As Idus de Marzo de Erdoĝan

No antigo calendario romano, as Idus de Marzo (Iduus Martiae) anunciaban os días de bo augurio, precedidos por festividades relixiosas en honor a Marte, deus da guerra. En perspectiva histórica, esta onomástica corresponde tamén ao asasinato do cónsul Xulio César, un punto de inflexión que deu paso á transición da República romana cara o Imperio. Pode que, dun xeito subxectivo, esta referencia histórica serva de precedente á hora de observar a decidida pretensión do presidente turco Recep Tayyip Erdoĝan de afianzar un sistema de cesarismo vitalicio, lexitimado a través do referendo constitucional pautado para o próximo 16 de abril.

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Europa
Palabras chave Turquía Erdogan
Idiomas Galego

No antigo calendario romano, as Idus de Marzo (Iduus Martiae) anunciaban os días de bo augurio, precedidos por festividades relixiosas en honor a Marte, deus da guerra. En perspectiva histórica, esta onomástica corresponde tamén ao asasinato do cónsul Xulio César, un punto de inflexión que deu paso á transición da República romana cara o Imperio. Pode que, dun xeito subxectivo, esta referencia histórica serva de precedente á hora de observar a decidida pretensión do presidente turco Recep Tayyip Erdoĝan de afianzar un sistema de cesarismo vitalicio, lexitimado a través do referendo constitucional pautado para o próximo 16 de abril.

A todo isto, os recentes roces diplomáticos de Erdoĝan con Alemaña e Holanda dirimen outra variable estratéxica, neste caso de cariz xeopolítico. Establecendo medidas de proselitismo provocativo no propio seo da Unión Europea, Erdoĝan  pretende fragmentar e alterar substancialmente a tradicional orientación pro-occidental e atlantista turca a favor dun eixe euroasiático aínda en cernes, traducido no reforzamento das súas relacións con Rusia, pero que non menoscaba o seu radio de irradiación cara China, Asia Central e incluso Irán.

Un plebiscito estratéxico

Para reforzar estas expectativas, Erdoĝan precisa dunha contundente vitoria electoral a mediados de abril. Lidera as enquisas pero sen garantir aínda unha maioría absoluta, toda vez avanza na represión post-golpe instaurada desde xullo de 2016 que abarca todos os espazos públicos do país.

A polarización pre-referendo vese fundamentada nos avances de tendencia electoral dos partidarios do “non”, aínda que os mesmos vense claramente divididos en canto ás súas respectivas representatividades políticas. Con todo, o contexto pre-referendo en Turquía ten reminiscencias co plebiscito chileno de 1988 que levou á caída do desaparecido ditador Augusto Pinochet. Os partidarios do “non” ven utilizando esta referencia como marketing electoral(1).

O que se votará o próximo 16 de abril en Turquía ten visos de ser un proxecto estratéxico, enmarcado no pulso de poderes que definirá o futuro do país para as próximas décadas. Este referendo constitucional prevé un cambio do actual sistema parlamentario a favor dun de cariz fortemente presidencialista, con claras expectativas de eliminar o equilibrio de poderes a través dun absoluto control presidencial do poder executivo. Un equilibrio de poderes que tradicionalmente ten sido moi sui xéneris na Turquía kemalista, pero que verase claramente sepultado en caso de gañar Erdoĝan.

Ampliando o período presidencial de 4 a 5 anos con posibilidade ilimitada de reelección, o que se votará neste referendo contén igualmente a supresión da figura do primeiro ministro, a ampliación da Asemblea Nacional de 550 a 600 membros, reducindo a capacidade parlamentaria de vetar o poder executivo.

Outras variables que propón este referendo son a potestade presidencial de decretar orzamentos, nomear ministros e membros do Tribunal Constitucional sen ser sometidos a escrutinio parlamentario, así como a eventual disolución da Asemblea Nacional. Todos estes factores que ilustran como a Turquía “erdoĝiana” encamiñaríase cara un sistema de “post-democracia” illiberal, un cesarismo autocrático de carácter vitalicio fortalecido por un liderado carismático e populista, tan en voga nos derradeiros tempos.

Erdoĝan e unha oposición neutralizada e dividida asumen que este referendo resultará estratéxico para dirimir o futuro de Turquía. Pero este pulso tamén xógase no exterior, e o imprevisible presidente turco coñéceo ben. Velaí os roces nas súas relacións con Berlín e A Haia a raíz das prohibicións neses países de mítines electorais de cara ás respectivas comunidades de emigrantes turcos por parte de ministros de Erdoĝan e de altos cargos do gobernante islamita Partido da Xustiza e do Benestar (AKP).

Mentres cualificou de “nazi” á chanceler alemá Ánxela Merkel por criticar o que considerou a “deriva autocrática” de Erdoĝan, o presidente turco suspendeu as súas relacións con Holanda tras vetar este país os actos electorais previstos cara a comunidade turca, nun momento no que este país estaba por celebrar as eleccións lexislativas nas que finalmente o foi derrotada a ultradereita do xenófobo e anti-islámico Geert Wilders.

Complexos equilibrios exteriores

Tensando a corda con Europa, Erdoĝan busca equilibrios a través dunha nova xeopolítica trazada a varias bandas, moitas delas complexas. Mantén inalterable a súa alianza euroasiática coa Rusia de Vladimir Putin, cuxo sistema político semella tanxencialmente tentar reproducir en Turquía. Non obstante, Erdoĝan ten igualmente avanzando na mellora das súas relacións con Washington con Donald Trump na Casa Branca.

Por tanto, Europa non semella contar como aliado estratéxico para Erdoĝan senón mais ben como un campo de batalla onde poder sacar réditos políticos. Busca influír na súa dinámica política establecendo un factor de conexión coa numerosa emigración turca residente na UE(2). Paralelamente, marca unha pauta de actuación directa vía Moscova e Washington como factor persuasivo de equilibrio xeopolítico, con complexas repercusións dentro da estratéxica posición turca no seo da OTAN así como nas de feito suspendidas negociacións de admisión na UE.

Evitando a confrontación directa con Erdoĝan, a cautela na resposta europea, principalmente por parte de Merkel, interprétase como unha medida disuasoria de cara ás pretensións do presidente turco de utilizar o "vitimismo" para recrear focos de polarización en Europa, que lle permitiran sacar ganancias electorais de cara ao referendo.

Pero a sintonía entre Trump e Erdoĝan está igualmente baixo sospeita ante as investigacións que realizan os servizos de intelixencia e de seguridade estadounidenses, e que está provocando fortes disputas entre o Pentágono e a actual administración na Casa Branca. Neste sentido, diversas fontes en EUA aseguran que os servizos de intelixencia están estudando un presunto lobby pro-turco na Casa Branca presuntamente manexado polo ex asesor de seguridade de Trump, Michael Flynn(3), cuxa súbita e inesperada caída en xaneiro pasado motivouse á presunta implicación do espionaxe ruso na actual administración de Trump.

Outro apartado ten que ver coa política exterior turca cara Oriente Próximo, a raíz da súa intervención militar en Siria. A estratéxica alianza con Rusia coloca a Erdoĝan no bando valedor do mantemento do réxime sirio de Bashar al Asad, principal aliado rexional de Irán. Pero é igualmente notorio o seu tácito apoio á fragmentada oposición siria, que incluso levouno no seu momento a avaliar o ascenso do Estado Islámico. Erdoĝan xoga un complexo xadrez en Siria que ten inevitables implicacións a nivel rexional.,  

A pesar dos achegamentos colaterais con Teherán vía Moscova, o ascendente peso xeopolítico iraniano igualmente persuade ao presidente turco a trazar novos equilibrios rexionais. A mediados de marzo, Erdoĝan visitou Arabia Saudita, o cal pode interpretarse como unha concreción de intereses orientada a conter o peso xeopolítico iraniano. A súa reconciliación con Israel trala crise diplomática de 2009-2010 ten igualmente visos de posicionar a Turquía como eixe de equilibrios dentro da recomposición territorial que se anuncia para Oriente Próximo.

As bases da Turquía “erdoĝiana”

En clave interna, Erdoĝan afronta diversas frontes que moi probablemente incidirán no referendo constitucional de abril. A represión post-golpe instaurada contra a rede Gülen está recreando fisuras en diversos estamentos internos da AKP, principalmente na coñecida “burguesía islamita” orixinaria da rexión de Anatolia, igualmente penetrada pola rede Gülen(4).

Estes pulsos de poder internos entre os sectores islamitas e o propio AKP afírmanse cada vez mais contra Erdoĝan, fragmentando un panorama político de por si polarizado. Esta realidade ten persuadido ao propio presidente turco á metaforsear un discurso fortemente nacionalista e patriótico, antano patrimonio monopolizado polos sectores kemalistas  tradicionalmente inimigos do  AKP. Estes sectores están principalmente dominados polo Partido Republicano do Pobo (CHP), o estamento militar e as redes do denominado Devlet Terim (“Estado Profundo”).

Con todo, Erdoĝan avanza nun proceso de islamización en Turquía que revela as súas intencións de erixirse como o referente histórico do islamismo político, derrubando así calquera contestación interna. Para iso, resulta imperativo sepultar á rede Gülen e someter ao AKP a un proceso de reestruturación. Sectores críticos incluso acusan dun proceso de “arabización” na Anatolia turca a raíz da chegada de refuxiados sirios, que Erdoĝan presuntamente estaría utilizando ao seu favor neste proceso de reestruturación do islamismo político turco “post-Gülen”.

Nesta polarización crecente da política turca, os sectores opositores vense aparentemente neutralizados e polarizados ante a preponderancia hexemónica no poder “erdoĝiano”. Neste sentido, o propio Erdoĝan telos utilizados para específicos intereses políticos, como o seu tácito apoio na represión post-golpe e principalmente no actual status quo de certos intereses compartidos entre Erdoĝan, a súa cúpula elitesca no AKP, o establishment kemalista e principalmente o poderoso estamento militar.

Convencido da máxima política establecida no principio de “divide e vencerás”, Erdoĝan transita polo seu particular Idus de Marzo decidido a instaurar a Turquía “post-kemalista” a través dun sistema fortemente personalista(5). Pero se ben a referencia histórica romana pode intuír que a aposta plebiscitaria de Erdoĝan busca un punto de inflexión histórico, os seus imprevisibles resultados poden resultar contraproducentes. Xulio César sabe moi ben diso.

 



(2) Incluso utilizando argumentos demográficos como unha especie de “quinta columna” dentro de Europa. Para maior información: http://www.hispantv.com/noticias/turquia/336118/erdogan-turcos-union-europea-tensiones-holanda. Sobre os equilibrios que Erdoĝan busca con Rusia e a OTAN, consultar: http://www.hispantv.com/noticias/turquia/284458/canciller-turquia-cooperaciones-rusia-otan

(5) Un sistema “erdoĝiano” incluso con visos de culto á personalidade, tal e como se observou recentemente co actual estreo dun custoso filme que narra a súa vida, Reis (“El Jefe”). Non obstante, o seu impacto foi bastante decepcionante, a tenor dos baixos índices de audiencia.