Arxentina: o test do “kirchnerismo”

Coa mente nos comicios lexislativos do próximo 27 de outubro, a presidenta arxentina Cristina Fernández de Kirchner celebrará con importantes festexos o próximo 25 de maio o décimo aniversario da vitoria electoral do seu desaparecido esposo Néstor Kirchner alcanzada en maio de 2003,  cando gañou as eleccións cunha mínima marxe de 22% dos votos. Dende entón, os Kirchner inauguraron un período de goberno que transformou a política arxentina, sacudida polos dramáticos efectos sociais da crise económica do “corralito” de 2001.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

Coa mente nos comicios lexislativos do próximo 27 de outubro, a presidenta arxentina Cristina Fernández de Kirchner celebrará con importantes festexos o próximo 25 de maio o décimo aniversario da vitoria electoral do seu desaparecido esposo Néstor Kirchner alcanzada en maio de 2003,  cando gañou as eleccións cunha mínima marxe de 22% dos votos. Dende entón, os Kirchner inauguraron un período de goberno que transformou a política arxentina, sacudida polos dramáticos efectos sociais da crise económica do “corralito” de 2001.

Ninguén dubida, dentro e fóra da Arxentina, que as eleccións lexislativas de outubro próximo supoñen un test electoral enfocado de cara aos comicios presidenciais de 2015 onde, salvo reforma constitucional, a presidenta Cristina K non poderá presentar a súa candidatura. Por tanto, o “kirchnerismo” busca afianzar a súa hexemonía política renovando a maioría parlamentaria e do Senado alcanzada en 2011, e que lle permite dende entón a aprobación dos diversos proxectos de lei enviados pola presidencia.

Tras ser reelixida na presidencia en 2011, Cristina K non amosou ningunha tentativa por buscar unha modificación constitucional vía parlamentaria para poder presentarse como candidata para o período 2015-2019. Non obstante, e en chave política, esta decisión dependería en gran medida dos resultados do “kirchnerismo” nos próximos comicios lexislativos, así como da súa inevitable sucesión de candidaturas.

Neste sentido, o tradicionalmente atomizado escenario político arxentino estará enfocado nas Primarias Abertas Simultáneas e Obrigatorias a realizarse o próximo 11 de outubro, na que se designarán as candidaturas para as bancadas lexislativas a nivel nacional, municipal e provincial. Tanto para o goberno como para a oposición, estas primarias constituirán un termómetro preelectoral necesario para considerar se o mapa parlamentario post-27 de outubro podería posibilitar unha elección constituínte que permita a reforma constitucional(1).

A atomización política

Neste sentido, e mentres o “kirchnerismo” observa con atención os vaivéns do péndulo político, a atomización electoral arxentina dirime diversas e eventuais pre-candidaturas presidenciais para 2015, enmarcadas nun amplo abano de partidos e movementos. Aparecen así o “peronismo disidente” abertamente opositor do “kirchnerismo”, personificado en militantes como o ex presidente Eduardo Duhalde, o ex candidato Francisco De Narváez e o deputado Felipe Solá. Ocupan igualmente o seu espazo a centroesquerda de Elisa Carrió, a Fronte Ampla Progresista (FAP) do socialista Hermes Binner, actualmente a segunda forza política a nivel nacional tralas eleccións de 2011; o sindicalista Hugo Moyano e, finalmente, da centrodereita Proposta Republicana (PRO) liderada por Mauricio Macri, xefe de Goberno da Cidade de Bos Aires desde 2007. Para moitos, Macri e a PRO eríxense como o principal favorito para confrontar ao “kirchnerismo” nas presidenciais de 2015.

Neste eventual baile político, determinado por unha forte competencia de candidaturas dentro da esquerda, especúlase cunha concreción de alianzas entre o “peronismo disidente” con Macri, a cal pode configurarse parlamentariamente tralas eleccións do 27 de outubro próximo. Se o “kirchnerismo” non renova a súa maioría parlamentaria, o próximo Congreso arxentino certificará unha atomización política que, eventualmente, podería beneficiar os intereses de Macri por constituírse nunha alternativa de liderado que presumiblemente remate en 2015 coa hexemonía “kirchnerista”.

A pesar da prolongada etapa de estabilidade e de crecemento económico desde que o “kirchnerismo” está no poder, afastando notablemente os pantasmas de “default” e creba financeira do pasado, o panorama pode crisparse politicamente tomando en conta o pulso entre Cristina K cos medios privados (principalmente o diario Clarín) así como das acusacións de presunta corrupción e de enriquecemento ilícito por parte dos Kirchner, vertidos recentemente en diversas canles privadas.

Outro escenario ten que ver coa tenue reaparición de crónicos problemas económicos como o desemprego, tomando en conta que o Instituto Nacional de Estatística e Censos (INDEC) calculou para abril de 2013 unha desocupación laboral do 7%, sendo en total 1,3 millóns de persoas, especialmente sensible na construción e no sector inmobiliario; da inflación (estímase nun 34% para finais de 2013); e un aumento da inseguridade cidadá, aspectos que poden constituír temas sensibles que graviten no campo electoral e político de cara a futuros comicios.

Así e todo, poucas perspectivas certifican a eventualidade dun final político  próximo para o “kirchnerismo”, con ou sen Cristina K na presidencia tralos comicios de 2015. Non obstante, as próximas eleccións lexislativas medirán con forza a súa hexemonía política e consolidación electoral, así como eventualmente abrirán o camiño de posibles liderados dentro do movemento.

Compre por tanto, considerar a especial incidencia e peso da mocidade do movemento formada na escola “La Cámpora”, inaugurada polo desaparecido Néstor Kirchner en 2003. Aquí pode acicalarse o posible peso político que teña Axel Kicillof (42 anos), actual Secretario de Política Económica e de Planificación ao Desenvolvemento, como eventual líder do “kircherismo post-Cristina K”.

Para a oposición, as cábalas electorais se traducen en eventualmente conformar un liderado unificado (similar ao acaecido coa Mesa da Unidade en Venezuela) que lle permita confrontar con forza ao “kirchnerismo” no 2015. Está igualmente por ver se Arxentina seguirá a senda recentemente experimentada en países como Honduras e Paraguai, de freo ao progresismo de esquerdas que chegou ao poder pola vía electoral na derradeira década en América Latina, a través do retorno ao poder das forzas conservadoras e reaccionarias. Precisamente, unha década que o propio “kirchnerismo” celebrará no poder nos próximos días.

 

CITA BIBLIOGRÁFICA:

(1) KOVACIC, Fabián, “Preparando el terreno para 2015”, Brecha (Uruguai), Nº 1.433, 10 de maio de 2013.