Distribuir

Distribuir contido
IGADI 6 de Xullo de 2012 Lamoso González

As bases e perspectivas da Política Exterior brasileira

Dilma Roussef (á esquerda) durante o IV Cumio do Grupo BRICS celebrado en Nova Delhi en marzo de 2012. Na foto aparecen xunto a ela, de esquerda a dereita, o ex presidente ruso Dmtri Medveded, o presidente indio Manmohan Singh, o presidente chinés Hu Jintao e o mandatario sudafricano Jacob Zuma.Actualmente Brasil está a acadar un protagonismo indiscutible nas relacións exteriores españolas e galegas. Foi o propio Alberto Núñez Feijoo, presidente da Xunta de Galicia, o que destacou que este país é un referente estratéxico para Galicia, un aspecto que é razoable se temos en conta que Brasil é, na actualidade, a 6ª economía mundial. Ao mesmo tempo, tamén forma parte dun selecto grupo de “potencias emerxentes” denominados BRICS que cada vez están a acadar un maior poder nos foros internacionais, especialmente agora no contexto de crise económica que está a afectar en maior medida aos países desenvolvidos.

Por todas estas razóns, existe a necesidade de comprender cal é a visión que teñen do mundo os dirixentes brasileiros, qué fins perseguen coa súa política exterior e qué estratexias están a desenvolver para alcanzalos. O obxecto deste artigo é poñer algo de luz sobre estas cuestións e para centramos a atención sobre tres aspectos. En primeiro lugar, as dúas liñas de pensamento sobre as que se asenta a política exterior do Brasil, sendo estas a liberal e a autonomista.

Nun segundo apartado centraremos a nosa atención sobre os eixos estratéxicos que caracterizan a política exterior do Brasil, como son a integración rexional e a cooperación Sur-Sur. Por último faremos referencia ao papel que as Forzas Armadas brasileiras desempeñan actualmente na acción exterior deste país.

As relacións internacionais do Brasil: o pulso entre “autonomistas” e “liberais”

O Brasil é considerado unha potencia emerxente e, coma tal, inclúese dentro do grupo dos denominados “países do Sur” ou “non desenvolvidos”, polo que a súa política exterior vai a estar en sintonía con esta premisa.

Neste sentido, o Ministerio de Asuntos Exteriores do Brasil, coñecido como “Itamaraty” está dividido por dúas correntes de pensamento claramente diferenciadas. Por unha banda están os “autonomistas” e pola outra están os “liberais”. Fundamentalmente, a diferenza entre ambos corresponde a que o grupo dos autonomistas entende que o Brasil debería desempeñar no mundo un papel de líder autónomo mentres que os liberais consideran que o que deben facer é cooperar cós países do Norte para poder chegar a acadar o seu nivel de desenvolvemento.

Así as cousas, a corrente autonomista centra a súa atención na cooperación Sur-Sur así como en reducir ao máximo a dependencia dos denominados “países do Norte”. Para conseguilo cren que o Brasil debería abrir a súa economía ao mundo a través da integración rexional, na que debería desempeñar o papel de líder, aínda que dun xeito benevolente có resto dos países que forman parte desta. Por último destacan a necesidade de participar en institucións internacionais có ánimo de reducir o poder que teñen os países desenvolvidos na area internacional (Fontaine, de la D. e Seifert, J.: 2010,6).

Pola súa banda, o grupo dos liberais tamén queren que Brasil se converta nun importante actor da política internacional, pero para iso consideran que o mellor camiño a seguir é que Brasil forme parte do grupo dos países desenvolvidos. Para elo estiman que deberían potenciar a cooperación económica con Estados Unidos e coa Unión Europea (Fontaine, de la D. e Seifert, J.: 2010,6). O fin último sería o de expandir o poder político e económico do Brasil cara estes países a través de asociacións de libre comercio, en vez de facelo a través de estruturas de integración rexional ou das unións aduaneiras, xa que estas poderían dificultar as negociacións comerciais con outros posibles socios no ámbito internacional (Gomes, M.: 2012, 89-90).

As elites e os dirixentes brasileiros veñen defendendo unha ou outra liña de pensamento dependendo do partido político ou da súa ideoloxía. No caso dos tres derradeiros presidentes brasileiros, existen marcadas diferenzas na formulación das súas respectivas políticas exteriores. Por exemplo, o mandatario Fernando Henrique Cardoso (1995-2002) inclinábase claramente pola opción liberal, mentres que os seus sucesores Lula da Silva (2003-2010) e a actual presidenta Dilma Rousseff, seguen a corrente autonomista.

O presidente Cardoso, unha vez alcanzada a estabilidade da moeda brasileira, entendía a apertura do Brasil aos mercados coma un desafío ao que o país debía enfrontarse co ánimo de que as empresas brasileiras se volvesen cada vez máis competitivas no eido internacional. Ademais, este apostaba pola participación activa do Brasil en foros multilaterais rexidos por modelos de gobernanza, onde se puidesen corrixir as desigualdades derivadas dos procesos globalizadores (Cardoso, F.H. : 2001, 7-8).

O período presidencial de Lula da Silva caracterízase por ser unha etapa de ruptura e cambio coa liña de actuación seguida polos anteriores dirixentes do país, fundamentalmente no que se refire a política exterior, apostando por unha estratexia claramente autonomista. Os eixos da política exterior de Lula da Silva foron a cooperación Sur-Sur e a integración rexional. Enténdese así que as prioridades do seu goberno foran MERCOSUR e as relación coas “potencias emerxentes”, fundamentalmente agrupadas nos BRICS, é dicir Rusia, India, China e Sudáfrica, para o que recorrerá ás asociacións estratéxicas. O seu obxectivo era o de liderar a integración rexional de América do Sur e converterse nunha alternativa ó poder de EUA na rexión, aínda que as relacións có goberno desta potencia definíanse como moi boas.([1]) O fin principal destas decisións é tentar equilibrar a balanza de poderes na escena internacional e tentar contrarrestar o poder e protagonismo dos países desenvolvidos.

As relacións internacionais de Lula da Silva asentáronse sobre tres piares: económico, político e social. No que se refire á diplomacia cultural, seguirá mantendo boas relacións e contacto cós países desenvolvidos e cumprindo os compromisos internacionais. Pola súa banda, a diplomacia política baseouna en defender os intereses nacionais do Brasil tentando desempeñar un papel protagonista, o que se concretou en potenciar a presenza diplomática de Brasil no mundo, fundamentalmente en África e Asia a partir da apertura de oficinas diplomáticas. Esta estratexia representou unha ruptura coa era anterior, que se caracterizaba pola submisión do Brasil ás potencias desenvolvidas (Fagundes, P.: 2011, 24). Por último destacar que na nova etapa liderada por Dilma Rousseff se están a continuar as políticas emprendidas por Lula.

A integración sudamericana e a Cooperación Sur-Sur

Os dous grandes eixos sobre os que se asenta a actual política exterior de Brasil son os de acadar un papel de líder na súa rexión a través dunha estrutura de integración rexional da que formen parte os países de América do Sur; e a cooperación Sur-Sur, que se asenta principalmente na cooperación con outras “potencias emerxentes”, como por exemplo India e Sudáfrica a través do grupo IBSA, así como có continente africano.

En primeiro lugar, observaremos os proxectos de integración de América do Sur defendidos polo Brasil. Así, o proxecto brasileiro de integración rexional de América do Sur estaría asentado sobre tres niveis de cooperación territorial, o MERCOSUR, a Iniciativa para a Integración Sudamericana (IIRSA) e a Comunidade Sudamericana de Nacións (CASA), que actualmente se denomina Unión de Nacións Sudamericanas (UNASUR).

O MERCOSUR é unha área de cooperación rexional formada por Brasil, Arxentina, Paraguai e Uruguai ao que recentemente uniuse Venezuela, e que se asenta fundamentalmente sobre cuestións económicas pero que dende o Brasil se entende debería evolucionar cara outras áreas como a educativa, política ou a científico-tecnolóxica.

O caso do IIRSA é unha estrutura de cooperación entre todos os países que forman parte do continente suramericano que ten como obxectivo a integración destes países, pero reducido a un mero plano funcional, é dicir, o fin da cooperación sería o da construción de infraestrutura de transportes, comunicacións e enerxía. Por último, UNASUR vai moito máis alá, é unha estrutura de cooperación formada por todos os países de América do Sur có ánimo de alcanzar unha unión política entre todos eles (Fagundes, P.: 2011, 28). Fundamentalmente, o que pretende o Brasil a través destes proxectos de cooperación rexional é aportar unha alternativa ós tratados de libre comercio entre os países de América do Sur e EUA, representados polo ALCA-NAFTA, é dicir, Brasil quere desempeñar en América do Sur o papel de líder económico e cultural que ata o de agora exerceu EUA en todo o continente.

Por tanto, as elites e os dirixentes brasileiros entenden que o seu país é o líder naturais da rexión de América do Sur, xa que consideran que contan cun poder superior ao resto dos países da rexión no ámbito internacional, tanto cultural, como económica ou militarmente. Así, Brasil está a centrar a súa política exterior na cooperación Sur-Sur como medio para lograr unha posición dominante nos foros internacionais, o que lle proporcionaría una posición de maior poder para impoñerse na rexión (Fontaine, de la D. e Seifert, J.: 2010,9-11).

Como primeiro paso para lograr este obxectivo propóñense liderar as relacións entre os países da súa rexión, encargándose de minimizar ao máximo ou incluso suplir a influencia que EUA viña exercendo ata o de agora. Coma xa destacamos, durante a etapa de goberno de Lula da Silva, tentouse romper coa tendencia dos gobernos anteriores, seguidores da corrente liberal, que primaban as relacións cós países do Norte, e onde este non podía máis que estar supeditado aos seus ditados. Así, có fin de situar a Brasil como un actor a ter en conta na sociedade global actual, centrou a súa atención sobre espazos de poder aínda non cubertos, como a cooperación Sur-Sur (Fagundes, P.: 2011, 24-26).

Lula Da Silva foi o gran impulsor da cooperación Sur-Sur, xa que é a través desta como aspira a conseguir tanto a autonomía como a posición destacada a nivel internacional que lle é propia ao Brasil, máximo fin da liña ideolóxica autonomista na política exterior brasileira, e que entronca tamén coa ambición por conquistar novos espazos de poder político no plano internacional a través da potenciación do multilateralismo.

Algúns exemplos neste sentido son a formación do G-20, o IBAS, a asociación con países de África, etc. coma vimos destacando ao longo deste artigo. Un dato a ter en conta, e que evidencia este interese polo sur, é que as exportacións do Brasil cara estes territorios, fundamentalmente África, Asia e América do Sur, superaron en 2005 as exportacións cara os países desenvolvidos, fundamentalmente, EUA e a Unión Europea (Ayllón, B. e Costa, I.: 2010, 69-71). A cooperación Sur-Sur do Brasil está asentada sobre dous principios, a solidariedade e a corresponsabilidade, e ten coma fin o de promover o desenvolvemento socioeconómico dos países beneficiarios da axuda.

Esta está asentada sobre outro dos piares da política exterior brasileira, como é o multilateralismo. Un exemplo desto é o Foro de Diálogo IBSA, que consiste nunha estrutura de cooperación multilateral entre India, Brasil e Sudáfrica para actuar no continente africano. Este proxecto basease en empregar as estruturas de cooperación internacional preexistentes para favorecer a distribución de recursos dun xeito equitativo. O principal punto forte deste foro é que os tres países contan con niveis de desenvolvemento equitativos, polo que é máis doado cooperar e chegar a acordos; e cun obxectivo prioritario, minimizar a influencia de Washington e das grandes potencias no ámbito internacional.

O Foro de Diálogo IBSA naceu en 2003 coma un espazo de cooperación entre tres países que comparten a visión global e multilateral do mundo, a máis de diversos intereses, capacidades, valores e necesidades, o cal se formalizou mediante a Declaración de Brasilia. A primeira xuntanza deste foro tivo lugar en 2006, precisamente en Brasilia, e nela participaron os máximos representantes destes tres países. Como produto desta xuntanza firmaron cinco documentos, acordos trilaterais e memorandos de entendemento que tiñan coma propósito o de fomentar a cooperación trilateral nos sectores do comercio, a enerxía, o transporte e o sector social (John de Sousa, S.:2007, 1-4).

A política de Defensa brasileira

Polo que se refire a aspectos relacionados coa Defensa, na actualidade o Brasil encóntrase entre os países do mundo que máis recursos destinan a gastos militares, sendo o primeiro da lista no conxunto da rexión de América do Sur (Sar, del E.: 2009, 13-14).

Dende 2008, Brasil conta cun Plan Estratéxico de Defensa Nacional que se asenta sobre o principio de non intervención nos asuntos internos dos países e sobre a resolución pacífica dos conflitos. Este plan determinou que as dúas zonas de especial atención serían as rexións do noroeste e do Atlántico Sur, sendo o Amazonas a área prioritaria (Sar, del E.: 2009, 2-8). Este Plan Estratéxico de Defensa Nacional establece a necesidade de crear un poder efectivo con efecto disuasorio, creada fundamentalmente sobre o temor ante un posible expansionismo de EUA ou da deprecación dos recursos naturais (Sar, del E.: 2009, 10).

Os tres eixos sobre os que se asenta a Estratexia Nacional de Defensa do Brasil son a reorganización das Forzas Armadas, a reestruturación da industria brasileira de material de defensa e, por último, na política de composición dos efectivos das Forzas Armadas([2]). Pola súa banda, a protección do Amazonas considérase como un dos seus obxectivos prioritarios, enfocado en defender a soberanía do Brasil sobre ese territorio xa que pode ser obxecto de interese para outros países como Venezuela, Colombia ou Perú. Tamén se entende coma prioridade fomentar a cooperación militar entre os países da rexión así como a integración das bases industriais de defensa, o que repercutiría nunha diminución da probabilidade de que se produzan conflitos entre ditos países, polo que establece as bases para preparar o funcionamento do Consello Suramericano de Defensa.([3]).

Así as cousas, Brasil ten que dar resposta ós problemas suscitados en tres ámbitos, o local ou nacional, o rexional e o global. No ámbito local, a Defensa entendese como a reafirmación do poder do goberno, que ostenta o monopolio da violencia dentro do seu territorio. As actuacións neste ámbito están relacionadas fundamentalmente coa loita en contra do tráfico de drogas. No ámbito rexional, é dicir, América do Sur, a defensa brasileira ten a tarefa de garantir a paz e a estabilidade dentro do continente.

Así, as cuestións principais a ter en conta neste ámbito serían os problemas con EUA derivados da reactivación da cuarta flota e a preocupación que amosa o Brasil ante a posibilidade de que esta comece a navegar sobre as augas do Atlántico Sur, consideradas de máximo interese para este país; a moderación e o control das accións e posturas do presidente venezolano Hugo Chávez respecto de Colombia; e a necesidade de crear unha estrutura rexional de Defensa. Por último, no ámbito global debe garantir ao país o respecto que unha potencia como Brasil se merece no escenario internacional. Para alcanzar este fin Brasil está a encamiñar todas as súas accións en conseguir un submarino nuclear que lle proporcione a imaxe dun país que está inmerso nunha estratexia de desenvolvemento tecnolóxico (Rosendo Fraga citado por Bertonha, J.F.: 2010, 114-115), así como tamén pretende un lugar dentro do Consello de Seguridade da ONU, a tenor da anunciada reforma institucional deste organismo e que ten como base a ampliación do Consello de Seguridade.

Conclusións

Compre resaltar que Brasil nos últimos anos está a dar tódolos pasos necesarios para converterse nun gran actor global a ter en conta. Para conseguilo está a optar non por establecer relacións cós países do Norte senón por potenciar as relacións entre os países en vías de desenvolvemento, o que lle está a dar unha capacidade de influencia moi considerable, fundamentalmente no que se refire as relacións das institucións internacionais con estes países.

Por outra banda, se podería dicir que o Brasil está a desenvolver unha estratexia de poder intelixente como medio para acadar os seus fins. Este termo forma parte da doutrina do politólogo estadounidense Joseph Nye, e fai referencia á combinación do uso do “poder duro” có “poder brando”. É dicir, está a empregar como elementos de persuasión no exterior a súa fortaleza como potencia cultural, o que poderíamos identificar coma o seu “poder brando”; e, ao mesmo tempo, a está a combinar esta con elementos de “poder duro”, como por exemplo as inversións encamiñadas a contar cun gran poder militar ou o seu rápido desenvolvemento económico. Estas cuestións fan que Brasil conte cada vez con maior recoñecemento nas diferentes estruturas de diálogo e cooperación internacionais, o que lle proporciona unha posición dominante que empregará para erixirse coma líder da rexión de América do Sur.


 


([1]) Como se desprende dunha entrevista feita a Celso Amorim publicada no diario El País no ano 2003: http://bit.ly/LkBe7C

([2]) Estrategia de Defensa Nacional do Brasil: 2008, p. 5.

([3]) Estrategia de Defensa Nacional do Brasil: 2008, pp. 13-16.

 


Bibliografía
  • Ayllón, B. e Costa, I. (2010) “La cooperación Sur-Sur de Brasil. Proyección solidaria y política exterior” en La cooperación Sur-Sur en Latinoamérica. Utopía y Realidad. Coords. Bruno Ayllón e Javier Surasky. Instituto Universitario de Desarrollo y Cooperación. Universidad Complutense de Madrid.
  • Fagundes Visentini, P. (2012) “Brasil de Lula: una diplomacia global y afirmativa (2003-2010)” Austral: Revista Brasileira de Estratégia e Relações Internacionais.V.1 Nº.1 Jan/Jun, pp. 23-35.
Artigos Online
  • Bertonha, J.F. (2010) “Brazil: an emerging military power? The problem of the use of force in Brazilian international relations in the 21st century”. Revista Brasileira de Política Internacional. Nº53 (2), 107-124. http://goo.gl/lYXlh (Consultado o 29 de xuño de 2012)
  • Cardoso, F. H. (2001) “A política externa do Brasil no início de um novo século: uma mensagem do Presidente da República”. Revista Brasileira Política Internacional. Nº 44 (1): 5-12. http://bit.ly/Mgy6a4 (Consultado o 19 de xuño de 2012).
  • CEPAL (2009) A relação do Brasil com outros países latino-americanos. Workshop Cepal: Brasil como ator global. http://bit.ly/NTaopY (Consultado o 19 de xuño de 2012).
  • Fontaine de la, D. e Seifert, J. (2010) “The Role of South-South Cooperation in Present Brazilian Foreign Policy: Actors, Interests and Functions”. Institute of Latin American Studies, Stockholm University. http://bit.ly/NPAc50 (Conslultado o 19 de xuño de 2012).
  • Gomes Saraiva, M. (2012) “Procesos de integración de América del Sur y el papel de Brasil: los casos del Mercosur y la Unasur”. Revista CIDOB d’afers internacionals, n.º 97-98, (abril 2012), p. 87-100. http://bit.ly/M322pZ (Consultado o 19 de xuño de 2012).
  • De Sousa, John S. (2007) India, Brasil, Sudáfrica (IBSA) ¿Un nuevo tipo de multilateralismo interregional del Sur?. FRIDE, otras publicaciones, 10 de abril. http://bit.ly/Mtx3nA (Consultado el 24 de xuño 2012).
  • Marirrodriga, J. (2003) “Tenemos muchos puntos en común con Estados Unidos”. Entrevista Celso Amorim, Ministro de Exteriores de Brasil. El País, 22 de xullo de 2012. http://bit.ly/LkBe7C (Consultado o 19 de xuño de 2012).
  • Sar, del E. (2009) “El Amazonas y sus implicaciones para la seguridad de Brasil”. Centro Argentino de Estudios Internacionales. Working Paper nº 21, publicado o 16 de novembro de 2011. http://bit.ly/LWKRpY (Consultado o 24 de xuño 2012).

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais