Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
ECO 8 de Xaneiro de 2014 Ríos

As correntes do ano entrante

No ano que agora comeza asoma unha axenda abondosa en trazos de mudanza que afectan a importantes actores da sociedade internacional. Rusia, por exemplo, o protagonista inesperado de 2013, deberá confirmar as súas credenciais para asentarse como piar dun hipotético triunvirato global, con EUA e China ás súas beiras. É sabido que o presidente Putin e boa parte da sociedade rusa acariñan esa volta ao centro da política internacional, pero tamén que as bases nas que se sustenta aínda non superaron o estigma da decadencia. Obama, pola súa banda, afrontará a metade do seu segundo mandato cunha fronte interna marcada pola lenta e insegura recuperación da economía e as persistentes tensións políticas cos republicanos. No exterior, a reordenación das estratexias da Casa Branca e do Pentágono afectan ás áreas mais sensibles do mundo, dende Oriente Medio a Asia-Pacífico, pasando por América Latina, Oriente Medio, etc. China, pola súa banda, aspira a combinar o profundamento das reformas internas cun maior protagonismo internacional, visibilizando reclamacións que antes só se atrevía a formular coa boca pequena. O seu reto maior consiste en contrariar a negativa evolución experimentada nas relacións con Xapón, especialmente arredor das illas Diaoyu/Senkaku. Nesta ecuación, Europa non aparece por méritos propios. A súa crise probablemente vivirá novos episodios (tamén no eido territorial que poderían afectar de cheo a España) tras coñecerse os resultados das eleccións ao Parlamento europeo que con seguridade evidenciarán os nefastos efectos políticos das reformas aplicadas nos últimos anos coa escusa da superación da crise e que veu a reforzar o poder dos seus responsables en detrimento das súas vítimas, os cidadáns. O espello de todas estas mutacións reflectirase no devalar das alianzas de potencias medias como Arabia Saudita. Irán, Turquía, Israel, e ata Xapón. E tamén no continente africano, que seguirá medrando por riba da media.

Coa economía mundial en plena fase de reformas e cunhas esperanzas de recuperación aínda febles no mundo desenvolvido, as dinámicas globais apuntan a dúas tendencias principais: a integración e a conformación de bloques. Os novos acrónimos eclipsarán progresivamente aos vellos, entre tentativas de acomodamento aos novos fluxos. Especial interese revistirá o intento de Washington de estender o NAFTA a Centroamérica, o decantamento das diferentes propostas de integración en América Latina a diferentes niveis (CELAC, UNASUR, Alianza do Pacífico, ALBA, etc.), a marcha das negociacións en Asia-Pacífico a propósito do TPP (liderado por Washington) e da RCEP (liderada por China), os avances no TTIP coa UE, o dinamismo que poidan amosar o BRICS ou o alargamento da esfera de intereses da Organización de Cooperación de Xangai… Por esas rutas irá discorrendo o mundo do século XXI.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais