Nacionalismos e demais

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego

As conferencias internacionais acostuman rematar en fracaso. E case sempre polas mesmas causas: por un nacionalismo que non vai, non pode ir, á par das realidades e esixencias, económicas e políticas, do noso tempo. En Europa sabémolo moi ben.

O fracaso do recente cumio do G-20 é un bo exemplo. Na mesa de traballo tiñan as cuestións que están na orixe da actual crise: excesos de crédito, de exportación, de consumo e os déficits orzamentarios e as carencias sociais, cuestións –dinnos-  de carácter nacional e que ningún goberno consentiu que unha organización multilateral meta aí o nariz ( Alain Faujas, Le Monde, 12.11.10).

Non só os vellos nacionalismos están en contra do decorrer do mundo: hai outros factores tan retrógrados, como o poder económico da banca e do gran capital, dos que, por diversas causas, son servos os gobernos. Paul Krugman,  Vicenç Navarro ou Juan Torres ben nolo teñen demostrado.

Sen esquecer que moitos políticos son servos do gran capital por outros camiños: polas doazóns feitas aos partidos e tamén pola estreita relación persoal dos políticos co poder, como moi acertadamente sinalou Paul Krugman.

Sería de ilusos calquera ilusión e calquera esperanza postas no cumio de Seúl, unha xuntanza de ricos para ricos. Sarkozy, seguinte presidente do foro, demostrouno ben aproveitando a ocasión para estrear o seu avión de 255 millóns de dólares… E os franceses enrabechados pola perda do seu “pouvoir d’achat”!.