Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 4 de Agosto de 2015 VV.AA.

Arxentina: presidenciais 2015 e o “post-kirchnerismo”

Unha análise de Cintia Piñeiro, estudante en prácticas da USC

Un total de 32 millóns de arxentinos están chamados ás urnas o próximo 25 de outubro para elixir o novo presidente da Nación. Cabe destacar que os candidatos sairán das primarias que se realizarán o próximo 9 de agosto, pois segundo as enquisas realizadas, ningún partido político obtén unha porcentaxe maior ó 45% dos votos, polo tanto, moi probablemente celebrarase unha segunda volta ou ballotage o vindeiro 24 de novembro.

Moitos se preguntan cómo é posible que nestas eleccións o kirchnerismo, despois de gobernar durante doce anos no país, non sexa capaz de impulsar a un candidato afín. O aspirante oficial, membro da Fronte para a Victoria (FpV), o partido creado en 2003 polo desaparecido ex presidente Nestor Kirchner e a súa esposa e actual presidenta Cristina Fernandez de Kirchner, é Daniel Scioli, gobernador de Bos Aires. Algunhas enquisas sitúano como gañador da segunda volta; sen embargo, outros apuntan a que a vitoria nestas eleccións será para un tradicional opositor do kirchnerismo, Mauricio Macri, candidato da Proposta Republicana (PRO),  pois capitalizaría os votos doutro candidato situado á dereita do actual goberno, neste caso Sergio Massa, candidato pola Fronte Renovadora (FR). Massa, quen foi xefe de Gabinete da actual presidenta Cristina Fernández de Kirchner e logo converteuse no seu principal opositor, queda cada vez máis afastado nas enquisas nestas eleccións.

Diversos grupos de poder tentan convencer a Macri e Massa para unirse na pretensión de derrotar o oficialismo representado por Scioli e a actual presidenta Fernández de Kichner, quen constitucionalmente non pode optar á reelección. Sen embargo, Macri descartouno por completo cando declarou que “Massa representa unha interna dentro do peronismo, é una alternativa do kirchnerismo. Non podemos confiar naqueles que gobernaron nos últimos 25 años”.

Scioli e o kirchnerismo

Se algo aparentemente define a Daniel Scioli é a súa capacidade de adaptación e a súa falta de claridade respecto ao seu posicionamento político. En 1997, Scioli uniuse ao ex presidente Carlos Menem, a quen moitos consideran hoxe en día o executor das políticas neoliberais que conduciron á crise política, económica e social de 2001. Trala caída do menemismo, Scioli reubicouse dentro do kirchnerismo, chegando a ser o vicepresidente durante a presidencia Néstor Kirchner (2003-2007).

Nas súas declaracións, Scioli coida moito o feito de non tomar partido por completo; parece claro que é peronista, pero como ben é sabido, o peronismo agrupa unha amalgama de sectores, movementos e tendencias que van  dende o neoliberalismo menemista ata o populismo kirchnerista. Por iso, todos os interrogantes que se suscitan respecto á orientación política que tomará Scioli no caso de chegar á Casa Rosada, parece que seguirán sen resposta ata que iso suceda.

Mauricio Macri e o PRO

Macri fíxose popular por presidir o Clube Atlético Boca Juniors en 2008, o clube más emblemático da cidade. Nos seus últimos anos nesta institución deportiva comezou a preparar a súa entrada na política. Concretamente, no ano 2003 creou o partido Compromiso para o Cambio, que en 2007 encabezou a alianza electoral Proposta Republicana, máis coñecida como PRO. Ese ano gañou a xefatura do Goberno da Cidade Autónoma de Bos Aires.

Igual que Scioli, Macri afástase do estilo de confrontación tan próximo ao kirchnerismo: se Scioli prefire a resistencia ó enfrontamento directo, Macri afástase da ideoloxía. Para este último, administrar un país ou unha cidade é moi diferente de xestionar una empresa privada. Gobernar redúcese, pois, a crear equipos de traballo capaces de lograr resultados eficaces e eficientes. De  feito, aínda que ao principio Macri creou o seu partido moi próximo aos sectores conservadores do peronismo, pronto aspirou a converterse no único partido con aspiración de arrebatarlle o poder ao peronismo.

Neste sentido, e segundo asegura o investigador Gabriel Vommaro, coautor do libro Mundo PRO (Planeta), nun artículo publicado en Le Monde Diplomatique: “O PRO proponse, dende as súas orixes, como una forza que ingresa na actividade política co obxectivo de renovala, mobilizando para iso valores do mundo da empresa e da sociedade civil, do voluntariado e da expertisé”.

Con esa vaguidade conceptual, sumada a unha poderosa capacidade de mobilización cidadá  e a unha estratexia comunicativa, o PRO conquistou o espazo político dispoñible para unha dereita moderada e civilizada, sostendo ao mesmo tempo un apoio crecente na Capital Federal de Bos Aires.

Proxecto de país

Pero, ¿cál é o proxecto de país? A esta pregunta, ambos candidatos, Scioli e Macri, tentan non responder con exactitude máis aló de lugares baleiros de polémica. Non obstante, o problema é que Arxentina enfronta no seu futuro inmediato  incertezas que o goberno está pospoñendo durante este ano electoral. A actual presidencia sostén de forma irregular a divisa e a cotización do dólar no mercado paralelo, mantén unha política de industrialización baseada na substitución de importacións e, como pode, compensa os desequilibrios coas divisas das exportacións. Quizais este modelo non sexa sostible a longo prazo, pero nun ano electoral como este posiblemente a ningún político lle guste a idea de pensar no medio ou longo prazo.

O próximo goberno arxentino, encontrarase cun panorama de “recesión, inflación, déficit fiscal, conflitividade xudicial pola débeda pública e falta de inversión a longo prazo”, advirte o analista Alberto Ramos, da consultora Goldman Sachs. O próximo goberno deberá corrixir algúns desvíos macroeconómicos, como a escaseza de dólares, as distorsións nos índices de inflación, problemas do gasto público como os subsidios á enerxía, e moitas dificultades para reactivar o crecemento. Sen embargo, pese a todo, probablemente non recibirá unha economía tan descontrolada como noutros tempos. 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais