Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 14 de Agosto de 2015 VV.AA.

Arxentina despois das PASO: todos gañan, todos perden

Unha análise de Cintia Piñeiro, estudante en prácticas da USC

O pasado domingo 9 de agosto celebráronse na Arxentina as denominadas PASO (Primarias Abertas Simultáneas e Obrigatorias). Trátase dunha das últimas iniciativas gobernamentais orientadas a facilitar a democracia participativa, aínda que nesta ocasión saldouse cunha asistencia do electorado menor que noutras oportunidades. En chave electoral e política, as PASO constitúen unha especie de enquisa nacional para medir o apoio real co que contan os partidos políticos a nivel estatal. En esencia, trátase dunhas primarias nas que o electorado elixe os candidatos para as eleccións presidenciais definitivas.

Convén recordar que para que un candidato se impoña na primeira volta electoral presidencial prevista para o próximo 25 de outubro, deberá obter máis do 45% dos votos ou un caudal entre o 40 e o 45% se a diferenza co segundo é de 10 puntos ou máis. Se non se dera ningunha destas situacións, iríase ao ballotage en novembro entre os candidatos máis votados. Así, nesta ocasión, as primarias pódese dicir que apenas serviron para aclarar algunhas cuestións, poucas, e para crear novas incertezas sobre o futuro político do país, deixando así un panorama no que nada quedou decidido e a loita pola presidencia segue en pé.

Resultados electorais

A Fronte para a Vitoria, liderada por Daniel Scioli, gobernador da provincia de Bos Aires, gañou nas PASO presidenciais obtendo case o 38,5% dos votos e situándose nunha posición óptima para gañar en outubro. Este triunfo foi dedicado polo propio Scioli ao ex mandatario Néstor Kirchner (2003-2007), de quen foi o seu vicepresidente, así como á actual presidenta Cristina Fernández de Kirchner. Sen embargo, o oficialismo “kirchnerista” non puido alcanzar a esperada cifra do 40% nin unha diferenza co seu maior opositor, Mauricio Macri, superior ao 10%.

En segundo lugar sitúase a fórmula do PRO da Alianza Cambiemos, liderada polo xefe de Goberno porteño Mauricio Macri, cun 30,07%, resultado reducido para apostar pola concentración do electorado en torno á antonimia “kirchnerismo-macrismo”, estratexia que o líder desta coalición considera que o pode levar á vitoria.

En terceiro lugar, a Fronte Renovadora de Sergio Massa obtivo o 21,66%, se ben en forma individual só alcanzou o 12,6% dos apoios, é dicir, moi lonxe do seu obxectivo de superar o 20%, un aspecto decisivo para o candidato á hora de manter a viabilidade da súa candidatura e, á súa vez, non distanciarse do “macrismo”. Cabe destacar que, a pesar dos seus resultados, Massa amosou unha capacidade de resistencia maior da que moitos intuían hai un par de meses atrás.

Os resultados son tan abertos que se prestan a múltiples interpretacións, segundo sexan as variables que se queiran analizar. Por exemplo, e de acordo cos resultados, a alianza de Macri con Ernesto Sanz e Elisa Carrió, un total acerto. Se Macri se presentase individualmente sería moi difícil que provocase un ballotage. Sen embargo, aínda ten que realizar esforzos para conseguir a presidencia.

Futuras posibles extratexias de Scioli, Macri e Massa

Tras analizar os anteriores resultados, pódese dicir que ningún dos candidatos puideron “cantar” aínda vitoria xa que ninguén gañou de forma contundente. De agora en diante, queda por ver cómo Scioli, Macri e Massa redeseñan a súa estratexia para conseguir a presidencia de Arxentina.

Daniel Scioli é consciente de que ten garantido o voto do “kirchnerismo”, polo tanto o mais probable é que agora se centre en conseguir os votos dos independentes e os votantes peronistas que se inclinaron por José Manuel de la Sota (Partido Demócrata Cristián). Por outra banda, Macri apela aos peronistas “antikirchneristas” invitándoos ó dialogo. Sen embargo, o candidato conta co gran problema da división do voto que se produciu dentro da oposición, voto maioritariamente peronista, que o mais probable é que terminen inclinándose por outro peronista como Scioli.

Por último, Sergio Massa, ao igual que Scioli, posiblemente se incline pola estratexia de non deixar escapar os votos que se definiron a favor de José Manuel de la Sota, primando neles o “antikirchnerismo” sobre as raíces peronistas e impedindo que marchen cara o oficialismo.

E agora qué?

As PASO demostraron que o “kirchnerismo” xa non é hexemónico pero segue, sen embargo, sendo maioritario. Ademais, as internas demostraron que a oposición non só non está unida senón que carece dun liderado contundente que opoñer ó oficialismo. O final do “kirchnerismo” advírtese próximo, aínda que ninguén sabe que vai pasar despois das eleccións presidenciais.

A partir do próximo 10 de decembro, a asunción dun novo presidente marcará un relevo no goberno tras 12 anos de presidencias Kirchner entre Néstor e Cristina Fernández. Este é sen dúbida un dos maiores desafíos ao que se enfrontan os gobernos da nova esquerda na rexión: a sucesión presidencial.

En definitiva, a principal incógnita para os próximos anos non é só quen gobernará Arxentina senón tamén cómo será o “kirchnerismo” sen os Kirchner, agora que Cristina Fernández de Kirchner deixa a presidencia. O que ocorra nas próximas semanas, xunto coa evolución da conxuntura económica, serán claves para interpretar as posibilidades de cada un dos actores no futuro inmediato do país.

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais