menor índice de mulleres.

Nen procesos, nen espacios pechados para o mapa europeo, e é por iso, que a cidadanía activa do noso século ten no diálogo entre as mulleres dos diferentes pobos un reto de interese. Pero para iso teñen que estar presentes.