Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Mundiario (Galicia-España) 13 de Agosto de 2013 Mansilla Blanco

Arxentina: un aviso para CK

ck.jpg

As recentes eleccións primarias celebradas o pasado 11 de agosto en 24 provincias da Arxentina, test electoral previo aos comicios lexislativos de outubro próximo, ven sendo constantemente analizado nos medios locais e internacionais como unha marcada derrota electoral para a presidenta Cristina Fernández de Kirchner e o seu movemento Fronte para a Vitoria (FpV)  Non obstante, a realidade non asegura dende diversas ópticas que esa derrota sexa decisiva, coincidindo coas perspectivas emanadas dende determinados sectores opositores na Arxentina por propiciar un eventual “fin de ciclo” para o “kirchnerismo”. 

Unha perspectiva, curiosamente, similar á acaecida en Venezuela tralos comicios presidenciais de abril pasado, que deron a vitoria pola mínima ao actual mandatario Nicolás Maduro. A perda de votos do “chavismo” desde as eleccións presidenciais de outubro pasado, así como as inquietudes sobre o “chavismo post-Chávez” imprimiron e exerceron dalgún xeito o seu peso dentro do “kirchnerismo” tras estas primarias.

Con todo, estas primarias confirmaron a hexemonía política do “kirchnerismo” como o movemento con maior capacidade de mobilización a nivel nacional nas derradeiras décadas na Arxentina. Con todo, non deixa de ser relevante considerar que os mesmos supoñen un serio aviso para a presidenta Cristina K, en particular tomando en conta a xa anunciada probabilidade de perda de votantes.

Os dilemas do “kirchnerismo”

Tomando como referencia as eleccións presidenciais de 2011, o “kirchnerismo” perdeu case catro millóns de votos, un escenario que eventualmente complicaría a renovación da súa maioría lexislativa así como as hipotéticas pretensións de Cristina K no cometido de abordar unha reforma constitucional a través do poder lexislativo para, eventualmente, poder presentar a súa candidatura para un novo período presidencial nos comicios pautados para 2015.

Polo tanto, a lectura preliminar destas primarias da a entender un serio aviso para Cristina K, aínda que non definitivo nin moito menos decisivo. Este test electoral, aínda que de carácter simbólico e consultivo, constituía unha proba non menos estratéxica de cara aos comicios lexislativos do próximo 27 de outubro. Dende a perspectiva histórica, estas son as segundas eleccións primarias que se levan a cabo na Arxentina desde que en 2011 se concretaran as PASO, acrónimo de Primarias, Abertas, Simultáneas e Obrigatorias, como parte dunha reforma política orientada a configurar un sistema electoral de maior apertura, participación e transparencia.

Así e todo, nesta ocasión, a marcada atomización e fragmentación de candidaturas así como o escaso contido de debate político e ideolóxico, determinaron un ambiente de escasa atención por parte da cidadanía que, evidentemente, reflectiron nunha .

O gobernante Fronte para a Vitoria (FpV), dirixido pola presidenta Cristina Fernández de Kirchner, abandeirada do “kirchnerismo”, foi o único partido que se presentou de forma unitaria nas 24 provincias en xogo, aspecto que por unha banda determina a súa indubidable hexemonía dentro do tradicionalmente atomizado escenario político arxentino. No obstante, o actual escenario post-PASO ben merece unha lectura máis reflexiva por parte de Cristina K, en particular ante o ascenso de novas candidaturas disidentes dentro do “peronismo kirchnerista”.

O “efecto Massa”

Desde 2011, o “kirchnerismo” conserva a maioría no Congreso e o Senado, aspecto que está en xogo nos comicios do próximo 27 de outubro. Isto repercute no carácter estratéxico destas primarias para medir a fortaleza do “kirchnerismo” e das novas candidaturas. Así, o resultado presentou certa diversidade de escenarios que pode, eventualmente, conformar unha bipolaridade central para o próximo 27/O.

O FpV de Cristina K perdeu case catro millóns de votantes nestas primarias con respecto aos comicios de 2011. Ese ano, o “kirchnerismo” superou os dez millóns de votos mentres o domingo pasado, a nivel nacional, alcanzou 6,8 millóns de votantes, menos do 30% esperado. En perspectiva, case un terzo dos arxentinos votou polo FpV mentres no agregado de votos sumados polas diversas tendencias da oposición, atopamos unha marcada atomización.

A Fronte Renovadora (FR) de Sergio Massa, candidatura disidente do “peronismo kirchnerista”, alcanzou a nivel nacional un espectacular 25,7% dos votos, apontoando a súa maioría na Provincia de Bos Aires, o test electoral chave e decisivo. Compre considerar que o FpV e a FR superaron o 50% dos votos, fronte a un 24% da suma de votantes alcanzado polas demais forzas políticas opositoras ao “kirchnerismo”: o Partido Socialista, a conservadora Unión Cívica Radical (UCR), a liberal Proposta Republicana (PRO), etc. Dentro desta atomización do escenario político arxentino, de cara aos comicios do 27/O, o panorama pode eventualmente dirimirse nunha bipolaridade FpV-FR.

Deste modo, o “efecto Massa” pode constituír nunha variante complexa para o FpV. Supón unha disidencia do “kirchnerismo” que eventualmente podería alcanzar a votantes doutras capas sociais aínda que resulta unha incógnita a súa consolidación a mediano prazo, especialmente se tomamos como perspectiva as presidenciais de 2015. Os votos de Massa non son exactamente votos “anti-kirchneristas”, incluso esta tendencia pode reverterse de cara ao 27/O, pero o resultado de Massa e a opción FR necesariamente obriga a unha reflexión para o “kirchnerismo”.

Neste sentido, a sensible perda global de votantes para a FpV na Provincia de Bos Aires reforza igualmente a Massa e ao FR de cara a outros movementos claramente opositores ao “kirchnerismo”, como é o caso da opción encarnada no gobernador bonaerense Mauricio Macri e o seu movemento PRO, variante da dereita liberal cuxos resultados nas primarias non foron os desexados. Incluso especúlase con movementos no péndulo opositor que pode determinar eventuais alianzas entre peronistas disidentes, a ascendente FR e incluso o propio PRO, persuadido a perder bancadas parlamentarias en outubro próximo de seguir esta tendencia. 

Cuestión de maiorías

Todo iso obriga a Cristina K a reflexionar as súas estratexias nos próximos dous meses e medio que faltan para as lexislativas. A súa mensaxe post-electoral pareceu “minimizar” a evidente perda de votos, un aspecto que non oculta nin esconde as complexidades e dificultades que abordan a partir de agora ao “kirchnerismo”. A diferenza é que Cristina K segue tendo a batuta e unha marxe de manobra considerable, especialmente de cara ás clases populares e humildes, bastións de apoio ao “kirchnerismo” na última década.

A chave é saber como reaccionará Cristina K nas próximas semanas, aínda que é moi probable que adopte un estilo mais conciliador orientado a non perder votantes e recuperar outros, aparentemente seducidos por Massa. Este, pola súa banda, deberá guiar unha titánica tarefa de consolidar ao FR como un partido referente a escala nacional nun sistema político marcado pola atomización e a fragmentación, así como pola preponderancia de liderados e personalismos de carácter rexional, obstáculo co cal enfrontouse anteriormente o propio Macri e o PRO e que, visiblemente, repercutiron na súa escasa proxección nacional.

Aínda que a lectura postelectoral a nivel de provincias é diferente para Cristina K e Massa, todo parece indicar que ambas forzas serán as que se midan, con diferente nivel de intensidade, nas próximas eleccións lexislativas. O ascenso de Massa pode explicar, dalgún xeito, o peso e efecto electoral que tiveron as acusacións de presunta corrupción dentro do “kirchnerismo”, lanzadas nos derradeiros meses polo xornalista Jorge Lanata así como dende diversos sectores e medios privados claramente opositores. Isto, sumado ao consabidos temores no campo económico con especial atención ao retorno da inflación así como dos índices de inseguridade cidadá, son factores que igualmente puideron pasar factura a Cristina K. 

Así e todo, o reto da presidenta arxentina enfócase en manter unha maioría lexislativa seriamente cuestionada tras estas primarias. De conservala, abriríase con firmeza a perspectiva de reforma constitucional para eventualmente presentarse como candidata presidencial en 2015. Pero observando a atomización do panorama electoral arxentino, estas perspectivas comezan a perder gas para Cristina K, aducindo a posibilidade de que a súa reelección quedara sepultada tras estas primarias. En todo caso, e a pesar da visible derrota, sería impreciso considerar que estamos ante o “fin de ciclo” para o “kirchnerismo”.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais