As fracturas de Europa

Hai pouco lin un libro que furga nas tensións europeas (“O euro, anos críticos”), vistas dende a óptica francesa. Nel se apunta a obviedade da tensión directa entre o pobo grego e alemán por razóns que conveñen a unha elite dentro do estado alemán, é dicir, e ao “stablishment” alemán, que a fin de contas é quen move os fíos do goberno teutón. Existe unha visión semellante dende outros puntos xeográficos europeos tamén.

Apartados xeográficos Europa
Idiomas Galego

Hai pouco lin un libro que furga nas tensións europeas (“O euro, anos críticos”), vistas dende a óptica francesa. Nel se apunta a obviedade da tensión directa entre o pobo grego e alemán por razóns que conveñen a unha elite dentro do estado alemán, é dicir, e ao “stablishment” alemán, que a fin de contas é quen move os fíos do goberno teutón. Existe unha visión semellante dende outros puntos xeográficos europeos tamén.

O discurso grego sobre a pobreza tense desenvolvido sobre o que Nikoforos Diamandouros chama a “cultura dos perdedores”. É dicir, unha animosidade contra o capitalismo e a  percepción binaria do mundo. Dividido entre amigos e inimigos de Grecia, neste caso. Por outra banda, Alemaña é percibida como unha ameaza e como o principal cancro da construción europea. Imaxinario compartido por outros estados periféricos europeos.

Pola contra, na prensa de Alemaña denúnciase unha suposta falta de respecto grego pola lei e polo ben público. Foméntase a idea de que tratamos cunha nación anárquica de xente indisciplinada, que en pouco se semella ao cidadán medio norteeuropeo, e é un imaxinario que impregna todos os medios, non só en Alemaña. Tamén no Reino Unido, Francia ou o Estado español.

Non obstante, persiste a sensación da existencia de dúas Grecias: dunha banda, os cidadáns ordinarios e doutro, elites inmorais capaces de subtraer todos os recursos do país con tal de manterse á marxe da debacle. A grande obsesión dos alemáns é o medo a perder o control, o que pon de manifesto a apropiación que o estado alemán fai do proxecto europeo, e a transmisión desa visión patrimonialista aos cidadáns alemáns a través dos medios.

En Grecia existe, como temos contado, o medo a unha xermanización de Europa. E non só alí os dirixentes de Syriza apuntan o discurso cara a responsabilidade, máis que cara a dominación ou ao cumprimento dos deberes no caso dunha submisión económica. Asemade, Merkel é xulgada, non só en Grecia, como responsable dun proceso errado de xestión da crise económica mundial, no contexto europeo, sacrificando o benestar de certos territorios da Unión para salvagardar os seus propios resultados en diversas eleccións locais e os intereses das elites locais alemáns.

A partires de aquí, a integración europea é vista como unha ameaza á riqueza dos pobos individuais. Ao mesmo tempo, a integración europea, criticada xa pola falla de democracia e a excesiva burocracia, conta tamén cunha deslexitimación da clase política. Sen rubor se apunta cara a renacionalización da política europea en función das necesidades da crise. En Alemaña coméntase abertamente a necesidade de manter o interese propio no seo da Unión Europea ou, polo menos, das grandes nacións. Merkel foi moi activa na difusión da idea de crear una política interior europea, interdependente entre os membros da zona euro, combinando renacionalización e interdependencia.

En definitiva, do clivage (da fractura) no seo dos estados membros pasouse ao clivage de estados (a fenda da política europea nos partillada nos Estados que a compoñen), intergobernamentalismo puro e duro para a xestión da crise e as responsabilidades derivadas dela. A partires de agora, imos asistir a unha nova conciencia de clase; aquela dunha clase transnacional composta de cidadáns ordinarios, contra malfeitores como unha elite incompetente e inmoral manipuladora do sistema financeiro internacional. E, por outra banda, un conglomerado de mecanismos de salvagarda entre gobernos (intergobernamental) que suplanta calquera vieiro propio da Comisión Europea, en caso de bancarrota dun estado membro. Este é a bagaxe da crise financeira que perseguiu a Comunidade dende 2008 e a recente experiencia en Grecia.

Viable un euro común?

O premio Nobel de economía Robert Mundell, considerado o “pai” do euro, fala de dous criterios fundamentais para crear unha moeda única estable: a mobilidade dos factores de produción e a simetría nas reaccións aos choques externos.

A pesares de terse buscado afondar na integración europea durante tempo, a converxencia europea non foi moi lonxe, e proba diso é o feito de que o presuposto europeo non pasa do 1% das riquezas que xeran as economías europeas nun ano. Desta maneira, a redistribución, e a  estabilización en caso de crise, terá sempre un impacto moi limitado.

A cuestión do endebedamento dos estados e o déficit público segue, e seguirá a ser, o tema central, polo que se desprende dos titulares. De tódolos xeitos, esquécese que a desorde no sistema financeiro internacional non é culpa do euro. Non obstante, o gran dilema é cómo organizar políticas e relacións económicas e monetarias dun grupo de países onde os intercambios son moi  intensos pero nun mundo en mutación.

A construción monetaria de Europa é, en parte, unha resposta rexional ao despropósito monetario internacional e, en definitiva, á liberdade de circulación de capitais a nivel internacional co fin de preservar a mobilidade interna europea e a simetría nas reaccións aos choques externos, como di Mundell. Pero isto último, parece que nunca se chegou a acadar.